Apuntamentos sobre a beleza

Continxencia e sublimidade

O punto de vista estético é esencial para artellar esta argumentación. Iso débese ás implicacións cognitivas das ideas de beleza e sublimidade. Non se trata dun esteticismo vacuo nin dun sublime transcendente senón do recoñecemento da continxencia como único absoluto, dado que o sublime corresponde á posición dese recoñecemento.

O sublime, como apuntamos no seu día no artigo Xustificación estética da vida, é o que lles fai lembrar aos seres humanos a posibilidade de seren destruídos e, polo tanto, o que lles fai tomar unha posición con respecto á continxencia. O triunfo da Idade Moderna, que se comenzou a anunciar co Idealismo, significa a conclusión dun labor que ten como obxectivo facer o sublime accesible ao ser humano común.

[Naturphilosophie: ¿é posible un idealismo obxectivo?]

Apolo

A historia da arte é a historia da descuberta da súa esencia verdadeira e, nese constructo, Apolo representa o cumio da arte grega, non soamente como expresión da beleza senón como expresión perfecta da liberdade. Winckelmann emprega o mito grego para elaborar un mito moderno. A liberdade na que se alicerza o pacto social da Idade Moderna sería o equivalente á perfección da beleza e do equilibrio apolíneos. Este vencello determina, polo tanto, a preferencia dos estudosos clásicos modernos por Apolo e a súa oposición a Dionisio.

[Un mito moderno: apolíneo e dionisíaco]

Illustración de Henry Russell. Tratado “Observations of the Transit of Venus” (1892)

Esforzarse en

O labor da filosofía é identificar o bo no mundo; ese “esforzarse en” acceder ao senso que a materia realiza a través da representación e de todas as demais relacións.

Creación

A beleza relaciónase coas mulleres polo vínculo destas coa continxencia e a materia a través da idea de creación e orixe do mundo (cadro de Courbet). A creación é mostra de continxencia en tanto que da materia corporal xorde algo antes inexistente. Reprodución e morte son as dúas facetas da continxencia.

Mulleres e materia

Ao contrario do que cre Nietzsche, as mulleres non velan nin desvelan nada (obsesión epistemolóxica). As mulleres producen materia, producen cousas; a súa relación coa materia é inmediata, non mediada —o anxo da anunciación non é mediador, anuncia a realidade desa inmediatez das mulleres e a materia.

As mulleres modernas —as fadas modernas— queren afastarse desa determinación da materia. Toda a modernidade é un afastarse da materia mediante a liberdade, mediante unha relación afiliativa, mediante unha mediación. A da representación que dá orixe á posibilidade da liberdade, de representarse libremente.

Na atracción da carne, hai unha necesidade de volver á materia primixenia, que é a da posibilidade de reprodución, de producirse permanentemente, posibilidade que abre a mesma continxencia da materia.

Mais agora esa posibilidade non é azarosa senón que depende da vontade propia, é electiva, é afiliativa, resulta dunha decisión libre.

Sublimación

É a produción do sublime pola alma (psykhé). Responde a unha necesidade da alma de se facer valer como representación mediante a convicción, o orgullo e a dignidade cando se atopa nunha posición que a sitúa perante a continxencia.

Irredutibilidade

A divindade é persistir en ser. Aquilo polo que cada cousa é irredutible a outra.

”Todo está cheo de deuses, en cada cousa hai o seu deus.”

A irredutibilidade de cada cousa é a ”divindade” de cada cousa. Divino é o irredutible.

“relevantemente divino é aquilo no que o ser (a irredutibilidade) se fai, por un ou outro motivo, relevante. O experto en dicir, o dicente do dicir relevante, é o que di cada cousa de maneira que salienta a súa irredutibilidade; os deuses son as figuras que pertencen a ese dicir.” [Felipe Martínez Marzoa, Muestras de Platón, páx. 18]

Esa irredutibilidade está vencellada á súa representación, á súa alma porque o feito diferencial é tamén o uniformizador. A representación reforza a irredutibilidade reducíndoa á diferenza.

A irredutibilidade é divina porque amosa a continxencia. O irredutible éo porque a súa irredutibilidade é continxente.

Por iso a alma deixa de ser divina na medida en que deixa de ser continxente. A beleza é a posición que unha cousa adopta en relación coa continxencia. Logo a beleza ten un aquel de divindade.

Nacencias

Amor = espertar da materia = nacencias ⇔ continxencia = aparición do sublime = beleza