Euseino? Social

Un lugar de encontro para as persoas que escriben e len

Euseino? Social desenvolve actividades que teñen relación coa filosofía e a literatura. Na sede da Fundación Euseino? na rúa de México 37, en Vigo, haberá sempre un lugar para impartir cursos, desenvolver encontros con autoras e autores, facer coloquios e organizar presentacións de libros, entre outros actos do ámbito da cultura.

Coma nun proceso continuo de produción, os obxectos culturais vanse converter no fío condutor dese espazo produtivo dedicado á filosofía e á literatura, á escritura e ao pensamento. De aí xorde, dese laborar con ideas e con palabras que é a filosofía e a escritura literaria, o Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit), denominado así en homenaxe ao Laboratorio de Formas creado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e seguindo tamén o exemplo do LabOnt, o Laboratorio de Ontoloxía de Maurizio Ferraris na Universidade de Turín e do LabLit, o Laboratorio de Literatura da Universidade de Standford.

Trátase, polo tanto, de que as cristalizacións transitorias do social formen parte dun proceso no que as súas producións acaden unha innegable consistencia. Momentos estables, actividades, modos de ser e de facer no seo dun sistema de produción. Un proceso que consiste na relación entre elementos heteroxéneos integrados na mesma realidade e ao abeiro dunhas instalacións pensadas para conectar o acto colectivo da literatura e do pensamento coa súa inscrición nunha obra e coa súa preservación nun arquivo.


Laboratorio de Produción Literaria – Gabinete de Orixinais

O Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit) vai desenvolver, con carácter permanente, unha serie de cursos, coloquios e encontros con autoras e autores, coa finalidade de apoiar e estimular a produción literaria en todos os seus ámbitos, especialmente naqueles máis defectivos e menos atendidos polas editoriais comerciais.

O LaPLit, coa coordinación xeral de Xosé Monteagudo, está formado por tres seccións:

  • Gabinete de Orixinais, para consultoría e edición literarias. Un servizo de asesoría para persoas que escriben orixinais literarios (narrativa, poesía, ensaio, teatro), dedicado a asesoría e preparación de orixinais de cara á súa presentación a editoriais, a premios ou á súa publicación.

Arquivo Euseino? de documentación autorial

O Arquivo Euseino? de documentación autorial, situado na planta superior cunhas instalacións especialmente deseñadas para ese fin, é o lugar onde se almacenan as inscricións deses procesos de produción literaria. A súa finalidade é a preservación dos orixinais electrónicos ou en papel de obras literarias, tamén das filosóficas, os seus esbozos, os restos da elaboración das obras recollidos e inscritos en cartas, correos electrónicos, manuscritos, versións, corrección de probas, etc.


Contacte connosco para solicitar información