Rúa do Lagarto

Rúa do Lagarto é a colección de Euseino? dedicada á literatura.

Fundada en decembro de 2012 por Beatriz Fraga e Carlos Lema, o seu título inicial foi o primeiro libro publicado baixo o selo de Euseino? Editores.

Desde o número 2, Berta Dávila é a editora e a directora da colección.


Un lugar para o que se escribe nos lindes, unha colección para a literatura aparentemente menor. Non aspira á rotundidade das grandes avenidas planificadas de xeito preciso senón á factura parcial das calellas que se constrúen a si mesmas co pasar do tempo. Celebra o que a uniformización da literatura entendida como mercadoría censura: o defectuoso, a brevidade, o ambiguo e o indeterminado.

A colección recolle obras de extensión breve, de ata 20.000 palabras (entre 50.000 e 100.000 caracteres con espazos): ficción en forma de nouvelle ou de conto e relato, cartas e diarios mais tamén xéneros híbridos e singularidades. Serán os obxectos literarios que queren aparecer nela os que definan e configuren a súa arquitectura.

Rúa do Lagarto é un rodeo fértil ao camiño recto: a escritura como anomalía.


Termos e condicións das publicacións
Para facilitar o traballo das persoas voluntarias do equipo editorial e preservar a coherencia das diferentes liñas do catálogo de Euseino? Editores, ao acceder á publicación dunha obra (libro, artigo, entrevista, tradución, etc.), as autoras, autores, tradutores e tradutoras aceptan implicitamente os criterios de edición (lingüísticos, tipográficos, etc.) empregados nas publicacións da Fundación Euseino? segundo decisión desta última e agás acordo previo noutro senso.

Títulos publicados

1. O Rei Portador e outras historias, por Beatriz Fraga

Nova xeira (baixo a dirección de Berta Dávila):

2. Ninguén queda, por Brais Lamela


Envío de orixinais

Se vostede desexa propoñer a publicación dun orixinal da súa autoría, prégase cubrir o formulario incluído máis abaixo.

A obra final será sempre de extensión breve, entre 50.000 e 100.000 caracteres con espazos (de 10.000 a 20.000 palabras), e debe responder ao propósito xeral da colección.

Non esqueza incluír os seus datos e o seu correo electrónico, ademais dunha breve explicación da proposta que non exceda os tres parágrafos: un resumo do argumento, de existir, ou dos temas; cal é o propósito ou a intención da obra, unha nota biográfica breve e calquera outra cousa que considere importante.

Pode propoñer a valoración do seu orixinal xa concluído ou dun proxecto inacabado. Segundo sexa o seu caso, solicitaráselle a través do correo electrónico que facilite unha mostra de arredor de 10.000 caracteres con espazos (1000 palabras) ou ben a obra completa.