¿De onde xorde un libro?

Dixitalizado e catalogado o Fondo Anxos Sumai do Arquivo Euseino?

Mediante un convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Euseino?, a investigadora Nerea Campos Avendaño realizou a dixitalización e catalogación do Fondo Anxos Sumai como prácticas académicas externas do Mestrado de Estudos da Literatura e da Cultura. Un fondo organizado e accesíbel composto por catro cadernos manuscritos dos anos 1982, 1984-1985 e 1986, xunto cun amplo conxunto de relatos (publicados e inéditos), apuntamentos para novelas e anotacións das décadas de 1980, 1990 e 2000. Un total de 45 fichas catalográficas (sección 1 e sección 2) que dan acceso ao proceso de escritura da obra da autora. Como primeira mostra deste fondo, acábase de publicar o álbum ilustrado A nena de xeo.

Fondo Anxos Sumai: acceso ao proceso de escritura

Xa está dispoñible para consulta o Fondo Anxos Sumai no Arquivo Euseino?, un repositorio dixital que abre unha porta privilexiada ao proceso creativo da autora. Grazas ao traballo de catalogación e dixitalización concluído recentemente, este conxunto documental pódese explorar agora con total facilidade por persoas lectoras, investigadoras e interesadas na intrahistoria da escritura da súa obra. Para acceder aos orixinais da autora de A lúa da colleita, pódense consultar as Fichas catalográficas nas que están recollidas as fontes documentais a través dunha sinxela solicitude de consulta.

O fondo reúne materiais de gran valor literario, en especial para a crítica xenética, que ten como obxecto de estudo os materiais textuais —principalmente manuscritos— que preceden a versión final dunha obra. Conta con orixinais de relatos inéditos, ilustracións e mesmo proxectos inacabados, diferentes borradores e versións que permiten achegarse a unha experiencia íntima da escritura. Este conxunto posibilita coñecer, alén da súa obra publicada, as múltiples vías que a autora percorreu na creación literaria, ao entender cada documento como parte dun proceso aberto, en elaboración.

Entre a documentación autorial que Anxos Sumai confiou á Fundación Euseino?, apareceron

orixinais que permanecían gardados, latentes, coma se esperasen o momento axeitado para saír á luz. Entre eles estaba a historia de A nena de xeo, que emerxeu do arquivo coma unha peza conservada nun glaciar: intacta, poderosa, lista para ser lida.

Tal como contou Beatriz Fraga, a súa editora, na presentación deste álbun ilustrado. O orixinal do conto ilustrado por Minia Regos forma parte do legado cedido pola escritora de Catoira ao Arquivo Euseino?

Mostras de varios orixinais manuscritos conservados no Fondo Anxos Sumai. Fotos Arquivo Euseino?

Esta colección contén, polo tanto, o xermolo da obra literaria da autora, a busca dun xeito de expresión en escritos de singular sensibilidade. Altérnase entre narracións sobre o cotián, o fantástico e o gótico. Nos cadernos chaman a atención os apuntamentos de xogos de palabras así como notas persoais que fan visibles os procesos de aprendizaxe da escritora. Aparecen tamén miniaturas e iluminacións, isto é, pequenas ilustracións e elementos ornamentais feitos a man para acompañar e adornar o texto, como motivos florais ou pequenas figuras zoomórficas nas marxes. Estes recursos, inspiráronse nos códices, manuscritos antigos en pergameo, cos que traballaba Anxos Sumai na súa profesión como arquiveira do Consello da Cultura Galega.

O traballo de dixitalización e catalogación foi realizado pola investigadora Nerea Campos Avendaño, do Mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura, no marco dun convenio de colaboración entre a Fundación Euseino? e a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O resultado é un fondo organizado e accesible composto por catro cadernos manuscritos datados nos anos 1982, 1984-1985 e 1986, xunto cun amplo conxunto de relatos (publicados e inéditos), apuntamentos para novelas e anotacións soltas das décadas de 1980, 1990 e 2000. O total de fichas catalográficas nas que está organizada esta colección son 45.

Manuscritos do Fondo Anxos Sumai coa peculiar caligrafía da autora, xunto cun dos cadernos dixitalizados, a cuberta do álbum A nena de xeo e a escritora coa investigadora en prácticas Nerea Campos.

Deixar un comentario