Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 27-28, xuño de 2022
Fabio Gironi e Reza Negarestani, Enxeñería do mundo, artesanía da mente
No número dulpo 27-28 de Anotacións publícase unha conversa entre os filósofos Fabio Gironi e Reza Negarestani. Centrada na obra deste último pensador iraniano, que reside dede hai anos no Reino Unido, “Enxeñería do mundo, artesanía da mente” é unha extensa entrevista traducida para o galego por Santiago López.
Na conversa, Fabio Gironi percorre os eixos biográfico e bibliográfico de Negarestani, comezando pola súa formación e a súa vida no Irán, continuando coa marcha ao Reino Unido deste pioneiro do xénero da teoría-ficción e impulsor da corrente de pensamento do inhumanismo racional.
Negarestani afirma que o inhumanismo define o humano sen necesidade de recorrer a unha esencia, unicamente en termos da súa capacidade para entrar no espazo das razóns —cognicións teóricas e prácticas—. Na súa obra, o filósofo iraniano explora a posibilidade de que o razoamento se poida desvencellar das limitacións biolóxicas e se poida reinventar en formas diferentes fornecidas polos sistemas de procesamento da información e polos procesos computacionais descubertos.
Gironi comeza a entrevista cun repaso á traxectoria de Negarestani antes e despois da publicación da obra que o daría a coñecer en 2008, a Cyclonopedia, unha novela de ficción-teorética que sería seleccionada pola revista Artforum de arte contemporánea como un dos mellores libros do ano.
En Anotacións nº 27-28, coa súa gran capacidade comparatista, Gironi analiza, ao fío da conversa, o pensamento do autor da Cyclonopedia sobre a educación, a política e as correntes de pensamento actuais ata chegar ao seu libro Intelligence and Spirit, unha amálgama sen precedentes dos programas da Intelixencia Artificial Xeral co idealismo alemán.
Euseino? Editores agradece a Fabio Gironi e a Reza Negarestani a xentileza e a xenerosidade por ceder desinteresadamente os dereitos para esta tradución da súa conversa.

Traducido do inglés por Santiago López.
98 páxs.
Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta
Sumario
11, Antes e despois da Cyclonopedia — 21, Subversión cognitiva — 43, Pesimismo racional — 65, Filosofía e enxeñería — 77, Intelixencia e espírito — 93, Bibliografía.
Apoie con microdoazóns (desde 1 €)
as publicacións en acceso aberto
coma Anotacións sobre literatura e filosofía.
A Fundación Euseino?,
unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.