“Decálogo da novela”, por Antonio Piñeiro

A sección “Decálogo da novela” achéganos a proposta de Antonio Piñeiro. O autor de A través do fume intenta asediar o que chama “obxecto-fenómeno” da novela; como un historiador, descré da novela non dependente do suxeito que a produce. Piñeiro elévase, agatuña polo monte do idealismo literario para chegar a ese punto do sublime onde o estilo é todo porque é fenómeno: visión cambiante dun suxeito que só entende a realidade como reflexo, ou flexión, de si. A itinerancia deste decálogo lévanos á negación da novela. Exercicio do nihilismo modernista, ou visión a través da néboa dunha percepción que se flexiona —a brincadeira da prega, cadáver da filosofía do século XX— e flúe —o tamén cadáver filosófico do “devir”. A deformación é unha forma ao tempo que deixa de selo. A novela nin sequera xénero literario é. A novela, segundo o noso escritor, é algo voandeiro e volátil que só existe porque no seu voo acaba batendo con quen, tras o choque, se converte no seu autor. Por accidente, ou acaecer (¿ereignis, événement?). A novela non é un feito, a obra literaria non se fai —heideggerianamente, cae.

En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Función e flexión

1) Oficio de tebras. O discurso social é un. O discurso novelístico é outro. Non o convencional, non o coloquial, non o do documento, o espello ou a máquina tomavistas, senón un que difire e alterna ética e esteticamente con aqueles, facéndoo desde o introspectivo prospectivo.

2) Actitude. Semella que para a disposición non hai fórmula. A novela é un cabalo tolo, antítese do animal de desfile, ordenado, burocrático, formalmente gregario. ¿É parte da esencia do novelar? Polo menos, lévanos a outra das claves do oficio: a idea. Escribir implica disposición e necesidade de atopar ou explorar unha idea. Ao mellor non clara, nin sequera diferente, pero propia e perceptible. Unha idea para cada obra ou unha para toda a obra. Unha idea como función reveladora, que viría ser o mión da actitude.

3) Itinerancia. Os textos mudan, van dun lado a outro. Constantemente. O texto novelístico é infiel. É unha loia que vai onde lle veña mellor. Insubmiso a directrices, distínguese doutros xéneros niso. Daquela, a novela, ¿non semella un punto casual, un pouco acaemento e concorrencia? Velaí outra clave da súa práctica: ¿non é a novela, en realidade, unha suma de textos itinerantes, unha itinerancia ela mesma, relato dinámico autorrepresentativo que é o feito autorial?

4) Rabo de lagarto. As palabras, os conceptos e as situacións, elos narrativos, non están quietos nunca. Decote sucede que o texto semella rematado mais a sensación ten dúas eivas; unha do autor, que pouco a pouco vai deixando de ser parte del, e mesmo chega a negalo; outra do propio texto, sistema de signos, normas e imaxes que interactúan co tempo e o fan semellante a un organismo vivo cuxa flexibilidade —natureza do léxico— nos dá outra clave do “oficio” (sempre entre comiñas).

5) Fluído. ¿É a novela unha cousa acabada en si mesma? Ou, pola contra, ¿é sempre un anaco de algo? ¿Existe verdadeiramente o obxecto da novela? ¿Existe a ficción? ¿Ou é só unha tinguidura, un conxunto de elementos e ámbitos deformados e deformantes para encubrir a realidade propia, tanxible ou intanxible, do autor? ¿Son as novelas dun autor vasos dun único fluído autorial? Se é tal, ¿de que está feito ese fluído? Tradicionalmente dise que do pracer pola beleza. Iso, admitindo a inconsistencia e a parcialidade, lévanos á cuestión máis complexa: ¿é o oficio tamén azo estético?

6) Volatilidade. O principio intuitivo marca toda a faceta da novela. É acicate de formas narrativas e subxéneros que asentan a base da súa transversalidade, definindo a súa condición de crisol da expresión literaria. Xa que logo, non sería certo que, asumindo esoutras catro condicións (itinerancia, inconsistencia, parcialidade e flexibilidade), a novela toda, como concepto, ¿devén entidade volátil? Velaí outro dos axiomas do exercicio novelístico; os recursos, indisolublemente ligados á exploración das súas propias posibilidades e á faceta ensaística (a función experiencial).

7) Irrelevancia (Referíndonos á acoutación do concepto novela). E quizais tamén aí a irrelevancia da orixe. Velaí a obra como obxecto-fenómeno a expensas da vontade ou a intención. Ás veces defínese como feito cultural. ¿É un feito tal o novelar? Escritor é o que escribe (función de reciprocidade). Aí a clave do oficio como constante facer que nos devolve ao feito subxacente: o novelista —escritor— creado polo novelado —escrito.

8) Obra en marcha. Así pois, a función da novela poida que sexa crear o escritor. A premisa lévanos ao texto en marcha. Non momentum, senón continuum. O proxecto illado é imposible, ou polo menos moi pouco habitual. A simultaneidade é unha certeza que nos leva a outra base do “oficio” (porfiando nas comiñas): o método, cadea de produción que semella máis mineira ca industrial. Producir —extraer— texto do que a posterior selección extraerá —producirá— o material literario e caracterizador (función estilística) que é unha obra.

9) Caída en desgraza. Semella que a lectura de novelas vai polo mesmo terraplén no que outros xéneros se atopan dende hai tempo. A idea implícita da subordinación, outra volta, levaríanos ao baleiramento das funcións. Mais a novela velaí está, aí segue porque, xaora, non é un, senón múltiples eidos, cada cal cos seus sentidos ou sensentidos. E aí entrariamos tamén na posibilidade dun decálogo autorial, e no problema conceptual do exercicio da escrita literaria como función puramente autodidáctica.

10) Paxaro vadío. ¿Como chegar? ¿Hai que chegar? ¿Pódese falar de escrita demagóxica? ¿Da idea dunha subordinación? ¿Existe a novela sen o lector? Alguén respondeu que o lector existe dende o mesmo intre da escrita, posto que o autor o é tamén nas cen, duascentas, incontables relecturas que esixe calquera novela en transo de elaboración (o oficio, quedando no pragmático, require a depuración do texto, o clarexado do argumento, da estrutura, da lectura e do desenlace, se o houbese). Contan tamén as tendencias, os gustos sociais, os condicionantes editoriais e comerciais. ¿Non foi sempre así? ¿Cede a escrita ao prexuízo editorial? ¿Son a mesma cousa? Vemos textos sachados, mudados, cortados nunha patronaxe de xastre publicitario. De xeito que a novela é tamén a que desfai o escritor (novelista) e fai o autor subsidiado. E, sendo así, ¿non lle confiren eses mudares o caracter transitorio (función catártica) do propio sistema literario, como un acontecer que, no seu voo, está sempre a cambialo todo?

Decálogos da novela anteriormente publicados

“Realidade e compromiso na ficción narrativa”, por Carlos Lema
“A narrativa como disciplina artística”, por Iván García Campos
“Unha teoría do inexplicable”, por Diego Ameixeiras
“A novela como forma de vida”, por Xosé Monteagudo
“Un poliedro infinito”, por Santiago Lopo.

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”

“m-Talá” segundo a crítica literaria

Nestes primeiros días de decembro, publicáronse as primeiras recensións da nova edición de m-Talá, de Chus Pato, ademais de darse a coñecer a Tabela dos Libros coas recomendacións dos críticos literarios.

As dúas recensións publicadas son as de Armando Requeixo no suplemento dominical do Diario de Ferrol e a de Xosé Manuel Eyré no blog Ferradura en Tránsito II. A importancia da crítica literaria, non soamente na difusión dunha obra senón na súa intelección é ben grande; ao estarmos nós a prol da interpretación, pois deixamos atrás os lamentos sobre a limitación da representación e a desconfianza respecto da linguaxe, consideramos que a crítica é esencial como literatura (como defensa da literalidade, das palabras e da orde na que se colocan) e como pensamento (as ideas a partir das cales se interpreta unha obra, as ideas a partir das cales se escribe unha obra).



Dous tipos de crítica que atopamos nestas recensións de Requeixo e de Eyré. O primeiro fai en “m-Talá Reloaded” unha descrición perfecta do libro como tal, como cousa con existencia propia. De que está feito e como está feito:

“Esta edición de m-Talá é unha versión implementada respecto da que se publicou hai agora catro lustros. […] un libro, en non pequena medida, novo.”

Despois de dedicar unhas palabras ben xenerosas a Carlos Lema, o editor literario deste m-Talá anovado, o crítico salienta a

“pulcritude na reprodución dos textos, o respecto á vontade estética e as apostas autoriais, os moitos materiais críticos fornecidos, […] a impecable capacidade organizativa e a concisa acuidade das páxinas prologais e dos textos aclaratorios converten esta edición nun paradigma de bo facer.”

Pola súa banda, as reflexións de Xosé Manuel Eyré verbo de m-Talá son un exemplo claro de pensamento literario. O crítico pensa conforme le “un dos poemarios claves na nosa historia poética”. O autor destes “breves apuntamentos sobre a obra poética de Chus Pato” considera necesario salientar “a nucleación temática dos textos […] mais aínda se para ela os resultados semellaron non ser óptimos, a incapacidade da palabra era a incapacidade de poesía/lírica para acadar os resultados que ela [a poeta] procuraba”.

“Deste xeito, m-Talá, hai que entendelo como unha tentativa por destruír a lírica tal como tradicionalmente se viña entendendo. O uso de recursos xenéricos alleos á poesía, tantos e tan variados, hai que entendelo nesa dirección. E tamén como estratexia, xa non para crear poesía senón para que quen le acceda á poesía […]”.

Para este crítico, “os poemas [de m-Talá], sobre todo os máis longos son auténticos labirintos balizados pola poeta para que quen le chegue á poesía”.

A estas dúas recensións, engádese unha achega doutro tipo fundamental de crítica literaria, a recomendación. O crítico transmite o seu entusiasmo por unha obra e anima á súa lectura. Velaí unha das funcións desa feliz iniciativa que é a Tabela dos Libros, na que os críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e Armando Requeixo seleccionan as súas novidades literarias predilectas. Na Tabela deste mes de decembro, a Edición do Vixésimo Aniversario de m-Talá ocupa o segundo posto, a carón de obras de Berta Dávila, Rexina Vega e Suso de Toro.

Pode ler as recensións completas se calca nas ligazóns:

“m-Talá Reloaded”

“breves apuntamentos sobre a obra poética de Chus Pato”

Tabela dos Libros