O Fondo Rebeca Baceiredo consta de orixinais en papel da obra da autora. Son os títulos seguintes: O suxeito posmoderno, varias versións iniciais de (repeat to fade), versións de (des)veos, páxinas dunha versión inicial de E meterei a miña lei no teu peito (tamén titulado “O narcisismo de Eros”), Capitalismo e fascismo, Libro de horas, Como non ser tranquilamente human@s e o inédito “Glosario da boa vida”.
Aos orixinais das obras, o Fondo Rebeca Baceiredo engade unha colección composta por cinco cadernos de notas da autora de A revolución non vai ser televisada. Estes cadernos teñen características singulares pois, ademais de incluír anotacións de lecturas, apuntamentos para ensaios e proxectos, teñen importancia polo emprego do grafismo como xeito expresivo non discursivo, dándolle relevo á xestualidade gráfica, ao uso dos trazos de riscado e á caligrafía disforme. A filósofa e escritora mesmo emprega a rachadura do papel, a composición de grupos de palabras e de números como expresión de ruptura coa lóxica do discurso.
Trátase dunha cesión de orixinais manuscritos e mecanoscritos, de gran valor documental para os estudos de crítica xenealóxica da obra tanto literaria coma filosófica de Rebeca Baceiredo.







Deste xeito, o Arquivo Euseino? continúa acrecentando a súa incidencia no estudo da documentación autorial, converténdose nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a formación da identidade autorial, co Fondo Numax, e para a crítica xenealóxica, ademais de estar especialmente dedicado á obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai, e o Fondo Berta Dávila, ao que agora se engade o Fondo Rebeca Baceiredo.
Pode solicitar a consulta dos orixinais do Fondo Rebeca Baceiredo na ligazón:
Imos valorar con atención a súa solicitude para contestarlle o antes posible.