Anotacións nº 17: “Propedéutica do realismo especulativo: da resistencia correlacional á realidade transfinita”, por Carlos Lema

Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 17, marzo de 2018
Carlos Lema, “Propedéutica do realismo especulativo: da resistencia correlacional á realidade transfinita, ou como pensar un absoluto non dogmático”

“Propedéutica do realismo especulativo”, ademais dunha introdución á historia e ás correntes de pensamento do realismo especulativo, é unha análise das achegas do xiro especulativo realizado a comezos deste século: a OOO (ontoloxía orientada aos obxectos) de Graham Harman, o materialismoespeculativo de Quentin Meillassoux e o realismo dos obxectos e a crítica do antirrealismo. No ensaio, o autor da Música das esferas fai unha reflexión sobre ideas como a irrazón, o Hipercaos, o transfinito e a noción de campo de senso na obra de Markus Gabriel, xunto coa exploración das súas posibilidades para pensar unha ontoloxía que inclúa un absoluto non dogmático baseado no disenso co obxectivo de desbotar así definitivamente o relativismo e o nihilismo actuais.

Se a filosofía kantiana elaboraba unha primeira crítica da metafísica como absoluto, xa que o en-si podía ser pensado mais non se podía coñecer, dando como resultado unha primeira versión do correlato, é dicir, da relación suxeito-obxecto como única posibilidade de coñecemento do mundo, a filosofía do século XX pecharía o círculo correlacionista ao limitar a accesibilidade do mundo á dependencia entre o pensado e quen o pensa.

Dese xeito, a crítica feita por esa última, ou forte, filosofía correlacionista terá como consecuencia un reforzo da correlación suxeito-mundo, unha relativización da realidade, que queda reducida á realidade da correlación, un nihilismo producido como consecuencia do construtivismo —a realidade é feita polo suxeito, a Historia ou a sociedade— e un relativismo, ou negación de calquera absoluto, de calquera razón, que volverá dar azos á relixión e ao pensamento salvífico.

A crítica feita por ese último correlacionismo sería, entón, a crítica de toda metafísica e de todo pensamento dogmático. Malia iso, trataríase menos dunha crítica da posición da humanidade no mundo ca dunha crítica ampla do suxeito cartesiano. A humanidade continuaría a ser o centro do pensamento filosófico e, polo tanto, a realidade inferida soamente sería un correlato do pensamento humano. Nese senso, tanto a fenomenoloxía coma o estruturalismo, a deconstrución coma o pensamento posmoderno constitúen exemplos perfectos da tendencia antirrealista da filosofía contemporánea.

Ese é o motivo polo que a filosofía adopta hoxe en día “unha posición eminentemente defensiva, en gran parte debida á posición reticente na que a deixou a actividade intensa levada a cabo pola antedita ‘crítica da Crítica’, que contestou a pregunta sobre o senso da filosofía cunha crítica feroz da filosofía mesma, exemplificada na razón” e “permanecendo na resistencia dese paradigma sen responder as preguntas ­suscitadas pola nova ciencia da complexidade, arrombando esta última xunto coa a técnica e o pensamento racional”. Velaí a resistencia correlacional á que o xiro especulativo pretende dar cabo.

 

46 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

Sumario
10, A resistencia correlacional – 13, O xiro especulativo – 16, Correlacionismo OOO (Ontoloxía orientada aos obxectos) – 20, Materialismo especulativo e realismo dos obxectos – 24, Crítica do antirrealismo – 26, O realismo transfinito – 36, Un absoluto non dogmático – 39, Bibliografía

 


Apoie as publicacións en acceso aberto.

A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

 

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave