“Decálogo da novela”, por Xosé Monteagudo

Pormenor da reconstrución feita por Frances Yates da roda da memoria de Giordano Bruno, De Umbris Idearum (1582), Warburg Institute

 

Continúa a serie do Decálogo da novela, desta volta cunha achega de Xosé Monteagudo. O autor de Todo canto fomos propón unha concepción do xénero novelístico como aproximación ao inesperado e ao descoñecido, a aquilo que o relato agocha e, debido a ese mesmo ocultamento, tamén axuda a albiscar. A perspectiva, o estilo e o conflito trazan na novela as marcas da singularidade. A novela asolaga a consciencia de quen le, invade tempo e lugar, subsume a realidade nesoutra realidade que é a ficción.

Nesta sección que coordina e edita Iván García Campos, en semanas vindeiras imos continuar publicando novos decálogos sempre escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

 

A novela como forma de vida

1) Carácter. Toda novela mostra sempre a personalidade de quen a escribe. No que conta e no que oculta. No que pon a énfase. Na perspectiva desde a que relata. Unha novela xorde por necesidade, para alumear algunha dimensión persoal. Ás veces, incluso contra a propia intención.

2) Lupa. A literatura máis grande é a que presta atención aos detalles máis pequenos. Incluso as novelas que relatan as historias máis coñecidas e universais valen só polo interese particular que lle outorgan aos eidos diminutos e insospeitados. Son os que lles confiren unha significación propia e celmosa.

3) Perspectiva. Unha novela non guía nin confirma. Non nos ensina a vivir, nin é tampouco a demostración de ningunha idea ou teoría. Unha novela colle un anaco da realidade e reelabórao consonte a perspectiva de quen a escribe. Sen decatármonos, a novela pode axudar a quen a le a sentir e percibir dun xeito diferente.

4) Fóra do común. Unha novela pode desenvolverse en calquera tempo e lugar, agás no lugar común.

5) Segredos. Escribir —e ler— unha novela é unha maneira de esmiuzar unha realidade descoñecida. Quen escribe —e quen le— busca algo non coñecido, presentido coma quen intúe un segredo.

6) Estilo. Toda novela crea a súa propia linguaxe. Unha novela é unha historia que non se pode contar doutra maneira. Calquera intento de contar a mesma historia doutro modo implica necesariamente unha historia diferente. O estilo configura a historia dun xeito único e intransferible.

7) Perda de consciencia. O valor principal dunha novela está en mergullar a quen a le no mundo que describe, na historia que relata. Unha novela vale na medida en que, no acto da lectura, se perda a consciencia de todo o demais para deixarse levar pola corrente do relato.

8) Sempre ficción. A pesar de que os nomes dos lugares, os acontecementos ou mesmo as personaxes, poidan coincidir cos reais, todo o que relata unha novela sempre é ficticio. A imaxinación de quen a escribe recrea a realidade, desposuíndoa dos seus atributos constatables para outorgarlle unhas características persoais, alleas á súa orixe.

9) Conflito. Toda novela debuxa un conflito dos personaxes co seu medio, con outros personaxes, coa moral ou as ideas que pretenden orientar as súas vidas. O desenvolvemento dunha historia relata a maneira na que os personaxes enfrontan esa loita para vencer ou sucumbir no intento.

10) Semente. Unha novela, ademais de froito, é tamén semente. Por debaixo do que conta, abrollan outros relatos. Para construírmos unha experiencia propia. A de quen escribe e a de quen le.

 

Decálogos da novela anteriormente publicados

“Realidade e compromiso na ficción narrativa”, por Carlos Lema
“A narrativa como disciplina artística”, por Iván García Campos
“Unha teoría do inexplicable”, por Diego Ameixeiras

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”

 

Deixar un comentario