Fondo Berta Dávila

Fondo Berta Dávila consta do caderno “Algunhas Casas” (primeira parte de Illa Decepción), o caderno “Os seres queridos-Un elefante na sala de estar” e o caderno “Demetrio Demoscopio perdeu a chispa”. Nestes cadernos están os orixinais manuscritos a partir dos cales se desenvolveron as tres últimas novelas publicadas por Berta Dávila.

A escritora Berta Dávila nas dependencias do Arquivo Euseino?

A característica fundamental destes cadernos de notas, nos que a vida cotiá da autora se entrelaza con pensamentos, listas e esbozos da súa obra, é o seu papel de labotarorio de ideas. A espontaneidade é o trazo principal da escritura destas páxinas, que inclúen tanto declaracións nas que se decide rematar unha obra coma proxectos de novelas futuras, listas de nomes de personaxes, descricións da trama por capítulos, disposición dos parágrafos por páxina e outros proxectos da autora.

Trátase dos xermolos e da mostra máis directa de como é o traballo dunha autora nos primeiros momentos, neses instantes nos que xorde a idea dunha obra, incluíndo os intentos de ordenación e planificación dese material narrativo aínda por explorar.

O caderno “Algunhas casas” abrangue de xuño de 2019 a xaneiro de 2020, o dos “Seres queridos” de outubro de 2019 a marzo de 2021 e o titulado “Demetrio Demoscopio” é de marzo 2020. Esta coincidencia cronolóxica parcial é sobranceira xa que pon de manifesto unha maneira de compoñer a obra literaria na que a simultaneidade amosa non soamente a unidade da instancia autorial senón a continuidade da materia narrativa malia a diferenciación dos obxectos ficcionais, continuidade que queda manifesta incluso pola súa disposición en diferentes cadernos coetáneos.


Orixinais do caderno “Demetrio Demoscopio perdeu a chispa”


As primeiras páxinas deste caderno recollen os apuntamentos que corresponden a unha reescritura da obra de literatura infantil Demetrio Demoscopio perdeu a chispa (Edicións Xerais, 2022). Tamén figura unha lista de poemas breves que finalmente desapareceron do libro, algunhas ideas rápidas sobre posibles cambios para a versión final, unha recompilación de nomes de personaxes de contos clásicos que poderían sumarse a outros que aparecen no libro e, no envés dunha das páxinas, o bosquexo dun pequeno calendario de traballo

Nas páxinas que seguen, están as anotacións que se corresponden coa revisión da primeira edición da novela gráfica de O derradeiro libro de Emma Olsen (Editorial Galaxia, 2020) para a corrección deses erros de cara á 2ª edición do libro. 

Posteriormente, no caderno hai algunhas anotacións para unha novela escrita durante o verán de 2020. Tratábase dunha especie de exercicio no que a autora se propoñía contar, a través de accións, un proxecto que Berta Dávila abandonou ao remate dese verán.

A continuación, o caderno recolle algunhas notas que trataban de ordenar os materiais do libro de debuxos Pequeno álbum de Nova York en inverno (Rodolfo e Priscila, 2021).

De seguido, o caderno ten unha nota que corresponde a unha primeira versión de Os seres queridos (Edicións Xerais, 2021), na que se alude ao nome dos personaxes iniciais da novela e á canción At Last, composta por Harry Warren e Mack Gordon para o musical Sun Valley Serenade (1941), canción que daba título a algún dos capítulos desa versión da novela e que aparece nalgunha das páxinas anteriores deste caderno.

Nas últimas páxinas do caderno figura unha nota moi concisa sobre Demetrio Demoscopio perdeu a chispa, un esquema sobre a progresión do libro que a autora fixo seguramente mentres matinaba na estrutura desa obra: conflito, viaxe, regreso, a carón dos números de capítulo onde se desenvolven estes apartados. Tamén aparecen debuxos e palabras escritas por Darío, fillo de Berta Dávila. 


Apoie con microdoazóns (desde 1 €)
o labor de conservación e catalogación
do Arquivo Euseino?

A Fundación Euseino?,
unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


Pode solicitar a consulta da totalidade dos orixinais do Fondo Berta Dávila na ligazón:

Imos valorar con atención a súa solicitude para contestarlle o antes posible.