X. M. Eyré escribe sobre “A monstruosidade moderna”

O crítico literario Xosé Manuel Eyré acaba de publicar unha recensión de A monstruosidade moderna, de Carlos Lema, no seu blogue Ferradura en Tránsito II. Co título de Aproximación á Monstruosidade moderna ou o espello á fronte, Eyré comeza o artigo coa seguinte puntualización:

“A risco de non ser exhaustivo mais si fiel ao meu interese lector, en A monstruosidade moderna atopo dous núcleos temáticos que para min son de sumo interese: a concepción do artista moderno, na primeira parte do libro, e a emancipación da muller por medio da cultura, na terceira parte. Iso non quere dicir que a segunda parte ( a representación a través da poesía, da infancia e da alma) ou a conclusión ( onde a pólis moderna xa non se articula directamente sobre o cidadán senón a partir das súas decisións sobre a representación) fiquen relegadas ou me merezan menos consideración. Só que, como crítico literario que son, é lóxico que as outras dúas me interesen máis.”

Ao facer unha lectura pormenorizada do libro, Eyré tamén fai unha reflexión sobre os temas que salienta:

“Suxeitos. Xenialidade. Subxectividade, Obra de arte. Representación. Representación : realidade, que non é o mesmo que realidade ideal aínda que esta sexa operada polo suxeito, entendemos, pois na correlación mundo-pensamento aparecen as nocións de liberdade e disenso.”

Para deterse especialmente nos ensaios que se ocupan das mulleres e a cultura, algo que para o crítico é importante pois  ensaio “As fadas modernas. Primeiras autoras, infancia e literatura” resulta un “xusto e oportuno recoñecemento ás mulleres como autoras e como motor da consolidación da novela. […] Parécenos fundamental este recoñecemento ao papel da muller na construción dun novo xénero, a novela”.

Segundo a opinión de Eyré:

“Carlos Lema ofrécenos un adianto do que será ‘o contrafío das mulleres’, ou como estas acceden á súa emancipación mediante a creación, o que as sitúa en pelna tradición moderna, onde a creación ex novo resulta fundamental.”

A recensión conclúe cunha síntese do último dos ensaios do libro de Lema, para quen, segundo o crítico, “na tardomodernidade a política se formaliza como produción e consumo de poder por parte dos suxeitos”.

“Antes analizouse a obra de arte como representación, o artista como produtor, agora conclúese con algo que é fundamental nos nosos días: a (política como) consunción.”

Para rematar o artigo de Ferradura en Tránsito II con esta consideración:

“Ao longo desta demorada aproximación a A monstruosidade moderna, tivemos ocasión de reparar en conceptos que había tempo que non xurdían no discurso literario, aínda máis: no discurso crítico da literatura. Conceptos tales como “xenialidade”, “sublime”, “orixinalidade”, ao que hai que engadir a “verosemellanza”. Conceptos clave ao falar de literatura, que parecían esquecidos e que representan o mellor que a obra de arte nos pode ofrecer. Ao que hai que engadir esoutro concepto fundamental: a monstruosidade, que xorde cando calquera individuo se erixe en produtor (fíxense que non digo creador) de arte ademais de consumidor.”

Unha lectura, a de Xosé Manuel Eyré, pormenorizada, atenta e rigorosa; nela, o labor do crítico suxire posibles interpretacións, indica vías de reflexión e serve de guía aos lectores que escollan seguir os seus pasos.

 

 

SaveSave

SaveSaveSaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave