Owen Jones

Owen Jones (Londres, 1806-1889) foi un dos teóricos do deseño máis sobranceiros do século XIX. Arquitecto, artista decorativo, ilustrador, escritor e educador, foi tamén un dos pioneiros da cromolitografía grazas aos estudos realizados por el sobre o emprego das formas e da cor na decoración. As súas anotacións, os esbozos e debuxos que realizou nas súas viaxes son unha fonte inigualable de estudo para deseñadores, historiadores e artistas gráficos.

Durante catro anos viaxou por Italia, Grecia, Turquía, Exipto e o Estado español realizando minuciosas anotacións, bosquexos e alzados de obras arquitectónicas. Acadou sona grazas a publicación en dous volumes de Plans, Elevations, Sections and Details of the Alhambra, que saíu do prelo en 1842 e 1845. Sesenta e nove espléndidas cromolitografías ilustraban o texto, obra clave dun tipo de orientalismo. Owen Jones destacou tamén na decoración de interiores, aínda que hoxe en día son poucos os traballos del que se conservan. Uns deles foi o realizado na casa de Alfred Morrison en Carlton House Terrace, así como os capiteis e mosaicos realizados en Christ Church, Streatham Hill. En 1856, publicou Gramática do ornamento. Este libro converteuse nun dos referentes dos estudosos das Artes Decorativas.

Figura central na formación do Museo South Kensington, que posteriormente pasaría a denominarse Victoria & Albert Museum e que foi resultado da súa colaboración con Henry Cole, primeiro director do museo e figura chave no deseño durante o século XIX. Como ilustrador, son célebres as ilustracións de Owen Jones para Ancient Spanish Ballads, de J. G. Lockhart, a Gray’s Elegy, as Arabian Nights de W. Harvey, O cantar dos cantares de Salomón, o conto persa Paradise and the Peri, así como diversas obras de Shakespeare.

Publicado en Euseino?

Principios xerais para o axeitamento da forma e da cor en Arquitectura e Artes Decorativas, consonte se defende ao longo desta obra (extracto de “Gramática do ornamento”)

Deixar un comentario