A prol e en contra do cinema

Serie Anónima 1

Col. Rúa do Sol
1ª edición, 1ª impresión: decembro de 2025



150 x 105 mm
Encadernación grampada
24 páxs.
Edición non venal [agasallo a persoas doadoras]

Libros de pequeno formato e extensión breve, a serie Anónima ten un carácter non venal e a súa renuncia á noción de autoría defínea de xeito senlleiro, ampliando así a liña de publicacións de Euseino? en acceso aberto e difusión non comercial. Sobre temas diversos, son obras que, ao prescindir da autoría, se poden reproducir total ou parcialmente mediante calquera medio xa que non son propiedade de ninguén. O primeiro dos títulos, A prol e en contra do cinema, é unha reflexión sobre o labor de Guy Debord nese eido. Difúndense como agasallo, calquera persoa doadora pode solicitar un exemplar.

Guy Debord, fundador da Internacional Situacionista, publicaba no primeiro número do boletín desa organización, en xuño de 1958, unha reflexión breve e aínda hoxe actual na que definía o cine non só “como expresión anecdótica ou formal senón tamén na súa infraestrutura material, a mellor representación dunha época de invencións anárquicas xustapostas (non articuladas, simplemente sumadas)”.

Segundo Debord, o cinema achega poderes inéditos á esgotada forza reaccionaria do espectáculo sen participación. A crítica debordiana do cinema non se limita a unha análise estética illada senón que o sitúa no epicentro da súa teoría da alienación social, converténdoo no punto de aplicación máis visible e integral da súa crítica unitaria.

A Internacional Situacionista —unha organización de revolucionarios sociais composta por artistas de vangarda, intelectuais e teóricos políticos —activa en Europa desde a súa fundación en 1957 ata a súa disolución en 1972— esixía unha crítica unitaria da economía política e da cultura. Este enfoque interdisciplinario requiría que a análise estética fose indistinguible da crítica social. O cinema, debido á súa natureza totali­zadora e ao seu éxito comercial na posguerra, converteuse no obxecto perfecto para demostrar como a lóxica da mercadoría e a economía política se infiltran e definen a cultura. Atacar o cinema espectacular é, para os situacionistas, atacar a forma na que a mercadoría se converte en imaxe social dominante, estruturando a vida cotiá.


Para facer unha doazón ou formar parte da membresía de Euseino? Social, visitar a páxina:

Doazóns e membresía

[Nesta páxina, primeiro descríbense os tipos de membresía cos que se pode colaborar coa Fundación Euseino? e, ao final, tamén aparece un formulario para facer unha doazón da cantidade que cadaquén considere axeitada.]