Anotacións nº 8: “As conferencias da Sorbona. Corpos, propiedade e subxectivación”, por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín

Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 8, abril de 2015
Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín, As conferencias da Sorbona. Corpos, propiedade e subxectivación

 

Cuberta+lomboOs textos das tres conferencias publicadas neste número especial de Anotacións sobre literatura e filosofía léronse os días 9 e 10 de abril de 2015 no congreso internacional Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade, que se celebrou na Universidade da Sorbona Nova-París 3.

O ensaio de Abraham Rubín desenvólvese arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. O obxectivo deste texto vai ser mostrar como a gobernamentalidade biopolítica, que exerce o poder sobre o bios dunha poboación, actualmente se basea nunha concepción económica que coloniza a subxectividade, facéndoo a través de puntos de subxectivación semióticos mediante os cales os individuos se adhiren a un modelo de goberno co que se pretende a mercantilización da vida. Dese xeito, o control sobre o corpo móstrase como unha das chaves para entender a centralidade do concepto de mercado como lugar de verdade que atravesa a existencia toda e que acaba por ser unha subxectivación bioeconómica.

Pola súa banda,  Rebeca Baceiredo colabora co ensaio “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que trata sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Segundo a autora de A revolución non vai ser televisada, o corpo é a dimensión molar a partir da cal fan incardinar o biopoder ao producir unha subxectivación específica que non só cada suxeito, senón cada corpo natural ten que cumprir. No caso das mulleres o que as define xenericamente e é unha diferenza negativa con respecto ao que é, ao ser. Así, a produción de xénero, de homes e mulleres que cumpren, ao parecer gozosamente, unha lei social que se fai coincidir coa lei natural, é un mecanismo de poder que vai nacendo progresivamente pero que se tatúa nos corpos co xurdimento da propiedade privada e o capitalismo.

Por último, Beatriz Blanco titula o seu ensaio “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”. Partindo de que, na Modernidade, de Locke a Hegel, o corpo funcionou como fundamento da propiedade e do dereito en tanto momento natural da chamada sociedade civil, a noción butleriana de performatividade do xénero revélanos que o corpo é o efecto dunha sedimentación temporal que borra no momento “presente” a súa condición histórica. Así e todo, esa noción de corpo-arquivo, sedimento dunha memoria non individual, non foi suficientemente destacada por Butler, quen reconduciu a súa teoría cara ao problema da subxectividade. Mentres que, pola súa banda, a deconstrución derridiana do suxeito como problema eco-nómico pode retrospectivamente axudarnos a pensar a reinscribir esoutra economía de corpos e lugares que fai crebar o oikos como garda do propio.

Índice: p. 11, “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”, por Abraham Rubín.— p. 31, Bibliografía – p. 33, “Funcións sociais, xénero e propiedade”, por Rebeca Baceiredo. — p. 59 Bibliografía – p. 69, “Corpos impropios. Da performatividade do xénero á aneconomía do arquivo”, por Beatriz Blanco.— p. 97, Bibliografía.

102 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

 


Apoie as publicacións en acceso aberto.

A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

 

 

 

Deixar un comentario