“Segundo a primeira, dominada pola imaxe da secuencia de obxectos, o presente da consciencia estaría constituído por ‘bloques de duración’ nos que se asenta a continuidade do fluxo de consciencia. Na segunda, ilustrada na imaxe da liña, afirma que eses “bloques” fenoménicos teñen lugar en momentos instantáneos do ‘fluxo temporal real’. Segundo esta última imaxe, a duración presente da consciencia sería relativa a un modo de representación das relacións temporais do propio fluxo, representación que sería ela mesma instantánea.”
No artigo analízase a tensión entre estas dúas interpretacións e arguméntase que cada unha delas está vinculada a unha perspectiva sobre o presente especioso. Cando James se limita á descrición do efectivamente dado na consciencia, favorécese a idea de que o fluxo de consciencia se compón de bloques de duración. Cando o integra no marco máis amplo dos vínculos causais e da función representativa da percepción, gaña peso a inscrición do presente fenoménico en instantes sen duración. A expresión “presente especioso” ou “presente enganoso” designa o presente psicolóxico ou fenoménico do fluxo de consciencia. O adxectivo “especioso” fai fincapé no feito de que o que se dá como presente na percepción do mundo externo non é o que parece. Os eventos e obxectos externos son percibidos coma se fosen simultáneos entre si e á experiencia perceptiva. O “engano” do presente especioso ten que ver co desfasamento temporal que hai entre o momento da emisión dun sinal e a produción da súa percepción consciente.
44 páxs.
Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta
Sumario
9, O presente especioso e o presente obxectivo — 17, Descrición fenomenolóxica do presente especioso — 24, O presente especioso como modo de representación – 33, Unidade diacrónica da consciencia – 35, A representación fenoménica das relacións temporais — 37, Conclusión — 39, Bibliografía
Apoie con microdoazóns (desde 1 €) as publicacións en acceso aberto coma Anotacións sobre literatura e filosofía.
A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente, agradece a súa contribución. As doazóns a entidades inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego son deducibles de impostos conforme marca a lexislación vixente.