Entre eles, “O Rei Portador” de Beatriz Fraga, a primeira obra publicada por Euseino?
Ademais de “m-Talá” de Chus Pato, “Transhumanismo” de Brais Arribas e “Diario de dúas casas” de María Villamarín
Ao comezo deste verán saíron dos prelos da Cooperativa Sacauntos as reimpresións de catro títulos do catálogo de Euseino? Poesía, filosofía e un diario xunta un libro de contos. Catro xeitos diferentes de escribir, catro achegas e autorías diversas.
Da 3ª reimpresión de m-Talá, de Chus Pato, en edición crítica realizada por Carlos Lema en 2020 para celebrar o vixésimo aniversario deste poemario que é un fito da Literatura Galega contemporánea, “Unha reedición monumental” en opinión de Antón Blanco Casás na revista Abriu, á 5ª de Diario de dúas casas, o libro de María Villamarín que engaiola as persoas cun relato directo e sincero das experiencias —no mundo rural e no urbano— dunha muller que escribe de si e para si ao tempo que rende homenaxe á lectura e ao cinema. Del dixo Helena Miguélez:
"Moito me presta este libro sobre por que seguir sendo do rural aínda ten importancia".

Trinque da sede da Fundación Euseino? coas reedicións e a versión galega da letra de Rafael Berrio.
A 2ª edición de O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga, chega doce anos despois. Trátase do primeiro libro publicado por Euseino? Editores e del escribiron críticos literarios coma Armando Requeixo na época inicial do seu blog Criticalia:
"nestas páxinas [...] importa tanto o detalle miúdo do que se conta coma as grandes heroicidades e proezas que se refiren, o que explica esa súa prosa de recender poético e evocación oralizada na que todo transcorre como se nun conto marabilloso estiveramos. Seguramente a isto último [...] contribúan tamén as coloristas e delicadas ilustracións coas que a propia autora viste estes contos, evocadoras transposicións visuais dun territorio creativo [...]".
E Xosé M. Eyré en Galicia Confidencial:
"a autora non renuncia a inserir certas doses de interpretación propia, con moita sutileza e acerto, o cal lles confire ás historias un meirande valor de actualización, de presenza na actualidade lectora. Enriquece as historias narradas […] sabe imprimirlles unha dimensión oral que as fai moi atraentes á hora de recontalas ou lelas en voz alta."
Ademais de Ramón Nicolás tamén na primeira época do seu Caderno da Crítica:
"historias [...] ás que se lle outorgan unha nova vida chea de forza e intensidade […] [coma] a do fermoso e intenso relato titulado «Berenice», centrado na raíña libia de cabelos dourados."
E Francisco Martínez Bouzas no seu blog Novenoites:
"Beizóns para Euseino? Editores, este novo selo que debuta cun pequeno pero fermoso libro de Beatriz Fraga […] A autora reescribe estas lendas perdidas nas lañas do tempo e faino para o imaxinario literario de hoxe cunha escritura renovada [...] e unha orixinal imaxinación."
Despois xurdiría a idea de publicar unha colección de filosofía. Que iniciamos con Rebeca Baceiredo e o seu A revolución non vai ser televisada, actualmente na 4ª reimpresión. Algo impensable para a Filosofía Galega. Un roteiro que agora continúa a 3ª edición de Transhumanismo, o libro co que Brais Arribas conseguiu abrir un debate en torno da tecnociencia e do que implica para a existencia da humanidade.
Manter activa durante doce anos unha liña de publicacións independente, baseada na edición coidada e rigorosa de obras singulares e na que non interveñen criterios alleos aos do campo da cultura e do pensamento, é un orgullo e unha satisfacción. É posible grazas ás persoas autoras que nos confían a súa obra, ao esforzo das persoas voluntarias e á xenerosidade das persoas benefactoras e lectoras. Beizón ás librerías colaboradoras pola difusión e apoio.
Iniciamos esta campaña de reedicións elixindo como leitmotiv estes versos dunha canción de Rafael Berrio, como homenaxe á memoria do músico e á súa obra, e para coller folgos no noso labor:
"Quen o impide,
quen o impide?
Ninguén o impide."
Coma no nome da Fundación Euseino?, na canción o signo de interrogación, a pregunta, invita a pensar e tamén a deixar de lado todo dogmatismo e todo nihilismo.