No Día do Libro, sobre a inanidade da cultura actual

Todos os anos, ¿e cantos van?, a celebración do Día do Libro o 23 de abril fai que nos preguntemos se esta festa ten algunha transcendencia na función da cultura na sociedade, se implica algunha mellora na literatura, no pensamento e nos demais aspectos da realidade cultural que se expresan mediante a palabra escrita. Se realmente se trata dunha festa da cultura literaria ou se soamente é unha máis das datas que pautan o calendario para estimular o consumo de bens comerciais ao longo de todo o ano; unha vez atrás doutra preguntámonos se, en realidade, todas as persoas e institucións que participamos desde hai tempo no mundo do libro aproveitamos esta celebración para reflexionar sobre o seu funcionamento, sobre os seus obxectivos e sobre a súa capacidade para amosarnos as eivas ou para gratificarnos cos logros.

¿Que é a literatura hoxe e que responsabilidade ten no medio cultural no que vivimos? ¿Débeselle esixir, debémonos esixir algunha responsabilidade, algún tipo de compromiso, ou o chamado mundo do libro non ten que responder de nada ante ninguén? ¿Pode a literatura, como arte e como parte da cultura, sentirse satisfeita e, polo tanto, non ter a necesidade de dicir nada máis do xa dito?

Se cadra moitas das obras publicadas —¿cantas, a maioría, iso que implica?— nos han reafirmar nesa satisfacción. Endebén, tamén hai algunhas, igual non tantas ou moitas menos, que nos aguilloan a pensar o contrario, que nos estimulan a esixirnos máis. Entre elas, a obra de Guy Debord (París, 1931-Alto Loira, 1994) é unha das máis incitantes e das que con maior pulo nos obrigan a ollar para o mundo, a non nos conformar. Escritor, pensador, cineasta, o autor de La Société du spectacle e un dos fundadores da Internacional Situacionista, cos seus escritos logra poñernos nesa tesitura na que celebrar a letra impresa quere dicir pensar e escribir, estar no mundo e sentirse comprometido con el.

Por esa razón, partindo da obra de Debord (da que ofrecemos uns pasos), propoñemos un artigo sobre o libro como produto cultural e mercantil, sobre a literatura e a cultura actual.

Ler o artigo na ligazón:
A literatura xa non se le

Guy Debord, “Rapport sur la construction des situations et sur les conditions de l’organisation et de l’action de la tendance situationniste internationale”

“La Société du spectacle”, por Guy Debord (Escolma)

A mercadoría como espectáculo

O modo sensible atópase reemprazado por unha selección de imaxes que existe por riba del e que, ao tempo, se fai recoñecer como o sensible por excelencia. [36]

A perda da calidade, tan evidente a todos os niveis da linguaxe espectacular, dos obxectos que loa e das condutas que regra, soamente traduce as características fundamentais da produción real que afasta a realidade: a forma-mercadoría é de cabo a rabo a igualdade de seu, a categoría do cuantitativo. O que desenvolve é o cuantitativo, e ela mesma só se pode desenvolver nel. [38]

A produción das mercadorías, que implica o cambio de produtos variados entre produtores independentes, puido permanecer durante moito tempo artesanal, contida nunha función económica marxinal na que a súa verdade cuantitativa aínda estaba camuflada.

A economía na súa totalidade converteuse daquela no que a mercadoría estaba a amosar ser no decurso desa conquista: un proceso de desenvolvemento cuantitativo. Ese despregamento incesante do poder económico baixo a forma da mercadoría, que transfigurou o traballo humano en traballo-mercadoría, en asalariado […]

A independencia da mercadoría estendeuse ao conxunto da economía sobre a que reina. A economía transforma o mundo mais transfórmao soamente en mundo da economía. A pseudonatureza na que o traballo humano se alienou […] [40]

A dominación da mercadoría […] en tanto que base material da vida social, pasa desapercibida e non se entende […]

Nunha sociedade na que a mercadoría concreta é rara ou minoritaria, a dominación aparente do diñeiro é a que se presenta como a emisaria fornecida de poderes plenos que fala en nome dunha potencia descoñecida. [41]

Unidade e división na aparencia

O movemento de banalización que, baixo as diversións faiscantes do espectáculo, domina mundialmente a sociedade moderna, domínaa tamén en cada un dos puntos nos que o consumo desenvolvido das mercadorías multiplicou en aparencia os roles e os obxectos para escoller. [59]

[…] para simular tipos variados de estilos de vida e de estilos de entender a sociedade, […] encarnan o resultado inaccesible do traballo social, agarimando os subprodutos dese traballo que se transfiren maxicamente por riba del como a súa finalidade: o poder e as vacacións, a decisión e o consumo que están no comezo e na fin dun proceso indiscutible. [60]

A estrela do consumo, sendo exteriormente a representación de tipos diferentes de personalidade, amosa cada un deses tipos coma se tivese idéntico acceso á totalidade do consumo e coma se asemade atopase nel a felicidade. [61]

Deixar un comentario