Hélène Cixous

Hélène Cixous (Oran, 1937) é profesora emérita de Literatura inglesa e Estudos femininos pola Universidade París 8 – Vincennes. Especialista en James Joyce (a súa tese, O exilio de James Joyce ou a arte da substitución, foi publicada en 1968, Éditions Grasset), a súa figura excede con moito as fronteiras do estritamente académico. Impulsora do Centro Universitario de Vincennes xunto con Raymond Las Vergnas, creou no seu seo o Centro de Estudos Femininos e de Estudos de xénero, pioneiro en Europa, en 1974.

Un ano máis tarde, o seu ensaio Le rire de la Méduse (Éditions de l’Arc) sentaría as bases discursivas da segunda vaga do feminismo francés mediante a reivindicación dunha nova retórica desprovista do que denominaba «logocentrismo patriarcal» e aberta á celebración da escritura e do corpo da muller, nocións nas que afondaría en La Venue à l’écriture (U.G.E., 1977).

Escritora prolífica e comprometida, cómplice intelectual de Jacques Derrida e voz imprescindible da teoría postestruturalista, as súas obras –sexa no eido da ficción, do ensaio, da poesía ou da dramaturxia– comparten unha mesma dimensión filosófica e estética. Na actualidade, continúa vencellada ao Collège International de Philosophie, no que imparte un seminario desde 1983.

En euseino.org
“Dixen sen máis (1)”, euseino.org, 28 de novembro de 2022
“Dixen sen máis (2)”, euseino.org, 21 de decembro de 2022