Coleccións


Casabranca

Casabranca é a liña editorial que Euseino? dedica á filosofía. Unha colección creada e dirixida por Carlos Lema para difundir e promover a filosofía e o pensamento non dogmático en idioma galego.

Desde 2022, Mario Losada é o seu editor e coordinador.

Consultar títulos


m-Talá. Obra completa de Chus Pato, vol. extra

En xullo do ano 2000, publicábase m-Talá, sexto poemario de Chus Pato. Vinte anos despois, publicamos en Euseino? Editores a súa edición crítica.


Onocrótalo

Onocrótalo é unha colección de álbums ilustrados dirixida a todas as idades, incluídos os primeiros lectores. A súa finalidade é achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. Onocrótalo sérvese da sorpresa e admiración perante a arte para provocar a reflexión e estimular o pensamento.

Libros elaborados por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos. Libros para gardar… no papo.

Colección creada e dirixida por Beatriz Fraga.

Consultar títulos


Rúa do Lagarto

Rúa do Lagarto é a colección de Euseino? dedicada á literatura.

Fundada en decembro de 2012 por Beatriz Fraga e Carlos Lema, o seu título inicial foi o primeiro libro publicado baixo o selo de Euseino? Editores.

Berta Dávila foi a editora e a directora da colección de 2021 a 2023, coa publicación dos números 2 e 3.

Un lugar para o que se escribe nos lindes, unha colección para a literatura aparentemente menor. Non aspira á rotundidade das grandes avenidas planificadas de xeito preciso senón á factura parcial das calellas que se constrúen a si mesmas co pasar do tempo. Celebra o que a uniformización da literatura entendida como mercadoría censura: o inacabado, a brevidade, o ambiguo e o indeterminado.

Consultar títulos


Rúa do Sol

Rúa do Sol é a colección que Euseino? Editores dedica ao pensamento sobre a representación, as artes e a teoría artística. Música, artes decorativas, pintura, literatura … A colección combina a edición dixital (PDF e libro electrónico) co libro impreso.

Os libros en acceso aberto levan a cor maxenta na cuberta. Unha das catro cores básicas da cuadricromía na imprenta moderna.


Serie Anónima

Publicados dentro da colección Rúa do Sol como libros de pequeno formato e extensión breve, a serie Anónima ten un carácter non venal e, ademais, a súa renuncia á noción de autoría defíneos de xeito senlleiro, ampliando así a liña de publicacións de Euseino? en acceso aberto e difusión non comercial. Sobre temas diversos, son obras que, ao prescindir da autoría, se poden reproducir total ou parcialmente mediante calquera medio xa que non son propiedade de ninguén. Difúndense como agasallo, calquera persoa doadora pode solicitar un exemplar.

Consultar títulos


Termos e condicións das publicacións
Para facilitar o traballo das persoas voluntarias do equipo editorial e preservar a coherencia das diferentes liñas do catálogo de Euseino? Editores, ao acceder á publicación dunha obra (libro, artigo, entrevista, tradución, etc.), as autoras, autores, tradutores e tradutoras aceptan implicitamente os criterios de edición (lingüísticos, tipográficos, etc.) empregados nas publicacións da Fundación Euseino? segundo decisión desta última e agás acordo previo noutro senso.