“Dixen sen máis (2)”, por Hélène Cixous

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal (1900-1905), por M.-P. Verneuil

Coa segunda das cartas de Hélène Cixous, continuamos esta sección dedicada á correspondencia tal mostra dunha literalidade que rexistra as cousas mundanas. Como diciamos na entrega anterior, partimos da idea de que toda correspondencia é de todo o mundo para todo o mundo, comeza e remata aí, na súa propia literalidade, non no suxeito que a escribe nin naquela persoa á que vai destinada. Pódea ler calquera, está fóra de si, no mundo.

Hélène Cixous comeza esta nova carta preguntándose “por que sobre esas liñas verticais dos barrotes se estendían sen fin tantos dos seus libros, co lombo tremendo pola urxencia de liscar; por que, desde os catro anos, o seu pensamento tiña por compaña a música implacable e silenciosa desas cordas endurecidas que son os barrotes, dos que non se sabe se tentan enraizar nas profundidades ou se se elevan pola tracción dos soños cara as alturas”.


Agradecemos especialmente a Hélène Cixous a súa xentilexa e xenerosidade por permitirnos dar a coñecer estas cartas.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

“Dixen sen máis (Carta 2)”, por Hélène Cixous

Neste intre, ao rompente escuro do luns, 30 de marzo de 2020, estaría inmersa na preparación do seminario do 4; paréceme estar vendo o auditorio da Casa Heine e as vosas facianas, nas que leo o que vou dicir un intre despois.

O Asunto, suspendido, era, xa que logo, A Gaiola, ou Vidas, Mortes e Arranxos na Gaiola. Eu seguía as metamorfoses de Albertine baixo chave, e, de aí, no mesmo instante da experiencia mediante a escritura, metiámonos por detrás —ou por diante— dos barrotes das distintas prisións de Kafka, o campión do encarceramento, desde os seus pulmóns dentro da caixa torácica ata os seus pensamentos de besta inseparable do Liebster Vater como domador fracasado.

E, coma de costume durante os anteditos preparativos, H. preguntábase por que sobre esas liñas verticais dos barrotes se estendían sen fin tantos dos seus libros, co lombo tremendo pola urxencia de liscar; por que, desde os catro anos, o seu pensamento tiña por compaña a música implacable e silenciosa desas cordas endurecidas que son os barrotes, dos que non se sabe se tentan enraizar nas profundidades ou se se elevan pola tracción dos soños cara as alturas.

E, mentres vos escribo estas liñas, ante unha muralla de noite, sinto o vaivén de Haia e Isha, as dúas criaturas inmortais que sen compraceron en descender á miña altura en forma de gatas que se/me preguntan por que as manteño pechadas para preservalas das violencias do exterior. En tanto que bamboleadoras, frecuentan o alto dos roupeiros mais de pouco lles vale: é imposible atravesar os teitos, se non é coa imaxinación.

Querido/-a/-s amigo/a/s (aquí,* comezaba unha carta):

Neste lugar, vivimos coma vós na irrealidade do presente.

Todo está enfeitizado. O espazo arredor de nós era inmenso ata o día da maldición. A antedita inmensidade foi sepultada baixo a prohibición aos seres humanos cun toque de cinsas invisibles. As árbores que bailan para nós a danza do ventre están espectralizadas. Iso é que estamos insufriblemente sometidos ao sino da empatía. Nas interrupcións da Historia, a estreiteza das células en que se atopa detida a maior parte de nós ocupounos o cerebro; está estritamente prohibido e é imposible gozar máis alá dos lindes restrinxidos pola lei. Mesmo en soños, unha xa non sabe ben onde está.

Un miserable seminario menor remoe a noción de Umheimlich. Desta vez, estamos envoltos nas cintas de Umheimlich coma se fosemos momias. «Faixas»? Ousa preguntar a voz do seminario. Man ninguén ten o forno para bolos.

Coma a vós, dóenos a boca do corazón, todo nos doe.

O ano que vén…

Ai! “O ano que vén”!: vaia expresión! Tanto escintila, ao xeito da espada do arcanxo, que me fai deter en seco.

Así que o que trataba de dicir era: o ano qu… e de aí en diante, iriamos máis tarde os sábados ao seminario e

Non habendo tordos, teño uns cantos merlos que propoñervos. Asubían, triunfantes, e andan entretidos arredor da casa, da que son os propietarios indiscutibles mentres que nós somos os seus náufragos.

Esta é unha metáfora de segunda man, agora vola traduzo: non habendo seminarios, serei quen de compartir, coa axuda dos deuses, que tamén se ceibaron do xugo humano, algúns merlos de abril convosco?

Hèlène


* “Aquí”, antonomasia da casa xeórxica de Arcachon, que foi consagrada aos labores da escritura tras a morte en 1961 dun dos meus fillos e o nacemento doutro. Aquí é onde eu leo. Oxalá poidades estar todos vós ao abeiro dos vosos sólidos “aquí”. (N. da A.)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s