Urania nº 4

Urania, nº 4, setembro de 2023

Chus Pato dialoga con Nieves Neira Roca sobre “Neve en agosto”

Conversa Chus Pato neste número de Urania coa poeta Nieves Neira Roca sobre o poemario Neve en agosto, do que é autora esta última. Case cincuenta páxinas de diálogo entre dúas poetas que nos achegan á xenealoxía do poemario, aos seus ecos múltiples, facendo posible unha lectura arrequentada do libro.

Como explica Chus Pato no inicio da entrevista, Neve de agosto foi un libro que se fixo esperar, é o primeiro poemario de Nieves Neira. Publicouno a editorial Chan da Pólvora en 2022. A autora é coñecida polo seu traballo xornalístico e pola súa vinculación coa obra de Uxío Novoneyra, sobre a que realiza unha investigación académica. En 2020, obtivo o Premio de Xornalismo Johán Carballeira por unha reportaxe sobre a fotógrafa Maruja Roca, sobre a que logo publicaría o libro O feitizo de Maruja Roca

Ao fío das preguntas que lle formula a entrevistadora, a conversa iníciase cunha declaración na que Nieves Neira confesa que “o libro durou tanto tempo na miña vida que, en certa maneira, é e xa non é meu. Talvez esa sexa a mesma actividade da vida”, a que ten relación con “ese fulgor infinito do finito. De aí que oscile entre ese ‘gardar o ouro no interior do corpo’ e esa ‘pel con pel onde nada se garda’. O que chama do poema, esa chamada, non se pode gardar”. E cita aquí o famoso poema de Giacomo Leopardi sobre o infinito e o “Vesuvius at Home” de Emily Dickinson.

Fala Nieves Neira da linguaxe poética como daquela que lle dá ao outro as palabras: “curvámonos como as letras” mentres “crece a neve cando xa se perdeu a inocencia, […] crece no chan, invertida, porque algo se resiste a asumir que crecer sexa perder […]”.

A conversa continúa atravesando o poemario, no que as dúas poetas se van detendo para comentar versos ou para falar da dificultade de escribir poesía e da relación entre a poesía e existir. “Ao final, non é iso o que busca esa lingua que perde lugar, o poema, que sobreviva o que amamos?” ¿Ou os poemas son outra cousa, outras cousas?


48 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta


Apoie con microdoazóns (desde 1 €)
as publicacións en acceso aberto
coma Urania.

A Fundación Euseino?,
unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave