Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 23-24, maio de 2020
Roberto Abuín, “Todo ser humano é un artista“
Número duplo que inclúe un ensaio do filósofo e editor Roberto Abuín no que realiza unha interpretación do libro A monstruosidade moderna, de Carlos Lema. A partir do dito no que Joseph Beuys declaraba que todo ser humano é un artista (“Jeder Mensch ist ein Künstler.”), Abuín introdúcese na idea de monstruosidade e na súa relación coa Idade Moderna a través da arte, a poesía e a política, trazando con moita agudeza o horizonte conceptual e experiencial que detecta no libro de Lema mentres aproveita para situalo sobre o pano de fondo do principal revulsivo filosófico das dúas primeiras décadas do século XXI: o realismo especulativo.
“cando o individuo moderno é quen de producir unha representación que nace do seu interno e propio despregamento, non dun colectivo mimetizarse unificador, é cando o monstruoso comeza a aparecer, a agromar do fondo do natural como o advir dunha outridade contra natura. Na dicotomía entre natural (modélico, universal, necesario) e contra natura (crítico, singular, anovador, continxente), a modernidade seguiu a segunda corga, a do disenso propio do acomún subxectivo que se dinamiza a través do consensuado por un novo pacto social.”
O percorrido realizado neste ensaio non soamente é unha excelente introdución a un libro no que a filosofía galega se achega á nova corrente do materialismo especulativo senón que amosa de xeito sumamente atractivo a capacidade interpretativa dunha lectura atenta e a distancia que é quen de percorrer o pensamento en pleno uso da súa facultade analítica.
“desde o punto de vista intelectual tentamos establecer xenerativamente, nos ámbitos culturais nos que estamos inmersos, algún tipo de diálogo, algún tipo de meditación compartida que sirva non só como xustificación dun mesmo, do propio pensamento, senón como reificación simbólica dun copensar —e compensar— colectivo no que se abran e establezan patróns de visión que poden ser adecuados para o fortalecemento teórico e tamén, por suposto, práxico.”
O ensaio de Roberto Abuín que incluímos neste número duplo de Anotacións sobre literatura e filosofía é, como demostración dunha posibilidade aberta e factible, un paso importante no desenvolvemento dun ámbito de pensamento autónomo, no que pensadoras e pensadores galegos, escritoras, poetas e narradores poidan encontrar unha recepción acaída da súa obra, un esforzo interpretativo sobre o seu alcance e necesidade e unha plataforma de proxección no medio social no que escriben.
86 páxs.
Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta
Sumario
11, 1. O monstro especulativo — 23, 2. Aufhebung, correlación e arte — 41, 3. A poesía: entre e non-retorno — 53, 4. O daímon moderno — 65, 5. A política infinitesimal — 77, 6. Un infinito materialista — 79, Bibliografía
Apoie as publicacións en acceso aberto:
A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.