O Fondo Numax vai constar das copias íntegras en soporte dixital de documentos videográficos e fotográficos, documentación que ten gran valor para o estudo da difusión da cultura e, especialmente, da literatura galega, das intervencións públicas das autoras e autores e para o debate sobre a función dos libros na sociedade actual.
A sinatura do Acordo de Cesión de Documentación que dá orixe a este Fondo, ademais ha posibilitar á Cooperativa Numax e á Fundación Euseino? a realización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias, polo que se sitúa nun marco máis amplo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes para o estudo, difusión e arrequentamento da cultura en idioma galego.
O Fondo obxecto da cesión vai pasar a formar parte dun repositorio dixital que facilite a súa consulta a través de euseino.org coa finalidade de apoiar a investigación e difusión deste tipo de material, de gran valor porque recolle imaxe fílmica e voces das autoras e autores galegos.
Tanto pola súa actualidade e renovación constante coma polas características da librería de Numax, especialmente dedicada a literatura, arte e pensamento, os vídeos e fotografías que integran o este fondo documental representan momentos senlleiros da difusión social e do debate no ámbito cultural galego. Neles recóllense os actos, coloquios e presentacións de novidades bibliográficas gravados en directo e fotografados polo equipo da Cooperativa.

Deste xeito, o Arquivo Euseino? continúa acrecentando a súa incidencia no estudo da documentación autorial, desta volta videográfica e fotográfica, converténdose nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a formación da identidade autorial e a súa proxección na sociedade, ademais de estar especialmente dedicado á obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai, e o Fondo Berta Dávila, ao que tamén se engade o Fondo Rebeca Baceiredo.
Pode solicitar a consulta dos orixinais do Fondo Numax na ligazón:
Imos valorar con atención a súa solicitude para contestarlle o antes posible.