Tonas, obxectos e personaxes

Xabier Viana escribe sobre “Mondas”

Na páxina Web conminúscula.com publícase un artigo sobre Mondas, de Din Matamoro e María Infantes, acompañado dun vídeo sobre o libro. Desde euseino.org queremos salientar esta achega singular de Xabier Viana e a súa interesante análise do álbum ilustrado publicado na serie Onocrótalo.

Dela tiramos dous parágrafos cos que nos gustaría animar á súa lectura completa:

“A narración de María Infantes introduce un novo elemento nesta historia. Acompaña (e amarra) a eses obxectos comúns a un novo escenario, ofrecendo ao espectador-lector unha inesperada perspectiva. Esas tonas e restos de comida xa non son obxectos, son personaxes. Poden (esixen) desenvolver as súas propias actividades. Reunidos por arte de maxia creativa arredor do papel e retidos polas palabras a unha historia, logran construír un conto entre todos.

[…]

Mondas é un libro infantil… é un manual de instrucións para adultos. É un libro que axuda a entender a dinámica do acto creativo, o papel das formas e o valor da narración para reconstruír o mundo. Arte povera desenvolto nun arco temporal preciso. Durante anos e anos, atravesando a última crise económica, Din Matamoro fotografa centos de visións residuais na súa cociña.”

O artigo e o vídeo, na ligazón mira, crea, come.

Encontro de páxina en “Mondas”. Fotografía de Xabier Viana.

Lectura inmediata

Ora, en efecto, necesitamos de todo iso, porque a lectura inmediata, presuntamente aconceptual, é en realidade a máis conceptual de todas, só que os seus conceptos son os da pura banalidade e por iso non se fan notar como tales; xustamente para evitar esa conceptualidade trivial, é preciso todo o traballo da “interpretación”, o cal, polo tanto, non ten como función instaurar outra conceptualidade, que fose a boa, senón desaparecer e deixar estar pura e simplemente o poema. A inocencia que vale é a que está ao final; a do principio é un pseudónimo da trivialidade.

Felipe Martínez Marzoa, “De Kant a Hölderlin”

O gran cometa de 1881 (Cometa C/1881 K1). Observado na noite do 25 ao 26 de xuño a 1h. 30m. A.M., por Étienne Trouvelot. (Gravura XI de “The Trouvelot Astronomical Drawings”, 1881.)