Unha obra narrativa que estremece e ilumina

Publícase “Eu son o monte”, de Sara Guerrero

O debut de Sara Guerrero, unha narradora na que a metáfora e o relato, o maxín e a realidade, se combinan para botar luz sobre as zonas opacas e pouco observadas do mundo rural. Na súa obra, o impulso creador da literatura reconcíliase coa vitalidade natural, os seres humanos iguálanse entre si e co mundo ambiente. Cómpracenos, pois, anunciar a publicación de Eu son o monte, novo título da colección Rúa do Lagarto, logo do suceso de crítica e persoas lectoras de Ninguén queda, de Brais Lamela, e Diario de dúas casas, de María Villamarín.

Sara Guerrero conta neste libro, ao tempo fami­liar e inhóspito, a chegada dunha parella a unha aldea galega. Regresan á casa semiabandonada dos devanceiros, forman parte dos que logo de xeracións volven de América. ¿Que os agarda? ¿Como afastar a desconfianza dos veciños e anoar outra vez vencellos? ¿É posible sobrevivir sen traballo nin recursos?

Cun xeito de narrar directo e xenuíno, sen esquivar verdades, a autora acada os matices delicados da proximidade mais tamén os desa aspereza que asoma por tras da literatura auténtica, a da xente iner­me, sen coiraza, aberta ao mundo.

Velaquí un libro que raña coma as silvas e tamén é doce coma as amoras, unha narración ás veces estremecedora, ás veces balsámica. O relato dunha muller que noutro país —no noso país— consegue atopar tamén o seu.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Eu son o monte

Col. Rúa do Lagarto 4
82 páxs.
PVP 12 euros


Deixar un comentario