Filósofas e filósofos participantes

Filosofía nas Bibliotecas 2016

Conferencias e participantes

 

Roberto Abuín [calcar no nome para máis información]

Axeitarse á cerna do —noso— dicirretallos para un pensar galego

Habituados a reflectir discursos académicos, o pensamento como acción, verbalidade e proceso viuse reducido a unha simple continuación mimética das doutrinas baixo os caprichos da moda. Nun contexto coma o noso e tentando ir cara a un filosofar que cuestiona (baixo o prisma da racionalidade), ¿podemos inaugurar unha andaina do pensamento que se poida dicir “galego” sen perder o seu recendo particular? ¿Que se proxecte ao universal sen por iso converterse nun absoluto? ¿É un anacronismo pensar así? ¿Ou ben hai algo no —noso— dicir, expresado como iso que denominamos “o galego”, que poida devir unha forma de pensar propia, unha sorte de etnosofía? Esa forma de sabedoría, ¿pode ser un modo singular de percepción e de relación coa realidade? ¿Un saber que poida chegar a expresarse conceptualmente? ¿Vincúlase ese noso ser galego cunha forma de pensar de seu?

Brais Arribas [calcar no nome para máis información]

Deixar ser a diferenza: a potencia política da identidade feble

A función da filosofía é actuar no presente. A filosofía axuda a descubrir onde se agachan eses principios e eses valores que permiten a lexitimidade e a reprodución representadas polas identidades dominantes. Por iso, como alternativa á noción de suxeito propia da tradición liberal, o autor desta conferencia propón outro tipo de suxeito: despotenciado, que proporcione un modelo de comunidade, de política e de democracia máis habitable e respectuoso coa diferenza (cos diferentes). Porque é imprescindible desenvolver unha crítica consistente do sistema socioeconómico actual. A filosofía axuda a descubrir onde se agochan eses principios e eses valores que permiten a lexitimidade e a reprodución representadas polas identidades dominantes.

Rebeca Baceiredo [calcar no nome para máis información]

A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo

Explicáronnos a historia como unha secuencia de feitos naturais, case biolóxicos, dos que indefectiblemente se deriva unha orde social, un estado de cousas. Así, o patriarcado pareceu ser algo necesario e non continxente. Dalgún xeito, desas premisas infírese que combatelo pode achegarnos a un estado máis civilizado mais que tamén pode implicar ir contra natura. Con todo, non só ese relato que nos presentaron como verdade única, tamén os propios conceptos empregados, son meras proxeccións do paradigma actual. A partir da análise do xénero como función subalterna e da súa relación coa existencia e xestión da propiedade, nesta conferencia proponse unha revisión e un axuste dese mito.

Lucía Castro [calcar no nome para máis información]

Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda

Propiedade e débeda son dous conceptos afianzados no imaxinario colectivo que median dunha maneira determinante nas nosas relacións co que nos rodea. É tal o poder que lles outorgamos para facermos intelixible o mundo que dificilmente se abren fendas que poñan en cuestión a súa hexemonía. Atendendo ás tentativas filosóficas que veñen explorando esas fendas, trataremos de visibilizar outros xeitos de relacionármonos que sobreviven ás lóxicas dominantes. O común é o termo co que saen á luz esas experiencias, vellas e novas, e a través do cal se pretende, desde diferentes eidos da sociedade, ir construíndo unha alternativa vital.

Miguel Penas [calcar no nome para máis información]

¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial

Neste relatorio formularemos diversas cuestións arredor da natureza da mente, do papel que xoga a técnica nos procesos mentais e, en xeral, avaliaremos a importancia que posúe a técnica na construción da realidade humana: ¿cal é a natureza da mente?  ¿Son o mesmo a mente e o cerebro? O pensamento, ¿é un proceso abstracto que ocorre nas nosas “cabezas” ou un proceso físico e social no que o corpo e o ambiente xogan un papel crucial? ¿É viable o proxecto de creación dunha intelixencia artificial? ¿En que sentido os inventos técnicos participan nos procesos mentais? A técnica, ¿constitúe unha salvación ou é unha ameaza para o ser humano? ¿De que xeito os novos inventos tecnolóxicos (a Internet, as redes sociais) e as técnicas asociadas a eles (Big Data) interveñen na construción da vida colectiva humana?

Abraham Rubín [calcar no nome para máis información]

Com-partir a fractura. Reflexións sobre a construción de comunidades

Cremos que toda relación humana está determinada por puntos de unión e vencello co outro, ao tempo que tamén se subliña a súa separación e a súa diferenza. A ontoloxía é a parte da filosofía que pensa que son os seres e por que os seres humanos se acaban por constituír a partir da súa relación entre si, a partir das comunidades. Pois toda relación asume unha certa comunidade á que apela. Unha comunidade comunicativa, de entendemento, baseada nunha obra conxunta, nunha serie de actos. Mais a comunidade non pode, en ningún caso, pecharse en si mesma. Non pode ser orixe de si mesma nin ter unha finalidade última. Polo contrario, sempre se ve ameazada pola súa posíbel disolución. Por iso, para a comunidade quizais o importante sexa compartir aquilo do que ninguén se pode apropiar. Asumir o compartido na procura dunha comunidade que sempre lle abra paso a outra nunca definitiva.