“Lica” no Faro da Cultura

Este xoves pasado, 10 de maio, o Faro da Cultura publicaba unha recensión de Lica, de Beatriz Fraga. Co título de “Eficiente combinación. Un novidoso enfoque”, María Navarro fai unha interpretación crítica pormenorizada do álbum publicado na serie Onocrótalo, do que salienta

“O texto breve e en cores resalta sobre un fondo negro que capta dende o comezo a atención de quen se achega ao volume coa intención de descubrir unha historia […]. Tamén apela á sensualidade e á elegancia como formas de crear e expresar pensamentos e ideas […].”

A crítica analiza a linguaxe plástica na súa relación coa linguaxe escrita mediante a combinación de texto e imaxe, que consegue a adaptación da “idea-contido” de tal xeito que resulte atractiva e novidosa.

“O círculo ofrece a redondez precisa para delimitar un universo que a idades temperás soe ser reducido fisicamente pero quizais moi extenso na imaxinación e que en calquera caso convén ir ampliando pouco a pouco para dar cabida a coñecementos, experiencias, vivencias que han de forxar a personalidade e o carácter dos destinatarios deste libro que Beatriz Fraga […] para amosar a capacidade evocadora da palabra e dos trazos.”

Segundo María Navarro, Lica designa, mediante “harmonía imitativa”, unha realidade extralingüística moi substanciosa, facéndoo cun efoque novidoso e moi interesante.

 

Lica xoga coa sorpresa dende o comezo. Chama á porta, anuncia a súa chegada e establece un diálogo visual e verbal co lector propoñéndolle unha sorte de enigmas que convidan a pensar e reflexionar, a investigar e aventurar respostas que se revelan marabillosas por inesperadas.

SaveSave

Eyré sobre “Emerxencia”

A prol da salvagarda do rexistro electrónico e dixital galego

Saudamos e celebramos a nova etapa de Ferradura en tránsito, a época II desta imprescindible e xenerosa achega do crítico literario Xosé Manuel Eyré. Lamentamos que Blogaliza desapareza e con ela a posibilidade de consultar en acceso aberto centos de críticas, entrevistas e outros textos e obras de grande interese para a cultura galega. Preguntámonos se hai algunha institución que arquive e preserve toda esa riqueza que abrolla nas páxinas webs e nos blogues galegos; se non a hai, deberíase crear o antes posible para que non aconteza que os artigos de páxinas coma Ferradura en tránsito desaparezan e se perda unha parte importante da historia da cultura galega deste século. Xa non abonda con preservar os libros e outras publicacións impresas, é necesario salvagardar a cultura que se expresa a través dos medios electrónicos e dixitais, gardar os rexistros do noso paso polo mundo.

Precisamente, Maurizio Ferraris é un dos autores que máis leva reflexionado sobre a inscrición e o rexistro (véxanse os artigos “Catálogo do mundo, 1″ e “Catálogo do mundo, e 2”). A idea inicial do filósofo italiano coincide con esa necesidade de apreixar todo o existente, esa é a razón de que, segundo Ferraris, se cataloguen exemplares, é dicir, individuos que posúen características xeneralizables.

“Se a meirande parte dos sistemas modernos está elaborada, sobre bases kantianas, a partir dos suxeitos (do Eu puro ou das súas transformacións ata o Ser-aquí de Heidegger ou ata o ser en situación de Sartre), o que propoño é, pola contra, un sistema aristotélico que dá preminencia aos obxectos e que precisamente substitúe o Eu transcendental pola idea do catálogo”. (Maurizio Ferraris, Documentalità. Perché è necessario lasciar tracce, Roma-Bari: Editori Laterza, 2009, p. 8)

Sobre Ferraris e o seu libro Emerxencia escribe Eyré dous artigos: “Crítica de Emerxencia” e “Subliñados de Emerxencia”. No primeiro fai unha recensión pormenorizada e rigorosa do ensaio do autor italiano publicado por Euseino? en tradución de Inma Otero Varela.

“Maurizio Ferraris, un dos principais filósofos europeos, realiza unha posta a punto de filosofía emerxencial nesta obra de 2016, que conta con versión galega antes que castelá. Desde o punto de vista realista propón un emerxentismo metafísico baseándose nun empirismo transcendental e estuda a filosofía trascendental na ontoloxía, na epistemoloxía e na política, que son os tres apartados nos que organiza o libro.”

Co seu rigor habitual, no segundo dos artigos Eyré volve empregar o recurso da cita, recurso que popularizou co carimbo de “subliñados” e que é unha das características sobranceiras deste lector impenitente e coidadoso.

Benvida esta Ferradura en tránsito II, un dos rexistros do pensamento que axudan a que a literatura e a filosofía galega existan.

 

SaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave