Os orixinais de Rebeca Baceiredo, no Arquivo Euseino?

Inclúen cinco cadernos de notas cun expresivo grafismo xestual

A filósofa e escritora Rebeca Baceiredo fixo efectivo o Acordo de Cesión de orixinais da súa obra literaria e filosófica. A Fundación Euseino? é a depositaria da documentación autorial entregada, que vai formar parte do Fondo desta autora no Arquivo Euseino?.

O Fondo Rebeca Baceiredo consta de orixinais en papel da obra da autora. Son os títulos seguintes: O suxeito posmoderno, varias versións iniciais de (repeat to fade), versións de (des)veos, páxinas dunha versión inicial de E meterei a miña lei no teu peito (tamén titulado “O narcisismo de Eros”), Capitalismo e fascismoLibro de horasComo non ser tranquilamente human@s e o inédito “Glosario da boa vida”.

Aos orixinais das obras, o Fondo engade unha colección composta por cinco cadernos de notas da autora de A revolución non vai ser televisada. Estes cadernos teñen características singulares pois, ademais de incluír anotacións de lecturas, apuntamentos para ensaios e proxectos, teñen importancia polo emprego do grafismo como xeito expresivo non discursivo, dándolle relevo á xestualidade gráfica, ao uso dos trazos de riscado e á caligrafía disforme. A filósofa e escritora mesmo emprega a rachadura do papel, a composición de grupos de palabras e de números como expresión de ruptura coa lóxica do discurso.

Fotos de cuberta e páxinas con diversos aspectos dos cadernos de notas. Ao seu carón, Rebeca Baceiredo con Beatriz Fraga, cofundadora de Euseino?, logo da sinatura do Acordo de Cesión e nun coloquio sobre a obra Transhumanismo, de Brais Arribas (no segundo plano da foto), nas dependencias da Fundación Euseino?

Trátase dunha cesión de orixinais manuscritos e mecanoscritos, de gran valor documental para os estudos de crítica xenealóxica da obra tanto literaria coma filosófica de Rebeca Baceiredo.

Deste xeito, o Arquivo Euseino? continúa acrecentando a súa incidencia no estudo da documentación autorial, converténdose nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a formación da identidade autorial co Fondo Numax, ademais de estar especialmente dedicado á obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai e o Fondo Berta Dávila, ao que agora se engade o Fondo Rebeca Baceiredo.

Deixar un comentario