“Corpos, propiedade e subxectivación”, por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín

NÚMERO ESPECIAL DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Baixo o título “As conferencias da Sorbona. Corpos, propiedade e subxectivación“, publicamos o número 8 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537), número especial que inclúe tres ensaios escritos por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín. Trátase dos textos das tres conferencias se leron os días 9 e 10 de abril de 2015 no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, celebrado na Universidade da Sorbona Nova-París 3.

O ensaio de Abraham Rubín desenvólvese arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. Pola súa banda,  Rebeca Baceiredo colabora co ensaio “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que trata sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Por último, Beatriz Blanco titula o seu ensaio “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente os ensaios de Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Corpos, propiedade e subxectivación

Cuberta+lombo

 

“Plastic Bodies”

Os nosos colegas de Open Humanities Press acaban de publicar un dos libros máis interesantes do que vai de ano; referímonos a Plastic Bodies: Rebuilding Sensation After Phenomenology, de Tom Sparrow, que ve a luz na colección New Metaphysics, dirixida por Graham Harman e Bruno Latour.

Tom Sparrow, profesor de filosofía na Universidade de Slippery Rock, en Pennsylvania, xa dera ao prelo, en xuño do ano pasado, outro libro sobranceiro: The End of Phenomenology: Metaphysics and the New Realism (Edinburgh University Press).

Mais é en Plastic Bodies no que o pensamento filsófico de Sparrow acada maior autonomía respecto dos seus mestres, desta volta os filósofos Emmanuel Levinas e Maurice Merleau-Ponty. Logo da interpretación crítica da fenomenoloxía que Sparrow realizou no libro citado máis arriba, pode agora enfrontarse co que el chama “reconstruír a sensación” prescindindo do espectro do “antirrealismo antropocéntrico” para se situar na nova concepción do realismo da que xa vimos falando neste blogue desde hai certo tempo (vid. “O xiro especulativo“).

RobertFuddBewusstsein17Jh

¿Por que cómpre cualificar os corpos como “plásticos” e por que cómpre concibilos así? Sparrow mesmo é quen contesta a pregunta:

“O termo ten un significado popular asociado á estética, tanto se falamos de ‘cirurxía plástica’ coma de ‘artes plásticas’. Mais  a miña interpretación non está relacionada con ningún deses dous sensos. Cando falo de plasticidade, o que intento é relacionar o seu significado co que agora normalmente ten no discurso da neurociencia contemporánea, quer como teoría cognitiva quer como teoría evolutiva […]” (178)

Para elaborar esta nova concepción da plasticidade, Sparrow comeza baseándose na obra de William James, quen a define dun xeito amplo como “a posesión dunha estrutura suficientemente feble para ceder ante unha influencia mais o bastante forte como para non ceder ante calquera cousa. Cada fase de equilibrio, relativamente estable na súa estrutura, vén sinalada polo que se pode chamar un conxunto novo de hábitos”, de aí que a plasticidade, segundo James, non soamente forneza un significado útil para pensar as dinámicas do cerebro e do corpo senón que tamén ofrece unha posibilidade para pensar a integridade dinámica estrutural da encarnación do suxeito [embodied subject].

Neste contexto que acabamos de expoñer, a fenomenoloxía é lóxico que sexa a referencia inicial do proxecto filosófico de Tom Sparrow mais non o seu punto de chegada. É así porque o autor de Plastic Bodies entende que a sensación está fóra do alcance da investigación fenomenolóxica propiamente dita. En si mesma, a sensación non está presente fenomenicamente como un obxecto da consciencia, ou como o que Husserl denomina un obxecto intencional; segundo Sparrow, a sensación é algo que acontece nun nivel inferior ao fenoménico, é dicir, que como moito se pode tratar dun dato mediado pola consciencia.

“Daquela, ¿como se pode falar desa sensación non fenoménica? A miña teima é que a experimentamos dun xeito primario a través dos seus efectos e que despois a podemos pensar a partir deses efectos. A percepción, a paixón, a cognición, a consciencia, a identidade e a liberdade son algúns deses efectos. Realmente, accédese a eles fenomenicamente mais sempre como produtos da sensación.” (21)

Iso non quere dicir que Sparrow sitúe xerarquicamente a sensación como causa primeira, senón que segundo el a sensación é condición necesaria; a sensación é un obxecto apropiado para a análise empírica. Polo tanto, no seu libro non intenta elaborar unha fenomenoloxía da sensación, como tampouco o intentaron Merleau-Ponty nin Levinas. O que pretende facer Sparrow é partir das observacións especulativas destes dous filósofos sobre a sensación para desenvolvelas nunha novidosa teoría da encarnación (embodiment), unha teoría máis especulativa ca fenomenolóxica. A esa teoría denomínaa estética especulativa e, para comezar o traballo nesa dirección teorética, fornece en Plastic Bodies unha lectura construtiva da fenomenoloxía do corpo, aínda que o faga, como el mesmo salienta, “ao servizo dunha metafísica non fenomenolóxica”:

“Á sensación podémonos achegar desde dúas perspectivas, a fenomenolóxica e a especulativa. Iso exponse cun argumento duplo e sinxelo: a sensación é o material básico da subxectividade; igual ca a sensación é responsable, dunha maneira nada trivial, da capacidade do suxeito para existir. Ao longo de todo o texto está en cuestión a función e a constitución da dimensión estética da encarnación (embodiment), especificamente a realidade autónoma da sensación (aisthesis) e a materialidade do estético.” (22; cursiva no orixinal)

Desde outro tipo de achegamento, sobre esta autonomía da aisthesis respecto do kósmos noetós ou realidade pensada e representada polo suxeito, os lectores curiosos poden consultar tamén a parte final (“Cabo”) de A música das esferas, de Carlos Lema, un dos títulos do noso catálogo.

De por parte, se Levinas e Merleau-Ponty forman o pano de fondo do libro de Tom Sparrow é precisamente porque inician unha renovación no concepto de sensación, renovación que, así e todo, nin é obra da fenomenoloxía nin puido ser realizada por esta. De feito, Sparrow prescinde do que, para moitos discípulos de Levinas é a esencia da súa filosofía, é dicir, o seu programa ético, e pon maior énfase, pola contra, na súa contribución á metafísica da encarnación (embodiment), que normalmente queda na sombra na literatura sobre o autor de Totalité et infini. No canto de considerar isto unha creba do método, interprétao como un indicio do que xorde a filosofía do corpo.

“Asumir con Merleau-Ponty que nós simplemente somos os nosos corpos, céibanos de postular unha cerna de subxectividade autoidentificada que debe permanecer intocable en todos e cada un dos vínculos intercorpóreos, sexan sociais, físicos ou culturais. A plasticidade axúdanos a abordar moitas das cuestións que xorden cando identificamos o suxeito co corpo. Ao cabo, a plasticidade do corpo dános unha versión totalmente inmanente da subxectividade levándonos a garantir ao corpo unha fluidez indeterminada que fai difícil explicar como emerxe a súa estabilidade e como pode ser mantida” (179).

A través desa perspectiva nova, que non é antifenomenolóxica senón que retén desta a súa parte esencial de verdade, incluso cando se acaba por demostrar que esa parte non é de natureza fenomenolóxica, podémonos achegar ao que é, segundo Tom Sparrow, a verdade da plasticidade.