A recomendación da crítica

O blogue de crítica literaria Criticalia acaba de publicar a Tabela dos Libros deste mes de decembro cos títulos recomendados polos críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Montse Pena e Armando Requeixo. Entre os libros seleccionados figura con dúas mencións Capitalismo e fascismo, de Rebeca Baceiredo, que acabamos de publicar na colección Casabranca. Martínez Bouzas e Requeixo son os que recomendan este ensaio filosófico da autora da Revolución non vai ser televisada.

 

2015-decembro-tabela

Nesta Psico-ontoloxía da escravitude, Rebeca Baceiredo propón unha interpretación da realidade que amosa o vencello entre orixe da subxectivación e produción. O libro tamén foi recomendado recentemente pola librería Numax, de Santiago de Compostela, tanto na súa páxina web coma no seu boletín de novidades mensual:

Numax web-Capitalismo e fascismo corr

A crítica recomenda “Tempo sen devir”

Tres críticos literarios galegos seleccionan este mes Tempo sen devir, o libro de Quentin Meillassoux e Anna Longo publicado na colección Casabranca, entre os recomendados na Tabela dos Libros do blogue Criticalia. Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela e Armando Requeixo sitúan este libro nos postos quinto, cuarto e quinto, respectivamente, das súas preferencias como lectores. A característica principal da “Tabela dos Libros” é que se elabora a través dunha votación pública, isto é, que os votos recibidos por cada un dos títulos seleccionados polos cinco críticos literarios que participan nesta sección da bitácora de Armando Requeixo se publican a carón do resultado final da votación. Dese xeito pódense saber as preferencias de cada crítico e, polo tanto, comparar entre si os distintos títulos seleccionados e as escollas de cada un dos críticos e críticas participantes, ou mesmo contrastalas coas doutros lectores ou lectoras.

No libro Tempo sen devir reúnense o ensaio de Quentin Meillassoux que lle dá título e o textoContinxencia e liberdade: unha comparación entre materialismo especulativo e ciencia experimental“, do que é autora Anna Longo. O ensaio de Meillassoux é unha síntese eficaz da súa estratexia filosófica, denominada polo autor materialismo especulativo; pola súa banda, no ensaio de Anna Longo proponse unha comparación entre ese mesmo materialismo especulativo e a ciencia contemporánea.

Ambos os textos amosan a importancia da filosofía actual na súa estreita vinculación co pensamento científico.

L'Assiette au berre-6

Debuxo de Poulbot publicado no semanario satírico “L’Assiette au beurre”, París, maio de 1903.

 

Cartografía da ficción

Francisco Martínez Bouzas publica no seu blogue Novenoites un artigo titulado “Cartógrafos de nós mesmos” no que reflexiona sobre o papel da ficción na sociedade contemporánea. O crítico literario laméntase de que “cada vez existan menos obras de fabulación importantes, obras novas que ofrezan un cambio radical da sensibilidade, perspectivas novas para penetrar a esencia das cousas”, e tamén chama a atención sobre o control da ficción, que, segundo el, leva á “subxugación das formas de creación simbólica heterodoxas”. A partir dese texto, e como resposta ao que el entende como un convite á reflexión, como unha incitación a pensar sobre a función da ficción (literaria e non literaria) na sociedade contemporánea, Carlos Lema escribiu un ensaio no que continúa e matiza a reflexión iniciada por Francisco Martínez Bouzas, retomando a súa proposta de levar a cabo unha “arqueoloxía do relato” e dos seus efectos discursivos.

Con ese texto, iniciamos en Euseino? unha publicación sen periodicidade fixa que, en formato PDF, se pode descargar de balde. Leva unha cabeceira que recolle en parte o subtítulo do noso blogue: Anotacións sobre literatura e filosofía. Dedicarase a textos que, por necesitar unha publicación rápida ou polas súas características formais, non se poidan recoller nun libro, sempre que se dirixan a lectoras e lectores coa intención de incitar ao pensamento e á escritura sobre filosofía e literatura.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Carlos Lema en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Cartografía da ficción“.

Cartografía da ficción

Novas formas de existir no mundo

No seu blogue Novenoites, o profesor de filosofía e crítico literario Francisco Martínez Bouzas escribe unha recensión de  A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo. Incluímos a seguir unha cita da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra “Novenoites“.

A revolución non vai ser televisada, que inaugura a colección “Casabranca” que Euseino? Editores lle dedica á filosofía, achéganos unha nova mostra dun dicurso novidoso e apropiado, ao menos no plano teórico, para facerlle fronte ao desenvolvemento maquínico e técnico da actual sociedade capitalista. […] a súa proposta xira na órbita do espazo de dereito e é aquí onde encaixan as súas ideas verbo dun novo paradigma da subxectividade.

Un ensaio para facer pensar, que penetra no eido filosófico. Con todo, a agudeza expositiva da autora […] permite que o discurso novidoso de Rebeca Baceiredo poida ser lido non só por profesionais da filosofía. Abonda con lectores dispostos a reflexionar sobre a posibilidade de novas formas de ser suxeitos ou de existir no mundo.

Francisco Martínez Bouzas, Novenoites