Curso de verán

Teoría e práctica da edición no Laboratorio de Produción Literaria

Durante os meses de xuño, xullo e agosto, a Fundación Euseino? levou a cabo o Curso de Edición que no verán desenvolve o Programa de Edición dedicado a Persoas Voluntarias. Realizado no ámbito de actividades do Laboratorio de Produción Literaria (LaPLit), o obxectivo deste curso é desenvolver e complementar o Programa no que as Persoas Voluntarias se forman ao longo do ano, centrado na edición literaria e na edición de mesa sen deixar de atender tamén o seu aspecto social. O curso que acaba de rematar ocupouse de composición tipográfica de poemarios, revisión lingüística e estilística de ensaio filosófico, lectura e preparación de orixinais de narrativa.

Participaron dúas persoas voluntarias, Uxía Felpeto Cabaleiro e Laura Molinos Rodríguez, xunto cos editores e escritores Carlos Lema e Beatriz Fraga, que exerceron a titoría profesional do curso. O primeiro, coñecido polo seu labor como editor de Begoña Caamaño, Xosé Neira Vilas, Domingo Villar e Chus Pato, actualmente é a persoa activa con máis delongada experiencia na edición galega; mentres que Beatriz Fraga, mestra e especialista en ilustración de contos de fadas, dirixe e edita a colección Onocrótalo de álbums ilustrados.

Edición e produción de “A man e outros poemas senlleiros”

O obxectivo do curso centrouse na edición, composición tipográfica e produción da publicación non venal titulada A man e outros poemas senlleiros. Realizáronse tamén labores de preparación do orixinal dun libro ilustrado, edición e revisión de probas dun ensaio xa posto en páxina previamente, lectura e comentario de orixinais, ademais de conversas teóricas útiles para o oficio da edición literaria.

Durante o curso, as persoas voluntarias encargáronse de distintos aspectos do traballo de produción editorial. Repartíronse as diversas funcións da edición de mesa: revisión da tradución, composición tipográfica e corrección de probas, para de seguido responsabilizarse tamén da impresión do miolo e da cuberta rematando coa preparación dos pregos de papel, o manexo da guillotina, pregado e encadernación con grampado en cabalete.

Edición de mesa. Laura Molinos (de vermello), Uxía Felpeto (á esda.) e Beatriz Fraga na sede da Fundación Euseino? Foto Arquivo Euseino?

Actualmente, o LaPLit ten ao dispor das persoas voluntarias e en prácticas medios para levar a cabo o ciclo completo de produción editorial, desde a redacción ou tradución do orixinal ata a súa impresión e encadernación, pasando pola composición tipográfica e edición de mesa. Manéxanse procesadores de texto, programas de maquetación e deseño gráfico, tratamento das ilustracións e posta en páxina xunto coa familiarización con fontes tipográficas. Empregando estes medios e a colaboración das persoas participantes nos programas de voluntariado, o obxectivo do Laboratorio de Produción Literaria é favorecer a publicación de literatura independente, é dicir, ceiba das restricións que os criterios de notoriedade da autoría, rendibilidade das obras e actualidade dos temas impoñen á edición comercial.

Con esa finalidade, a Fundación Euseino? orienta desde sempre as súas publicacións a promover e difundir obras que, coma as filosóficas, apenas son atendidadas pola produción comercial, apoiando tamén novas persoas autoras e unha concepción da literatura completamente autónoma, allea a criterios económicos, políticos ou de oportunidade.

De aí que o Curso de Verán se dedicase, como cerna da aprendizaxe práctica, á edición dunha selección de poemas que, recollendo a tradición literaria moderna, prestasen atención especial á singularidade das obras e á súa relación co repertorio de recurrsos e formas literarias dominantes, prescindindo do criterio autorial para agrupalas.

Literatura independente e campo social

O traballo de edición de mesa arredor de A man e outros poemas senlleiros, xunto co labor de revisión estilística e lectura de orixinais desenvolvidos polas persoas voluntarias, permitiu que as sesións do curso endexamais xebrasen a práctica editorial da necesaria reflexión teórica.

A metodoloxía empregada baseouse en traballar a edición literaria como un conxunto no que as habilidades técnicas requiridas para a composición tipográfica se combinasen coa necesaria capacidade interpretativa na lectura de orixinais e obras. Sen unha reflexión previa e un achegamento á literatura no que a relación inmediata coas obras (fase perceptiva) se realice co obxectivo dunha relación interpretativa (fase aperceptiva) non sería posible a edición literaria, cando menos a edición literaria independente, non a pura produción de mercadorías.

O mesmo acontece na edición de obras ilustradas, nas que é fundamental a relación que, concretamente, nela se establece coa tradición das artes plásticas e o deseño gráfico.

Para lograr acadar estes obxectivos, é fundamental a o traballo compartido entre as persoas titoras e as voluntarias. Ademais, cómpre entender a literatura dun xeito amplo no que a relación inmediata da praxe lectora e, neste caso, editorial se amplía e se abre ao campo social. Motivo polo que no curso tamén se prestou atención á vertente máis social da publicación de libros, organizando unha actividade de presentación dunha obra literaria de ficción, acto no que unha das persoas voluntarias participou como presentadora.

A literatura tamén se ha de entender como unha práctica na que a conversa arredor das obras e da súa recepción é fundamental. Para evitar unha lectura banal e, consecuentemente, poder desenvolver o labor de edición, este Curso de Verán dedicou unha parte importante do tempo á conversa sobre aspectos prácticos e teóricos da edición independente.

A recepción das obras publicadas é unha cuestión ben importante xa que inflúe na concepción do papel das persoas editoras e do seu oficio. Razón pola que durante o curso se conversou decote arredor da teoría relacionada coas obras Le Degré zéro de l’écriture (O grao cero da escritura), de Roland Barthes, e Les Règles de l’art. Genèse et structure du champ littéraire (O campo literario, Edicións Laiovento), de Pierre Bourdieu. Intentouse un achegamento a estas obras teóricas partindo sempre dunha casuística práctica, isto é, de como a teoría axuda a entender a realidade —tamén a realidade literal das obras escritas— sen someterse completamente aos conceptos e ideas banais. O coñecemento das obras teóricas está relacionado directamente cunha práctica editorial consciente e comprometida, polo que resulta esencial para facer posible unha edición independente e unha cultura non sometida nin subalterna.

O desenvolvemento do labor de edición de mesa e o complementario da actividade social que toda publicación implica fixo inescusable a reflexión sobre como eses dous eixos se necesitan mutuamente. Decatarse de que a literatura non é obra exclusiva nin propiedade da entidade autorial correspondente senón resultado da súa compartición é poñer de manifesto que a edición literaria se converte no medio polo que o carácter democrático —no senso literal da palabra— da cultura se fai posible. A experiencia deste Curso de Verán e o traballo realizado a carón das persoas voluntarias así nolo demostra.

Novo número de “Urania”

Chus Pato dialoga con Nieves Neira sobre “Neve de agosto”

O Gabinete de Poesía da Fundación Euseino? publica en formato PDF e acceso aberto o número 4 de Urania. Publicación sen periodicidade fixa que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais. A súa finalidade é incitar ao pensamento sobre a poesía.

Este novo número de Urania recolle unha conversa sobre o poemario Neve de agosto (Chan da Pólvora, 2022), entrevista que Chus Pato mantivo coa autora do libro, a poeta Nieves Neira Roca. Case cincuenta páxinas de diálogo entre dúas poetas que nos achegan á xenealoxía do poemario, aos seus ecos múltiples, facendo posible unha lectura máis próxima e reveladora.

Ao fío das preguntas que lle formula a entrevistadora, a conversa iníciase cunha declaración na que Nieves Neira confesa que “o libro durou tanto tempo na miña vida que, en certa maneira, é e xa non é meu. Talvez esa sexa a mesma actividade da vida”, a que ten relación con “ese fulgor infinito do finito. De aí que oscile entre ese ‘gardar o ouro no interior do corpo’ e esa ‘pel con pel onde nada se garda’. O que chama do poema, esa chamada, non se pode gardar”. E cita aquí o famoso poema de Giacomo Leopardi sobre “O infinito” [véxase tradución galega na ligazón do título] e o “Vesuvius at Home” de Emily Dickinson.

Fala Nieves Neira da linguaxe poética como daquela que lle dá ao outro as palabras: “curvámonos como as letras” mentres “crece a neve cando xa se perdeu a inocencia, […] crece no chan, invertida, porque algo se resiste a asumir que crecer sexa perder […]”.

A conversa continúa atravesando o poemario, no que as dúas poetas se van detendo para comentar versos ou para falar da dificultade de escribir poesía e da relación entre a poesía e existir. “Ao final, non é iso o que busca esa lingua que perde lugar, o poema, que sobreviva o que amamos?” ¿Ou os poemas son outra cousa, outras cousas?

Urania 4

48 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta


O Club de Escritura remata a temporada

A próxima xeira de sesións hase iniciar o 1 de setembro

Este sábado, día 17, remataron as actividades do Club de Escritura da Fundación Euseino?, que se han reiniciar o vindeiro 1 de setembro.

Ao remate desta última sesión, o seu director, o novelista Xosé Monteagudo, fixo un balance moi positivo das sesións do Club desenvolvidas de setembro de 2022 a xuño deste ano. Pola súa banda, Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?, agradeceu ás persoas asistentes a constancia e bo facer na práctica da escritura literaria narrativa e salientou a importancia que para a Fundación Euseino? ten a súa participación nas actividades do Club, que representa unha parte fundamental de Euseino? Social ao conseguir que, efectivamente, a sede da Fundación en Vigo se converta no “lugar de encontro para as persoas que escriben e len”.

Mediante a práctica de diferentes técnicas narrativas e coa escritura de orixinais que son valorados e comentados polo novelista Xosé Monteagudo, este Club de Escritura ten como finalidade que as persoas participantes nel descubran e perfeccionen o seu estilo literario, permitíndolles acadar a seguridade necesaria para tirar a máxima eficacia ao seu talento narrativo.

Baseado na participación en grupos reducidos. Con xuntanzas presenciais unha vez ao mes (sábado, ás 10 horas da mañá) que teñen lugar na sede da Fundación Euseino? en Vigo. Complementadas con recursos e permanente contacto informático entre os membros de cada grupo e co coordinador.

A próxima temporada de sesións hase iniciar o vindeiro 1 de setembro. Para a inscrición, na que teñen preferencia as persoas que xa participaron esta temporada, calquera outra persoa interesada pode consultar a ligazón