O Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit) vai desenvolver, con carácter permanente, unha serie de cursos, coloquios e encontros con autoras e autores, coa finalidade de apoiar e estimular a produción literaria en todos os seus ámbitos.
Como nun proceso continuo de produción dedicado á literatura, á escritura e ao pensamento xorde o Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit), denominado así en homenaxe ao Laboratorio de Formas creado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e seguindo tamén o exemplo do LabOnt, o Laboratorio de Ontoloxía de Maurizio Ferraris na Universidade de Turín e do LabLit, o Laboratorio de Literatura da Universidade de Standford.
O LaPLit está formado por tres gabinetes:
- Gabinete de Narrativa.
- Gabinete de Poesía.
- Gabinete de Orixinais, para consultoría e edición literarias.
E mais pola Sección de Produción Editorial, que está dedicada a coordinar a realización de prácticas en edición de mesa e produción de publicacións co Programa de Edición para Persoas Voluntarias.
Actualmente, o LaPLit ten ao dispor das persoas voluntarias e en prácticas medios para levar a cabo o ciclo completo de produción editorial, desde a redacción ou tradución do orixinal ata a súa impresión e encadernación, pasando pola composición tipográfica e edición de mesa. Manéxanse procesadores de texto, programas de maquetación e deseño gráfico, tratamento das ilustracións e posta en páxina xunto coa familiarización con fontes tipográficas. Empregando estes medios e a colaboración das persoas participantes nos programas de voluntariado, o obxectivo do Laboratorio de Produción Literaria é favorecer a publicación de literatura independente, é dicir, ceiba das restricións que os criterios de notoriedade da autoría, rendibilidade das obras e actualidade dos temas impoñen á edición comercial.
O obxectivo é que as persoas voluntarias e en prácticas se poidan encargar de distintos aspectos do traballo de produción editorial. Realizando as diversas funcións da edición de mesa: revisión da tradución, composición tipográfica e corrección de probas, para de seguido responsabilizarse tamén da impresión do miolo e da cuberta rematando coa preparación dos pregos de papel, o manexo da guillotina, pregado e encadernación con grampado en cabalete.
Sección de Produción Editorial
Próximas actividades
Máquinas de luz. Laboratorio de escritura con Mário Gomes
13 de novembro, venres. 18 horas: Obradoiro para as persoas inscritas. 19,30 horas: Performance (Entrada libre).
Escritura en vivo con máquinas de escribir, proxección de imaxes analóxicas e sonoplastia.
Obradoiro de iniciación e aprendizaxe de técnicas para realizar a performance a continuación: funcionamento da máquina de escribir, técnicas de desbloqueo da escritura, automatismos textuais, nocións de presenza en escena. Performance: trátase de converter estímulos audiovisuais (unha proxección de vídeo con banda sonora) en escritura literaria. Dúas persoas escriben durante 10 minutos, ao cabo dos cales len o escrito baixo o estímulo da imaxe e o son. En quendas de 10 minutos cada unha cun total de 3 quendas.
Máximo de participantes na actividade: 6 persoas (previa inscrición gratuíta). Performance: asistencia e entrada libre.
A cargo de Mário Gomes, escritor e tradutor, e Marta Leite, artista visual.
Duración do obradoiro: 90 minutos. Duración da performance: 60 minutos
Formulario de inscrición gratuíta


Mário Gomes (Bonn, 1978) doutorouse en Estudos Literarios nas universidades de Bonn e Florencia e completou un posdoutoramento en Teoría da Literatura na Universidade de Lisboa. Foi docente en varias universidades, entre elas a Universidade de Bonn, a Universidade Libre de Berlín e a Universidade de Concepción (Chile), onde traballou como lector do Servizo Alemán de Intercambio Académico.
En Berlín foi cofundador do espazo Altes Finanzamt, premiado polo Senado de Berlín como mellor espazo artístico en 2014. A súa primeira novela, Berge, Quallen (en coautoría con Jochen Thermann), publicouse en 2016. A súa segunda novela, Wasserball (2023) contou cunha bolsa do Fondo Alemán de Literatura. Como tradutor, realizou a versión alemá da novela Leñador, de Mike Wilson. A súa tradución para o portugués de A república dos doutos, de Arno Schmidt, foi recoñecida cunha mención de honra pola Sociedade Portuguesa de Autores en 2024.
Marta Leite (Lisboa, 1981) é unha artista visual que traballa coa pintura, a escultura, o téxtil e a arte visual. Investiga as dimensións materiais da creación artística, combinando pigmentos naturais, fibras e procesos experimentais de imaxe e instalación. Formada en Pintura pola Universidade de Lisboa e en Escultura pola Universidade das Artes de Berlín, actualmente realiza un doutoramento en Artes dos Medios na Universidade da Beira Interior (Covilhã, Portugal), onde tamén é investigadora.
Cursos e obradoiros xa realizados
Curso de teoría e práctica da edición
Durante os meses de xuño, xullo e agosto de 2026, a Fundación Euseino? levou a cabo o Curso de Edición que no verán desenvolve o Programa de Edición dedicado a Persoas Voluntarias. Realizado no ámbito de actividades do Laboratorio de Produción Literaria, o obxectivo deste curso é desenvolver e complementar o Programa no que as Persoas Voluntarias se forman ao longo do ano, centrado na edición literaria e na edición de mesa sen deixar de atender tamén o seu aspecto social. O curso que acaba de rematar ocupouse de composición tipográfica de poemarios, revisión lingüística e estilística de ensaio filosófico, lectura e preparación de orixinais de narrativa.
Coa titoría profesional dos editores e escritores Carlos Lema e Beatriz Fraga. O primeiro, coñecido polo seu labor como editor de Begoña Caamaño, Xosé Neira Vilas, Domingo Villar e Chus Pato, actualmente é a persoa activa con máis delongada experiencia na edición galega; mentres que Beatriz Fraga, mestra e especialista en ilustración de contos de fadas, dirixe e edita a colección Onocrótalo de álbums ilustrados.
Gabinete de Narrativa
Club de Escritura
No LaPLit da Fundación Euseino? puxemos en funcionamento o Club de Escritura. Un lugar de encontro para as persoas que escriben narrativa de ficción, onde os orixinais se comparten con outras persoas en situación similar e con idénticos intereses.
As súas actividades iniciáronse en setembro de 2022 para continuar ata xuño de 2024. O coordinador literario foi o novelista Xosé Monteagudo, quen supervisaba todos os traballos para ofrecer unha análise narrativa rigorosa e fornecer a quen escribiu cada un deles suxestións que lle permitisen aproveitar todo o seu potencial literario.
Curso de ficción narrativa
Escribe a túa novela ou os teus relatos con
Xosé Monteagudo
Rematado o prazo de matrícula. O curso iniciouse o sábado, día 29 de xaneiro de 2022, ás 10 horas, na sede da Fundación Euseino? en Vigo, e rematou o 7 de maio de 2022.
Gabinete de Poesía
Publicacións

A man e outros poemas senlleiros
Tradución con orixinal en fronte.
Non venal. Publicación fóra de comercio.
1ª edición, 1ª impresión: xullo de 2026
40 páxs. 210 x 150 mm. Encadernación grampada
Edición, impresión e encadernación realizada durante o Curso de Teoría e Práctica da Edición da Fundación Euseino?
Depósito Legal VG-523-2026
Sección Urania

Urania. Poetas en diálogo con Chus Pato
Unha publicación que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais. En formato electrónico (PDF) e acceso aberto.
O diálogo recollido en cada número de Urania tamén se ha realizar de xeito presencial, como unha actividade do Gabinete de Poesía que se desenvolve na sede da Fundación Euseino? en Vigo.
Ademais, en formato presencial ou a través de videoconferencia, hase realizar un seminario sobre a súa obra impartido polas poetas participantes.
Números publicados
Acceda á descarga en acceso aberto na ligazón: Urania.
Cursos e obradoiros xa realizados
“Pensar a poesía dende a ciencia”
Curso en liña a cargo de
Genaro da Silva
19 e 26 de marzo, sábado, de 11,30 a 13, 30 horas.
Curso en liña “Pensar a poesía dende a ciencia” a cargo de Genaro da Silva, poeta e doutor en biodiversidade e ecosistemas. Realizado por videoconferencia en 2 sesións de 2 horas cada unha. Matrícula en achega única de 15 euros.
O pensamento científico e o pensamento poético acostuman suporse máis afastados do que realmente poderían estar. Sendo ciencia e poesía formas de coñecemento, diverxen nos seus modos de proceder e nos seus posibles obxectivos. Nas dúas sesións da que constará este curso, procurarase esvaer parte destas diferenzas comunmente asumidas, tratando de pensar o proceso de escritura dende algunhas ideas matemáticas e biolóxicas: dende a etoloxía ata a neuroloxía, pasando polo caos e a entropía, pretendendo abrir posibilidades na hora de acometer o proceso de produción e recepción poética.
O curso será impartido por Genaro da Silva, doutor en biodiversidade e ecosistemas e autor, entre outros títulos, de Flor Negra (Chan da Pólvora, 2018) e o recente O pintor cego (Officium Lectionis, 2021), sobre o cal se pode ler unha longa conversa con Chus Pato no primeiro número da revista Urania.
Rematado o día 7 de maio de 2022.
Gabinete de Orixinais (temporalmente fóra de servizo)
Consultoría e edición literarias
Un servizo para persoas que escriben orixinais literarios (narrativa, poesía, ensaio, teatro), dedicado a asesoría e preparación de orixinais de cara á súa presentación a editoriais, a premios ou á súa publicación.

- Informe de lectura. Con asesoramento dun lector profesional sobre o seu orixinal.
Informe completo e honesto sobre cada un dos aspectos do seu orixinal (acabado ou sen rematar) para axudar a definir os aspectos febles ou para completalo nas súas carencias.
Solicite unha opinión profesional e pormenorizada sobre o seu orixinal de Narrativa, Poesía, Ensaio, Teatro. Reciba unha orientación clara e precisa para envialo a un premio ou presentalo nunha editorial.
- Preparación de orixinais e edición.
Revisión da organización do material literario. Con proposta de novos desenvolvementos ou modificacións do existente se fose preciso.
Proposta de modificacións: nivel de organización, nivel de recursos literarios e estilo, nivel de títulos, nome de personaxes, lugares, etc.
Corrección ou modificación do punto de vista (en narrativa), da poética implícita (en poesía).
Proposta de supresións de partes do orixinal e suxestión de engádegas, desenvolvemento de partes existentes e reescritura.
- Consulte as tarifas ou solicite orzamento:

