Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía
No número 17 de Anotacións publicamos “Propedéutica do realismo especulativo, da resistencia correlacional á realidade transfinita”, de Carlos Lema. Trátase da versión galega dun ensaio publicado orixinalmente en francés na revista Cahiers critiques de philosophie como parte dun monográfico dedicado a “Le réalisme: spéculation, problèmes et enjeux” (O realismo: especulación, problemas e desafíos).
“Propedéutica do realismo especulativo”, ademais dunha introdución á historia e ás correntes de pensamento do realismo especulativo, é unha análise das achegas do xiro especulativo realizado a comezos deste século: a OOO (ontoloxía orientada aos obxectos) de Graham Harman, o materialismoespeculativo de Quentin Meillassoux e o realismo dos obxectos e a crítica do antirrealismo. No ensaio, o autor da Música das esferas fai unha reflexión sobre ideas como a irrazón, o Hipercaos, o transfinito e a noción de campo de senso na obra de Markus Gabriel, xunto coa exploración das súas posibilidades para pensar unha ontoloxía que inclúa un absoluto non dogmático baseado no disenso co obxectivo de desbotar así definitivamente o relativismo e o nihilismo actuais.
Se a filosofía kantiana elaboraba unha primeira crítica da metafísica como absoluto, xa que o en-si podía ser pensado mais non se podía coñecer, dando como resultado unha primeira versión do correlato, é dicir, da relación suxeito-obxecto como única posibilidade de coñecemento do mundo, a filosofía do século XX pecharía o círculo correlacionista ao limitar a accesibilidade do mundo á dependencia entre o pensado e quen o pensa.
Dese xeito, a crítica feita por esa última, ou forte, filosofía correlacionista terá como consecuencia un reforzo da correlación suxeito-mundo, unha relativización da realidade, que queda reducida á realidade da correlación, un nihilismo producido como consecuencia do construtivismo —a realidade é feita polo suxeito, a Historia ou a sociedade— e un relativismo, ou negación de calquera absoluto, de calquera razón, que volverá dar azos á relixión e ao pensamento salvífico.
A crítica feita por ese último correlacionismo sería, entón, a crítica de toda metafísica e de todo pensamento dogmático. Malia iso, trataríase menos dunha crítica da posición da humanidade no mundo ca dunha crítica ampla do suxeito cartesiano. A humanidade continuaría a ser o centro do pensamento filosófico e, polo tanto, a realidade inferida soamente sería un correlato do pensamento humano. Nese senso, tanto a fenomenoloxía coma o estruturalismo, a deconstrución coma o pensamento posmoderno constitúen exemplos perfectos da tendencia antirrealista da filosofía contemporánea.
Ese é o motivo polo que a filosofía adopta hoxe en día “unha posición eminentemente defensiva, en gran parte debida á posición reticente na que a deixou a actividade intensa levada a cabo pola antedita ‘crítica da Crítica’, que contestou a pregunta sobre o senso da filosofía cunha crítica feroz da filosofía mesma, exemplificada na razón” e “permanecendo na resistencia dese paradigma sen responder as preguntas suscitadas pola nova ciencia da complexidade, arrombando esta última xunto coa a técnica e o pensamento racional”.
Velaí a resistencia correlacional á que o xiro especulativo pretende dar cabo:
Desa mesma xinea, unha parte da filosofía actual continúa a manter a resistencia fronte á razón, estigmatizada como instrumental desde o mesmo momento en que se decretou a súa incapacidade para pensar a liberación do ser humano. Da razón xorde a idea de liberdade mais a razón seica incapacita para a praxe consecuente con esa idea. De aí a resistencia fronte á instrumentalización da filosofía; de aí a desactivación do pensamento racional como tekhne e o seu exilio forzoso no mundo académico, na ideoloxía, na teoría como arrabalde do mundo. A filosofía sitúase así na resistencia permanente por incapacidade de acceder de xeito directo ao mundo, pola súa dependencia do suxeito e do seu desexo exclusivo de liberación. Mais a liberación non é resistencia nin procede dela […].
O ensaio de Carlos Lema que publicamos neste número de Anotacións sobre literatura e filosofía relata e describe ese xiro cara ao realismo e cara ao materialismo, un dos feitos máis relevantes acontecidos na filosofía durante a primeira década deste século.
Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.
Para descargar gratuitamente o artigo de Carlos Lema en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:
Propedéutica do realismo especulativo