Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 18, xuño de 2018
Miriam Sánchez Moreiras, “Poesía e veredición. Unha aproximación ao pensamento de Alain Badiou“
O artigo parte da idea de que a verdade artística e, con ela, a verdade poética, resulta un marco teórico válido desde o que dar resposta á cuestión que o seu ensaio trata de resolver: en que medida o poema é un procedemento de verdade; e, estreitamente ligada a esta cuestión, que tipo de relación establece coa filosofía, da que é (xunto co matema, a política e o amor) unha das súas condicións.
Esa consideración inicial está directamente relacionada coa filosofía “como afirmación do labor especulativo da razón e a capacidade desta para pensar consistentemente as verdades”.
O ensaio continúa a desenvolver a súa argumentación a través de cuestións coma o novo suxeito de arte, declarando tres imperativos para a nova obra de arte: ser tan rigorosa como unha demostración, tan sorprendente como un ataque nocturno e tan elevada como unha estrela. Tales imperativos enténdense como o modo en que, segundo Alain Badiou, a arte debe acoller e comprometerse coas calidades da verdade (rigorosa) do matema, (sorprendente) da política e (elevada) do amor.
A formulación do novo suxeito de arte e o seu impulso de vida, oposto ao impulso de morte que dirixe aos que o filósofo francés denomina suxeito de gozo e suxeito de razón, permite expor a posibilidade dunha alternativa ás propostas vitalistas posmodernas que consideran a poesía como un discurso irracional.
Sánchez Moreiras céntrase nunha preocupación esencial, ofrecer unha saída á orientación de signo negativo e relativista que caracteriza unha parte considerable da reflexión contemporánea sobre a arte e a literatura, desde o escepticismo formalista que a deconstrucción e o resto de manifestacións do xiro lingüístico comparten, ocupadas en poñer en evidencia o fracaso da linguaxe para dar sentido, ata as propostas vitalistas e corporeístas contemporáneas na liña das políticas do corpo de Julia Kristeva e Deleuze.
34 páxs.
Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta
Sumario
10, O afirmacionismo – 15, O novo suxeito de arte – 20, A operación poética – 25, Conclusión – 29, Bibliografía
Apoie as publicacións en acceso aberto.
A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.