“Decálogo da novela”, por Rosa Aneiros

“Harmonía de cor VI, casas de clase media, Drachten”, por Theo van Doesburg

A escritora diríxese a quen le. Velaí a ambición deste decálogo no que Rosa Aneiros consegue introducir na reflexión sobre a narrativa a quen é o terceiro dos seus vértices: obra, autora, lectora. Dese xeito, a produción literaria é a realidade que dá forma a unha figura nova; a que eses tres puntos debuxan nun equilibrio sutil, único, cunha forza e unha presenza que, ás veces, é esmagadora. Ou conformadora: a novela boa sempre é novela de formación. Quen escribe e quen le fórmanse ao facelo, dan orixe a outra cousa, a unha obra que existe con elas e fóra delas. A autora de Sibila non necesita definir aquí unha poiese senón que, conscientemente e con afouteza, convida a quen le a poñer os alicerces desa existencia feble e, así e todo firme, que é a codia das letras. Palabras, palabras, palabras… escritas e pronunciadas contigo e consigo, en silencio.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Un diálogo contigo

1) Veracidade. Toda novela é verdade. Forma parte da verdade pactada contigo que les, que te deixas levar polo meu fío cando ambas somos conscientes do artificio. Non podemos reafirmarnos no pacto a cada páxina. Xa o acordamos antes de comezar, era o punto de partida. Unha vez nos embarcamos, ti na lectura e eu na escrita, todo é verdade. Todo. Está sucedendo a medida que les e, cando paras, ese mundo detense e agarda o teu regreso para pórse en marcha de novo. Non debes ver os fíos dos monicreques cos que xogo contigo, non deberías intuílos sequera. Se ti pensas nos fíos, eu fracasei.

2) Diálogo íntimo. Unha novela é un diálogo íntimo entre ti e mais eu. Non hai ninguén máis. A palabra debe levarte como un río, debe engulirte, debe abafallarte ata pensares que só existe o relato e ti formas parte del, desa nova realidade na que conversamos á vista de todas. Somos ventrílocuas que non falamos a través das nosas bocas senón que cedemos as voces ás personaxes. Déixaas falar, a ver que contan.

3) Iceberg. Unha novela é esa imaxe tantas veces reiterada dun iceberg no que só vemos o que permanece na superficie, unha parte ínfima. O sustento do xeo está por baixo da tona da auga. É voluminoso, rexo e firme para permitir que o da superficie anaine. Embaixo das palabras que les hai moitas que explican e non contan, pero fan que o relato se sosteña, non esborralle. Dígoche máis, o iceberg debe cegarte por momentos e, noutros, debe ser o teu reflexo esvaído. Debes encontrarte nel, verte, quererte e aborrecerte e, uns segundos despois, esquecelo, pensar que só foi unha ilusión óptica, unha fata morgana que che fai ver mundos que nunca existiron.

4) Fíos da vida. Unha novela non é a miña vida, nin tampouco a túa, pero ambas as dúas tecémolas cos fíos das nosas. Eses fíos son estraños, invisibles, escorregadizos, traizoeiros. Non somos conscientes de onde proceden, nin ti nin eu, non vaias pensar. Pero existen, claro que existen e, ás veces, cando os descobres, resulta absolutamente desolador polo que desvelan de nós.

5) Palabras, palabras, palabras. Unha novela é un edificio co seu plano, trabes e encofrados pero, sobre todo, son palabras. As palabras, e unicamente as palabras, son a nosa ferramenta e argamasa. Todo se constrúe con elas e sobre elas. Deben estar vivas, deben falarche, facerte tremer polas metáforas, rir cos diálogos, temer cos silencios, chorar co dito e co non dito. As verbas, o que se di e o que non se di, contéñeno todo. 

6) Instinto. Podo ser autora de mapa ou de compás pero, por moito que me guíe por un ou outro, hai un instinto cego que encarreira os meus pasos. É o olor estimulante do presentido, dese abismo que atrapa e polo que sei debo transitar aínda que toda razón diga o contrario. Teño que escoitar a verdade que enuncian personaxes e feitos, aceptalos, aínda que eu planificase xustamente o contrario. Pouco podo facer cando é a narración a que nos fai actuar dun ou doutro xeito. Iso si, cando tomo decisións no relato, ti non debes sospeitalo. Unha novela é ceder á evidencia. Sábelo, non che minto.

7) Á escoita. Unha novela non é letra, é son. A das voces que nela transitan e a fan. É escoitares a túa propia voz. Non te enganes, non é a miña. Sorprenderíaste se foses consciente do moito que ti falas no relato. Asustaríaste. Odiaríasme máis aínda porque pactamos ao comezo que este era un artificio que ambas elaboramos e, en realidade, elabóralo ti. Estás soa no medio e medio do relato, non hai rede salvadora baixo os teus pés cando bambeas coma unha funámbula sobre a vertixe do abismo. Hai tempo que che soltei a man e nin te decataches.

8) As teclas, as cordas. Cando escribo non creo unha novela, iso forma parte da egolatría da autora, desa teima de nos ver como o centro da literatura. Nada máis lonxe da realidade. A novela escríbela ti cando les. Por iso, cando escribo, debo saber tocar as teclas axeitadas, pulsar as cordas que estimulen e fagan vibrar o que en ti habita e descoñecías. É presentimento. É intuición. Ao narrar, sen coñecerte de nada, debo sacar o mellor e o peor de ti. Debo poñerte en xaque coa túa propia vida. Debo facerte dubidar. 

9) Contradicións. Personaxes, tramas, arquitecturas narrativas…, todo debe estar cheo de luces e sombras, de momentos de achega e de afastamento, de odio e de amor. Nese péndulo oscila a novela e aí móveste, hipnotizada polo ir e vir do tránsito que debe fluír, sen afastar a mirada da bóla. Se ollas para outro lado, alterada por un ruído, discordancia ou incongruencia, pérdote. Non podo permitirme iso porque sería moi difícil recuperarte. Resulta imposible aturar unha traizón logo de se evidenciar a mentira.

10) Es a única. Non hai ninguén máis. Só ti e mais eu. Debes saber que escribo para ti e só para ti, que che estou falando ao oído, que non hai ninguén máis, que cada novela está pensada para ti dende o primeiro ao último capítulo. Dende a primeira á derradeira palabra. Es única. Ti, a miña lectora. Porque a novela non é un falar a berros, non é un ouveo no monte cara a ningures, é un moumear baixiño ao pé do oído, un tacto imperceptible que notas, aínda que non me vexas. Na novela só estamos ti e mais eu. Ese é o pacto. Comezamos. Atréveste?

Decálogo da novela

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s