Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”, by William Butler Yeats
Hope that you may understand. What can books, of men that wive In a dragon-guarded land; Paintings of the dolphin drawn; Sea nymphs, in their pearly waggons, Do but wake the hope to live That had gone With the dragons.
“Os realistas”, de William Butler Yeats Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero. Onde se non nos libros, de homes que cren En terras de dragóns gardadas por cancerbero; Golfiños pintados con esmero; Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son, Onde se non a espranza de vivir espertar ten Porque acabou ao carón Dos dragóns.
Continuamos esta serie de artigos, ou notas curiosas sobre pormenores do mundo que ás veces pasan desapercibidos, ou xacen abandonados sen que a nosa atención repare neles. A xeito de gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas do mundo.
Nesta quinta e derradeira entrega publicamos un artigo deAnxo Menano que se pescuda sobre a posible relación entre a temperatura da auga mariña e a felicidade. Con todo, a temperatura do océano superficial ten unha importancia capital para o clima do planeta Terra e pódese calcular a través dun organismo por poucos coñecido e dunha beleza característica, os cocolitofóridos.
“A temperatura do mar e a felicidade”, por Anxo Mena
Son moitas as referencias que se atopan nas bibliotecas —as que están en liña incluídas— nas que se relaciona a temperatura coa felicidade. Tamén se pode saír a coller unha mostra en forma de sondaxe, como un traballo de campo no que se pregunte de forma aleatoria se a xente percibe que a temperatura ambiental inflúe no seu estado de ánimo. Nesta enquisa, ademais, postos a contrastar, poderiamos engadir algunha cuestión máis coa que comparar a diferenza entre a temperatura ambiental e a temperatura da auga de baño en agosto nunha praia para ver se este parámetro tamén pode ter relación coa felicidade. Mais, desde un punto de vista científico, a felicidade non deixa de ser un concepto difícil de estudar se imos máis alá da cuantificación, identificación ou valoración das diferentes moléculas relacionadas con ese estado de plenitude e satisfacción. Cómpre deixar claro que en ningún momento se pretende afirmar que unha maior temperatura implique maior felicidade. Para desbotar iso de xeito radical, abonda con pensar en bañarse nas Cies no verán, polo que aquí só se relaciona un parámetro cun concepto, sendo cadaquén autónomo para extraer unha relación negativa ou positiva seguindo as súas reaccións a un estímulo. Non se debe esquecer que a relación non implica causalidade.
“Lendo á beira do mar”, por Vittorio Matteo Corcos, 1910
De igual xeito que, de forma xeral, o verán nas Rías Baixas se relaciona cunha temperatura fría para a maioría de estándares da auga superficial mariña, debido ao afloramento costeiro de augas profundas e nutritivas que ascenden seguindo a forza do vento do norte. Augas fondas que aumentan a produtividade primaria transmitíndose a toda a cadea trófica a través do fitoplancto.
Tamén é certo que a calor, unha maior temperatura ambiental, se relaciona con agosto, co verán. Así, se unha temperatura morna, cálida e agradable chega a nos producir felicidade, ou se o baño mariño crioxénico actúa en nós como un bálsamo ao acaloramento e alivia o sufrimento, xerariamos máis desas moléculas antes comentadas e relacionadas coa felicidade, do mesmo xeito que ocorre en Un felizmundonovo (Brave New World), de Aldous Huxley, coa substancia denominada soma. Aínda que poida ser acaída, esta referencia non está escollida ao chou porque, de xeito curioso, podemos establecer unha relación entre o concepto de felicidade, entendido este como a segregación de determinadas moléculas coma a serotonina, endorfinas e a oxitocina, e a temperatura, máis concretamente con esa temperatura superficial do océano, do mar, no que nos bañamos, tanto agora, no presente, coma no pasado, entendendo ese pasado nunha escala temporal que abrangue a nosa existencia como especie.
A temperatura do océano superficial ten unha importancia capital para o clima do planeta Terra e pódese calcular a través dun organismo por poucos coñecido e dunha beleza característica, os cocolitofóridos.
Os cocolitofóridos son microorganismos mariños que forman parte do que coñecemos como plancto. Máis concretamente, son algas protistas (polo tanto, integrantes do fitoplancto) e, sen ningunha dúbida, unha das máis estéticas formas de vida que nos rodea e que non podemos observar a simple vista debido ao seu pequeno tamaño, xa que son microscópicas. Estes organismos producen unhas moléculas chamadas alquenonas, compostos orgánicos lipídicos que varían a súa estrutura molecular segundo a temperatura da auga mariña na que crezan e, dado que crecen na auga superficial, iso pode relacionar as alquenonas coa temperatura do océano superficial. Estas alquenonas, ademais, poden preservarse no sedimento e, polo tanto, poden rexistrar a modificación deste parámetro ao longo do tempo.
Unha das especies máis abundantes e máis estudadas dentro dos cocolitofóridos non é outra que a Emiliania huxleyi, á que bautizaron así na honra de Thomas Henry Huxley, avó de Aldous Huxley, biólogo e defensor da teoría da evolución formulada por Charles Darwin, polo que volvemos de novo ao apelido Huxley. Ademais, esta especie é moi abundante nas costas galegas e produce grandes proliferacións unha vez que remata o afloramento e comezan a rarear os nutrientes, cousa que pode ocorrer precisamente a fins de agosto, cando cesa o vento do norte, deixa de chegar a auga profunda á superficie do océano e, polo tanto, á zona hábil para o baño. De aí que a auga volva aumentar lixeiramente a súa temperatura cando remata o verán.
Desa forma, dásenos a oportunidade de saber, a través do estudo da paleotemperatura do océano superficial —obtida mediante a análise das alquenonas que decantan e quedan rexistradas no sedimento—, se se pode inferir ou determinar o grao de felicidade dos devanceiros.
Gephyrocapsa oceanica, un tipo de cocolitóforo. Foto de NEON ja, coloreada by Richard Bartz. Cortesía de Wikipedia.
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”, by William Butler Yeats
Hope that you may understand. What can books, of men that wive In a dragon-guarded land; Paintings of the dolphin drawn; Sea nymphs, in their pearly waggons, Do but wake the hope to live That had gone With the dragons.
“Os realistas”, de William Butler Yeats Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero. Onde se non nos libros, de homes que cren En terras de dragóns gardadas por cancerbero; Golfiños pintados con esmero; Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son, Onde se non a espranza de vivir espertar ten Porque acabou ao carón Dos dragóns.
Publicamos o cuarto desta serie de artigos, ou notas curiosas sobre cousas do mundo que ás veces pasan desapercibidas, ou xacen abandonadas sen que a nosa atención repare nelas. Coma un gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas que forman parte do mundo sen necesidade de que ninguén as vexa.
A ciencia da complexidade enfróntase ao desafío de comprender como a materia inanimada se organizou en vida, unha cuestión multifacética que abrangue bioloxía, química, xeoloxía e astronomía. Hadrián Loureiroelabora un prontuario para nos achegar ao que foi o “Último Antepasado Común Universal”, LUCApolas súas siglas en inglés (Last Universal Common Ancestor). LUCA é o inicio da vida, o punto de diverxencia fundamental entre as bacterias e as arqueas, e a súa caracterización é crucial para entender a aparición temperá da vida.
Ata o presente, podemos dar conta de tres ordes de existencia: a materia, redutible ao que se pode enunciar nas teorías físico-matemáticas; a vida, entendida máis concretamente como conxunto de colectores, é dicir, de afeccións, de sensacións, de percepcións cualitativas, e que non se poden reducir a procesos materiais; o pensamento, entendido como capacidade para acceder a “contidos intelixibles” que, como tal, non é redutible a ningún colector. Estas tres ordes determinan a existencia de tres mundos: materia, vida e pensamento, que actualmente coexisten mais que todo indica que se sucederon no tempo.
“Último Antepasado Común Universal (LUCA)”, por Hadrián Loureiro
A filosofía de Quentin Meillassoux e as últimas descubertas científicas sobre a orixe da vida converxen nunha visión que desafía o antropocentrismo. O materialismo especulativo de Meillassoux proporciona un marco para pensar a realidade en si mesma, unha realidade ancestral independente da subxectividade a través da idea de “Hipercaos”. As “declaracións ancestrais” da ciencia, coma a idade da Terra e a existencia de LUCA, son incomprensibles para a corrente filosófica do correlacionismo, dominante hoxe en día, mais cobran sentido nun universo gobernado pola continxencia radical suxerida polo Hipercaos.
A ciencia, pola súa banda, está a trazar un retrato cada vez máis pormenorizado de LUCA como un organismo complexo, anaerobio, termófilo, quimioautótrofo que utilizaba a ruta de Wood-Ljungdahl (a ruta redutiva do acetil coencima A), vivía nun ambiente de ventos hidrotermais hai aproximadamente 4,2 mil millóns de anos, e formaba parte dun ecosistema microbiano. Esta imaxe da vida primitiva na Terra, baseada en enerxía química e independente da luz solar, ten profundas implicacións astrobiolóxicas, suxerindo que ambientes similares noutros corpos celestes poderían acubillar vida.
1. ¿Que é o correlacionismo e por que Quentin Meillassoux busca refutalo?
O correlacionismo é unha postura filosófica contemporánea que sostén que non pode haber obxectos, feitos, leis ou seres que non estean sempre xa correlacionados cun punto de vista, un acceso subxectivo, unha cultura ou unha linguaxe. En esencia, afirma que non podemos coñecer a realidade en si mesma, só a realidade tal e como se nos presenta a través da nosa experiencia. Meillassoux identifica dúas versións principais: a transcendental (que postula formas universais de coñecemento subxectivo) e a posmoderna (que nega tal universalidade). Ambas, con todo, rexeitan a posibilidade dun “coñecemento absoluto” da “cousa en si mesma”.
Meillassoux busca refutar o correlacionismo porque cre que se enfronta a unha aporía fundamental co “problema do arqueofósil” ou “ancestralidade”. O arqueofósil refírese a materiais que dan probas de fenómenos anteriores incluso á emerxencia da vida, como a idade do universo ou da Terra determinada pola ciencia (por exemplo, 14 mil millóns de anos para o universo, 4,5 mil millóns para a Terra). Se o tempo e o espazo son correlatos do suxeito, o correlacionismo non pode dar sentido á idea dun tempo que precede a subxectividade, no que a propia subxectividade xurdiu. A ciencia afirma que algo existiu antes da subxectividade e máis nada, o que implica un significado realista. Para o correlacionista, iso sería unha pura “representación subxectiva dun pasado” ou unha “ilusión producida por unha retroproxección”, o que Meillassoux considera unha “catástrofe” que destrúe o significado das afirmacións científicas.
A refutación de Meillassoux non é inxenuamente realista senón “especulativa” e busca demostrar que o pensamento pode acceder á realidade tal e como é en si mesma baixo condicións especiais, rachando o círculo correlacionista.
2. ¿Como caracteriza Meillassoux o “tempo” e que implicacións ten isto para a distinción entre ser e devir?
O “Hipercaos” non é o caos ordinario que se entende como desorde e aleatoriedade. A continxencia do Hipercaos é tan radical que mesmo o devir, a desorde ou a aleatoriedade poden ser destruídos por el e substituídos por orde, determinismo e estabilidade. As cousas son tan continxentes no Hipercaos que o tempo é capaz de destruír mesmo o devir das cousas.
Isto difire significativamente das “metafísicas do devir” (coma as de Heráclito, Nietzsche ou Deleuze), que postulan un devir necesario e eterno ou leis inmutables de transformación. Para Meillassoux, o devir é só un feito (do mesmo xeito que a estabilidade) e ambos os dous deben ter a posibilidade eterna de aparecer e desaparecer sen razón. As leis físicas non son necesarias; son feitos continxentes que poden cambiar sen razón. O tempo non está gobernado por leis físicas senón que as leis mesmas están gobernadas por un “tempo tolo”.
O Hipercaos é un caos racional que é máis caótico que calquera caos antirracionalista. Cando se produce un feito conforme as leis físicas dun mundo determinado, pódese dicir que ese feito era unha potencialidade dese mundo. Mais o Hipercaos pode producir tamén feitos que non son conformes ás potencialidades dun mundo; virtualidades que xorden malia non proceder das potencialidades físicas dun mundo existente.
3. ¿Cal é a idade estimada de LUCA (Último Antepasado Común Universal) segundo as últimas investigacións e que implica esa data para a orixe da vida?
As últimas investigacións (Moody et al., 2024) estiman que LUCA viviu hai aproximadamente 4.200 millóns de anos (Ga), cun intervalo de confianza do 95% que abrangue de 4.090 a 4.330 millóns de anos. Esta estimación baséase na análise de tempo de diverxencia de duplicados xenéticos pre-LUCA, calibrada mediante fósiles microbianos e rexistros de isótopos cunha nova implementación de cross-bracing.
Esta data é significativamente temperá na historia da Terra. O impacto que formou a Lúa (e que había esterilizar a superficie da Terra) data de aproximadamente 4.510 millóns de anos. Isto implica que o proceso desde a formación da Terra e a Lúa ata a emerxencia e evolución de LUCA requiriu un intervalo de tempo xeolóxico sorprendentemente curto, de aproximadamente 200 a 400 millóns de anos. A datación máis temperá suxire que a vida xurdiu e se complexificou rapidamente despois de que a Terra se arrefriase o suficiente para albergar auga líquida. Esta nova visión tamén desbota a hipótese do Late Heavy Bombardment (LHB) como unha limitación máxima na idade de LUCA, xa que a interpretación da súa intensidade e duración foi cuestionada.
4. ¿Como era a fisioloxía e o hábitat de LUCA segundo as reconstrucións xenómicas actuais?
As reconstrucións xenómicas máis recentes, como as de Weiss et al. (2016) e Moody et al. (2024), describen a LUCA como un organismo procariota relativamente complexo e non un “proxenote” simple. As súas características chave inclúen:
Metabolismo: era un autótrofo anaerobio que utilizaba a vía de Wood-Ljungdahl (WLP) para a fixación de CO2 (acetoxénese). Isto suxire que podería crecer quimioautotroficamente a partir de H2 e CO2, ou heterotroficamente a partir de doadores de electróns como alcohois e ácidos. Tiña a capacidade de fixar nitróxeno (diazótrofo) e posuía unha ATP sintase para xerar enerxía, probablemente aproveitando gradientes iónicos xeoquímicos. Os seus encimas eran ricos en grupos FeS e FeNiS e utilizaban mecanismos de reacción radical. Tamén tiña vías para a biosíntese de moitos cofactores esenciais.
Termofilia: A presenza da xirase inversa, un encima específico dos hipertermófilos, indica un estilo de vida termófilo para LUCA.
Estrutura celular: posuía o aparello celular central da vida procariota moderna, incluíndo os constituíntes básicos dunha membrana fosfolipídica e posiblemente unha primitiva parede celular. Tamén tiña un sistema inmune temperán baseado en CRISPR-Cas.
Xenoma: estimase que o seu xenoma tiña polo menos 2.5 Mb (2.49-2.99 Mb) e codificaba arredor de 2.600 proteínas, comparable aos procariotas modernos.
Interaccións xenéticas: o seu código xenético requiría modificacións de nucleósidos e metilacións dependentes de S-adenosil metionina (SAM), destacando a importancia dos grupos metilo.
En canto ao seu hábitat, os datos apuntan a un ambiente hidrotermal xeoquimicamente activo, rico en H2, CO2 e ferro. Isto podería ser tanto en profundas fontes hidrotermais (onde o serpentinizamento proporciona H2) como en fontes hidrotermais superficiais ou termas quentes. O seu metabolismo acetoxénico proporcionaría un nicho para outros membros dun ecosistema microbiano temperán, incluíndo metanóxenos que reciclaban CO2 e H2.
a, Unha representación de LUCA baseada na reconstrución ancestral do contido xénico. b, LUCA no contexto da árbore da vida. As pólas da árbore da vida que deixaron descendentes hoxe en día están en negro, mentres que as que non deixaron descendentes están en gris. Como antepasado común da vida celular actual, LUCA é o nodo máis antigo que se pode reconstruír empregando métodos filoxenéticos. Compartiría a Terra primitiva con outras liñaxes (destacadas en verde azulado) que non deixaron descendentes entre a vida celular hoxe en día. Non obstante, estas liñaxes puideron deixar un rastro en organismos modernos transferindo xenes á árbore da vida mostrada (liñas vermellas) antes da súa extinción. c, O metabolismo quimioautotrófico de LUCA probablemente dependía do intercambio de gases co ambiente inmediato para acadar a fixación de carbono orgánico (Corg) a través da acetoxénese e tamén puido executar o metabolismo en sentido inverso. d, LUCA dentro do contexto dun ecosistema primitivo. O CO2 e o H2 que alimentaban o metabolismo plausiblemente acetoxénico de LUCA puideron provir de achegas tanto xeoquímicas coma bióticas. A materia orgánica e o acetato que producía LUCA puideron crear un nicho para outros metabolismos, incluídos aqueles que reciclaban CO2 e H2 (como nos sedimentos modernos). e, LUCA nun contexto de sistema terrestre. O LUCA acetoxénico puido ser unha parte chave dos ecosistemas (quimio)autotróficos tanto superficiais como profundos, impulsado polo H2. Se os metanóxenos tamén estivesen presentes, o hidróxeno liberado como CH4 á atmosfera converteríase en H2 pola fotoquímica e, polo tanto, reciclaríase de volta ao ecosistema superficial, impulsando a súa produtividade. Ferm., fermentación. [URL: https://pmc.ncbi.nlm.nih.gov/articles/PMC11383801/figure/Fig3/]
5. ¿Como se relaciona a investigación de LUCA coa astrobioloxía e a posibilidade de vida noutros mundos?
A comprensión da orixe da vida e a identidade de LUCA é fundamental non só para explicar a vida na Terra senón tamén para determinar a posibilidade de vida noutros mundos. As características do hábitat de LUCA (fontes hidrotermais, rochas, auga e calor xeoquímica) son notablemente comúns no noso sistema solar. Moitas lúas exteriores, coma Europa de Xúpiter e Encelado de Saturno, teñen océanos subterráneos, fondos rochosos e calor xeotérmico producido polas interaccións de marea gravitatoria coas súas planetas nai.
O feito de que LUCA non necesitase luz solar (dependía de enerxía química) é crucial para a astrobioloxía. Isto suxire que a vida podería existir facilmente en ambientes similares en lugares distantes do sistema solar onde o sol non penetra a través de cubertas de xeo. Se atopamos vida noutros lugares, é probable que sexa, polo menos quimicamente, moi parecida á vida moderna. As descubertas sobre como vivía LUCA proporcionan pistas sobre os “signos de vida” que buscar en futuras misións a estas lúas xeadas, centrándose na enerxía química que impulsou a orixe da vida.
6. ¿Cales son os enfoques actuais para estudar a orixe da vida na Terra e que problemas persisten?
O estudo da orixe da vida divídese en dous enfoques principais:
Enfoque “top-down” (de arriba cara abaixo): comeza coas características comúns dos organismos contemporáneos (por exemplo, a súa natureza celular, o uso de ADN, ARN e proteínas, e o código xenético universal) e busca vestixios da bioquímica dos primeiros organismos na vida actual. Este enfoque asume unha traxectoria sinxela entre a química abiótica e a bioquímica complexa actual, e apóiase na reconstrución de filoxenias moleculares.
Enfoque “bottom-up” (de abaixo cara arriba): considera os procesos que ocorreron en ambientes primitivos e que contribuíron á complexificación da química, levando a sistemas con suficiente complexidade para a evolución. Busca descubrir sistemas químicos autorreplicantes que poidan non ser similares á bioloxía moderna mais capaces de evolución aberta. Este enfoque depende moito do coñecemento dos ambientes primitivos da Terra e do Sistema Solar e dos procesos químicos e físicos que se deron neles.
A pesar de décadas de investigación, o consenso científico sobre a orixe da vida aínda non se alcanzou. Persisten cuestións importantes sen resolver:
Problema histórico: a orixe da vida é un problema histórico e, estritamente falando, non reproducible experimentalmente no seu proceso exacto.
Sistemas dinámicos: os sistemas biolóxicos, terrestres e solares son dinámicos, o que fai difícil retrotraer as súas operacións a estados anteriores.
Plausibilidade prebiótica: a “plausibilidade” das condicións prebióticas (composición da atmosfera temperá, fontes de enerxía, mecanismos de concentración de compostos orgánicos) é un punto de moito debate e incerteza debido á escaseza de evidencias xeolóxicas do período Hadeano/Arqueano.
Paradoxo do ovo ou a galiña: a necesidade de proteínas para o ADN e de ADN para as proteínas (o Dogma Central) suxire que unha “RNA World” (mundo de ARN) puido ser unha etapa intermedia, pero a síntese prebiótica de ARN e os seus compoñentes aínda presenta dificultades.
Complexidade da sopa prebiótica: aínda que se demostrou a síntese abiótica de moitos compostos orgánicos importantes para a vida (aminoácidos, bases nucleicas, azucres) baixo condicións simuladas, a “sopa prebiótica” sería unha mestura complexa cunha enorme diversidade molecular e non se sabe cales eran esenciais nin como se organizaron en sistemas autorreplicantes.
En resumo, a ciencia fixo grandes avances na identificación de posibles fontes e rutas de síntese de compoñentes orgánicos, pero o mecanismo exacto da autoorganización e emerxencia da vida segue sendo unha das grandes preguntas sen resposta.
A teoría de LUCA (Last Universal Common Ancestor) é fundamental para a nosa comprensión da orixe da vida na Terra, e a Intelixencia Artificial (IA) pode ter un papel significativo na súa investigación, mentres que os principios inherentes á teoría de LUCA tamén poden ofrecer inspiración para o desenvolvemento de modelos de IA.
Papel da Intelixencia Artificial en relación coa teoría de LUCA
A IA, e máis amplamente os métodos computacionais avanzados, xa están implícita ou explicitamente involucrados na investigación de LUCA:
Reconstrución de características de LUCA: os científicos utilizan análises filoxenéticas e modelos de rexuvenecemento xénico para inferir as características de LUCA a partir dos xenomas dos organismos modernos. Estes métodos implican o procesamento de enormes cantidades de datos xenéticos (por exemplo, 6.1 millóns de xenes que codifican proteínas foron analizados nun estudo). A IA, especialmente a aprendizaxe automática, é crucial para identificar patróns complexos nestes conxuntos de datos, modelar a evolución dos xenes (duplicacións, transferencias, perdas) e inferir a probabilidade de que certas familias de xenes estivesen presentes en LUCA. Un estudo de 2024, por exemplo, utilizou un algoritmo de rexuvenecemento de xenes e árbores de especies para inferir a evolución das familias de xenes e estimou que o xenoma de LUCA tiña uns 2.75 Mb codificando ao redor de 2,657 proteínas.
Estimación da idade de LUCA: os modelos de reloxo molecular son ferramentas computacionais que integran rexistros xenómicos e fósiles para estimar o tempo da diverxencia evolutiva. A IA podería mellorar a precisión destes modelos, permitindo a integración de datos máis diversos e a xestión máis robusta das incertezas, como as limitacións do rexistro fósil ou a complexidade das transferencias horizontais de xenes.
Modelado de ecosistemas temperáns: os estudos indican que LUCA non existiu illado senón como parte dun ecosistema. A IA pode axudar a modelar as complexas interaccións metabólicas de LUCA (por exemplo, o seu metabolismo acetoxénico dependente de H2 e CO2) con outros membros da comunidade microbiana, os ciclos de nutrientes e o impacto no sistema terrestre temperán.
Exploración da química prebiótica: a “xeración de estruturas moleculares in silico” é unha aplicación directa de métodos computacionais na química prebiótica. A IA podería acelerar enormemente a exploración do “enorme espazo químico orgánico” para descubrir novas e plausibles vías de síntese prebiótica que fosen “robustas” e que puideron dar orixe aos compoñentes da vida.
Xestión de “sistemas dinámicos”: As fontes sinalan a dificultade de prever ou extrapolar cara atrás como operaron os sistemas dinámicos (como a evolución da Terra). A IA, coa súa capacidade para modelar e simular sistemas complexos, podería proporcionar novas ferramentas para comprender estes sistemas que son críticos para o contexto de LUCA.
¿Como pode axudar a teoría de LUCA no desenvolvemento dos modelos da IA?
A propia natureza de LUCA e as teorías que o rodean poden inspirar novas direccións no desenvolvemento da Intelixencia Artificial:
Sistemas auto-organizativos e evolutivos: LUCA foi un “sistema químico autosostible capaz de evolución darwiniana”. Comprender como un sistema tan complexo xurdiu da materia non viva pode proporcionar novos paradigmas para deseñar sistemas de IA adaptativos, autoorganizativos e evolutivos. Isto é especialmente relevante para a “vida artificial” e os axentes autónomos que necesitan operar en contornas cambiantes.
Robustez e adaptabilidade: as características de LUCA (anaerobio, termófilo, rutas metabólicas específicas) describen un sistema altamente adaptado a un ambiente temperán da Terra hostil. O concepto de compostos orgánicos “prebioticamente robustos” suxire unha resistencia nos procesos químicos que levaron á vida. Este principio pode inspirar modelos de IA intrinsecamente robustos e resistentes fronte a cambios imprevistos ou limitacións de recursos, crucial para a IA que opera en contornas dinámicas e incertas.
Eficiencia en sistemas complexos: o metabolismo de LUCA, aínda que de baixo rendemento enerxético para a acetoxénese, utilizou a vía de Wood-Ljungdahl de forma eficiente tanto para a produción de enerxía como para a biosíntese. Esta “eficiencia na complexidade” podería guiar as arquitecturas de IA para que sexan altamente eficientes na utilización de recursos e nos procesos internos, especialmente no desenvolvemento de IA distribuída ou para dispositivos con recursos limitados.
Algoritmos evolutivos e optimización: o proceso que levou a LUCA e a súa posterior evolución é un exemplo masivo de optimización. Mecanismos como a transferencia horizontal de xenes e a duplicación de xenes son motores da innovación biolóxica. Estes principios biolóxicos poderían informar o deseño de algoritmos evolutivos e técnicas de optimización máis sofisticadas para a IA.
Superación do “correlacionismo” na interpretación de datos: a obra de Quentin Meillassoux, mencionada máis arriba, busca refutar o “correlacionismo” e acceder á realidade “tal como é en si mesma”, independentemente do acceso subxectivo. O autor de Tempo sen devir argumenta que a ciencia debe ter un significado realista, non só un acordo intersubxectivo. Se os modelos de IA puidesen desenvolverse para interpretar datos e “pensar” sobre a realidade independentemente dos prexuízos subxectivos ou “correlacións” humanas, isto podería levar a interpretacións de datos máis obxectivas e “realistas” por parte da IA, transcendendo os modelos que son puramente “correlatos do pensamento”. Esta é unha conexión máis filosófica mais que podería ter implicacións profundas para a IA científica.
Bibliografía
Astrobiology News. “Looking for LUCA, the Last Universal Common Ancestor”. Astrobiology, 30 de marzo de 2017.. Dispoñible en: https://astrobiology.nasa.gov (URL asumida da plataforma, non especificada).
Cleaves, H. James.The Origins of Life: A Review of Scientific Inquiry. Earth-Life Science Institute, Tokyo Institute of Technology / John Templeton Foundation, abril de 2020.
Lane, Nick (2016) [2015]. The Vital Question. London: Profile Books.
Meillassoux, Quentin.Tempo sen devir. Seguido de “Continxencia e liberdade: unha comparación entre materialismo especulativo e ciencia experimental“, por Anna Longo, Traducidos do inglés e do italiano por Carlos Lema, Vigo: Euseino? Editores, 2014. ISBN: 978-84-617-2954-8. URL:https://euseino.org/casabranca/tempo-sen-devir/.
Moody, Edmund R. R., et al. “The nature of the last universal common ancestor and its impact on the early Earth system”. Nature Ecology & Evolution, publicado en liña o 12 de xullo de 2024.. DOI:https://doi.org/10.1038/s41559-024-02461-1.
Weiss, Madeline C., et al. “The physiology and habitat of the last universal common ancestor”. Nature Microbiology, publicado o 25 de xullo de 2016. DOI:10.1038/nmicrobiol.2016.116.
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”, by William Butler Yeats
Hope that you may understand. What can books, of men that wive In a dragon-guarded land; Paintings of the dolphin drawn; Sea nymphs, in their pearly waggons, Do but wake the hope to live That had gone With the dragons.
“Os realistas”, de William Butler Yeats Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero. Onde se non nos libros, de homes que cren En terras de dragóns gardadas por cancerbero; Golfiños pintados con esmero; Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son, Onde se non a espranza de vivir espertar ten Porque acabou ao carón Dos dragóns.
Publicamos o terceiro desta serie de artigos, ou notas curiosas sobre cousas do mundo que ás veces pasan desapercibidas, ou xacen abandonadas sen que a nosa atención repare nelas. Coma un gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas que forman parte do mundo sen necesidade de que ninguén as vexa.
Desta volta trátase dunha pasaxe do libro L’Inde (sans les Anglais) (“A India (sen os ingleses)”), dePierreLoti. Trátase da primeira parte do capítulo segundo, titulado “À Ceylan” (“En Ceilán”). Viu a luz en 1903 na casa editorial Calmann-Lévy de París.
Como indicaEdward W. Saidno seu libro Culture and Imperialism:
"un relato baseado nunha viaxe pola India na que os ingleses gobernantes non son mencionados nin unha soa vez, de forma deliberada, mesmo con malicia, coma se se quixese suxerir que só se debía ver os nativos, cando, abofé, a India era unha posesión exclusivamente británica (e, por certo, non francesa).
Atrévome a suxerir que, cando a cultura europea finalmente comezou a ter en conta as 'ilusións e as descubertas' imperiais [...], non o fixo opoñéndose a elas senón de forma irónica e cun intento desesperado de nova inclusión."
Talmente o mesmiño que agora intenta facer o neocolonialismo invasivo castelán co idioma e a cultura galegos.
“A cidade sepulta”, por Pierre Loti
[A “cidade sepulta” é a tradución literal do nome que se lle dá na India á cidade de Anuradhapura, que foi destruída a comezos da nosa era pola grande invasión de Malabar. (N. do E.)]
E velaquí a India, a fraga, a xungla.
E para min amence sobre un mundo de pólas e herbas, sobre un océano de eterna vexetación, sobre un infinito de misterio e silencio, despregado aos meus pés ata as liñas extremas do horizonte.
Dende o alto dun outeiro, que xorde como un illote na chaira, vexo iluminarse a queda inmensidade verde. É a India baixo os seus veos de nubes, é a India, a fraga, a xungla; é, no centro da grande illa de Ceilán, o lugar profundo da paz, que protexe aínda por todas as partes o inextricable entrelazamento das árbores; é o lugar onde, dende hai dous mil anos, a marabillosa cidade de Anuradhapura se extinguiu baixo a noite das follas. A través da espesura dun ceo plúmbeo, onde se incuban treboadas e choivas, amence lentamente o día —mentres é medianoite alá, no meu país, Francia. Unha vez máis, a vella Terra vai presentar á luz do seu sol esta rexión das grandes ruínas, que acaban de pulverizarse e de aniquilarse na vexetación soberana.
¿Onde está, pois, a marabillosa cidade?… Paséase a mirada por todas as partes, como, dende o alto do mastro dun navío, se miraría o círculo monótono do mar, e nada humano parece albiscarse en ningures. Tan só árbores, árbores e árbores cuxas copas se suceden, magníficas e semellantes; unha vaga de árbores que se vai perdendo en lonxanías sen límites. Alá, lagos onde os crocodilos son os amos e onde veñen beber, ao solpor, os rabaños de elefantes salvaxes. É a fraga, é a xungla —de onde comeza a subir cara a min a chamada matinal dos paxaros. Mais, ¿onde se atopa xa a marabillosa cidade, onde o seu rastro?…
Así e todo, uns outeiros ben estraños, vizosos, verdes coma a fraga mais de contornos cada vez máis regulares, en forma de pirámides ou de cúpulas, érguense aquí e acolá, illados, por riba da uniforme extensión da follaxe… E esas son as torres dos vellos templos, as dagabas xigantes, construídas dous séculos antes da era de Cristo; a fraga non puido destruílas mais envolveunas co seu verde sudario, traendo pouco a pouco, sobre elas, a súa terra, as súas raíces, as súas matogueiras, as súas lianas e os seus monos. Soberbiamente aínda sinalan o lugar onde os homes adoraban, nas primeiras idades da fe búdica —e a cidade santa está ben aquí, onde dorme por todas as partes debaixo de min, agochada so a bóveda das ramaxes.
E mesmo o outeiro desde o que miro tamén era unha dagaba sagrada que milleiros de crentes axudaran a construír para a gloria do seu profeta, irmán e precursor de Xesús. A base está gardada por series de elefantes tallados no granito, por deuses cuxa forma se perde baixo o desgaste dos séculos —e cada día aquí, outrora, xurdía o estrondo das músicas relixiosas, o delirio das adoracións e das preces.
"Innumerables son os templos e os pazos de Anuradhapura; as súas cúpulas e os seus pavillóns de ouro resplandecen ao sol. Nas rúas, unha multitude de soldados, armados con arcos e frechas. Elefantes, cabalos, carros, miles de homes van e veñen continuamente. Hai malabaristas, danzantes, músicos de diversos países cuxos timbais e instrumentos teñen ornamentos de ouro."
Agora, todo é silencio; todo é sombra, a noite é verde. Os homes marcharon e a fraga pechouse. E sobre estas ruínas axiña desaparecidas, a mañá érguese, tan tranquila como outrora se erguía sobre a fraga primitiva, nos tempos máis recuados do mundo.
Retrato do Señor X [Pierre Loti], por Henri Rousseau, 1906
Antes de desembarcar na terra grande, tiña que recibir, na illa de Ceilán, unha resposta de certo gracioso Maharaghah de quen ía ser o hóspede e, para eses poucos días de espera forzada, quixen refuxiarme aquí, por noxo das odiosas cidades cosmopolitas da costa.
O camiño que fixen onte para vir xa foi unha longa preparación, o que me predispón favorablemente aos encantamentos deste lugar.
Antes de abrir o día, tivemos que partir de Kandy, a cidade dos antigos reis cingaleses, e viaxar primeiro a través de rexións de grandes palmas, onde se despregaba toda a magnificencia ecuatorial. Despois, pola tarde, a natureza cambiou; as amplas plumas dos cocoteiros e das arequeiras pouco a pouco desapareceron: entraramos nunha zona sen dúbida menos calorosa, onde as fragas imitaban máis as dos nosos climas. Baixo unha choiva cálida e perfumada, incesante, por camiños de chan húmido, nunha pequena carruaxe que mudaba máis ou menos cada cinco leguas, ïamos ao xeito dos nosos cabalos, ao triplo galope, ou ben a un paso teimudo, couces incluídas. Máis dunha vez, tivemos que saltar precipitadamente a terra porque unha besta aínda salvaxe, que non estaba afeita, turraba por deter a marcha. Había dous indios encargados dos cabalos de posta, renovados sen cesar, un que levaba as rédeas, outro sempre listo para saltar á cabeza dos cabalos nos momentos máis perigosos. Un terceiro tocaba a corneta para apartar ao noso paso os carros lentos tirados por cebús, ou cando atravesabamos aldeas ensumidas entre os cocoteiros. —Prometéronnos que habiamos chegar ás oito mais as chuvieiras en enxurrada aumentaban continuamente o atraso que levabamos.
Contra a noite, as aldeas fixéronse máis escasas e a fraga máis densa. Acababamos de ver as rozas feitas polos traballadores —¡Ai, que cativas eran e que perdidas estaban no medio da omnipotencia das árbores! — nin o noso soprador de corneta tiña xa necesidade de esforzarse para escorrentar a ninguén.
As palmeiras desapareceran definitivamente. A partir do solpor, podíase dicir que estabamos no eterno verán dalgunha rexión solitaria das nosas paisaxes de Europa, con fragas máis magníficas a de aquí, é verdade, e de máis prodixiosos entrelazamentos de lianas; un cacto arborescente, de cando en vez, viña tamén evocar o exotismo deste sitio, ou ben unha grande flor de lis vermella de pétalos despeiteados; ou tamén unha bolboreta extraordinaria ao atravesar o camiño perseguida por un paxaro de cores descoñecidas e rechamantes. Mais a ilusión volvía apreixarte, a ilusión dos nosos eidos e das nosas fragas.
Polo tanto, logo de se deitar o sol, máis aldeas, máis pegadas humanas; o silencio dominábao todo, nas profundidades verdes onde o camiño tiña a súa interminable gabia, e por onde iamos de présa agora, sempre de présa, baixo a morna caricia da choiva.
Coa escuridade invasora, unha música de insectos erguíase pouco a pouco da terra toda, cambiando a forma do silencio. Élitros por miríades vibraban en crescendo desde o chan da fraga enchoupada —esa era a música de cada noite desde as orixes do mundo…
Cando se fixo completamente de noite, baixo un ceo todo cuberto, a nosa carreira ao trote lixeiro, mantida durante horas e horas, volveuse moi solemne, entre dúas ringleiras desas grandes árbores, provistas ata o seu pé dunha cabeleira de lianas que se sucedían coma as sebes cada vez máis altas e máis fantásticas dun parque sen fin.
Podía suceder que unhas bestas escuras, vagamente percibidas nas tebras, nos impedían o paso: búfalos inofensivos e estúpidos que había que apartar a berros e a golpes de látego. Despois volvía o baleiro monótono do camiño —con aquel silencio rumoroso da alegría dos insectos.
E un pensaba en todo o que a fraga incubaba de vida nocturna, baixo a súa calma inmensa: tantas feras, grandes e pequenas, á espreita ou cazando; tantos oídos atentos; tantas meniñas dilatadas, a espiar os máis pequenos movementos da sombra…
A roza entre as árbores misteriosas prolongábase sempre diante de nós, tan dereita, palidamente gris no medio daquelas dúas altas paredes negras; sabíase ademais que por diante, por detrás, por todas as partes, durante leguas e leguas, a impenetrable e inquietante maraña das pólas estendía a súa opresión suprema.
Os ollos afixéranse á noite, viamos como se ve en soños, e distinguíanse ás veces, saíndo das matogueiras para axiña desvanecerse, unhas imprecisas bestas asexantes con paso de veludo.
Contra as once, por fin, apareceron uns lumes miúdos; as beiras do camiño estaban inzadas de pedras longas, pedras das ruínas e, no ceo tenebroso, por riba da cima das árbores, debuxáronse as siluetas xigantes das dagabas: a min xa me avisaran e sabía que non se trataba de outeiros senón dos templos da cidade sepulta.
Alí, atopamos aloxamento para pasar a noite nunha hospedaxe rexentado por indios, no medio dun xardín paradisíaco cuxas flores, ao pasar, nos amosou a nosa lanterna.
Agora, polo tanto, está abrir o día mentres escoito debaixo de min, na fraga, o espertar dos paxaros. Nesta torre de templo, estou rodeado polas matogueiras e a vexetación, coma en plena xungla; morcegos, cuxa paz perturbei, voan en círculo na luz matinal, bestas das ruínas coas súas ás grises, e uns esquíos moi pequenos, unha marabilla de velocidade e de graza, vixíanme entre as follas.
Aos meus pés, algunhas desas grandes árbores, que constitúen o sudario da cidade morta, están decoradas como para unha festa de primavera: flores vermellas, flores amarelas, flores rosas. E un chuvasco pasa, rápido, sobre as fermosas copas choridas para se perder despois e disolverse na néboa, no fondal das salvaxes lonxanías.
Mais o sol, que sobe ás présas por tras das nubes e da choiva, xa quenta pesadamente a miña cabeza; é a hora de volver baixo as árbores, á sombra, na noite verde onde viven os homes de aquí, e volvo descer da torre santa por unha escaleira de pólas.
Abaixo, está o mundo confuso dos cascallos e das ruínas, na terra vermella, entre as monstruosas raíces que se retorcen coma serpes. Por centos, xacen as divindades rotas, os elefantes de granito, os altares, as quimeras, testemuñando a arrepiante hecatombe de símbolos causada, hai xa case dous mil anos, polos invasores de Malabar.
Arredor das indestrutibles dagabas, os budistas dos nosos días recolleron piadosamente os máis venerables destes obxectos; nos banzos dos templos esboroados, aliñaron cabezas cortadas de antigos deuses e, grazas aos seus coidados, os vellos altares que quedaron en pé, rudos e informes agora, están cubertos cada mañá de exquisitas flores e unhas pequenas lámpadas aínda alumean neles. Anuradhapura continúa a ser aos seus ollos a cidade sagrada e, desde moi lonxe, uns peregrinos, enganados pola súa encarnación terrestre, veñen recollerse e rezar nela, na paz das árbores.
As dimensións e o plano dos grandes santuarios están sinalados aínda polas series de mármores, de laxas, de columnas que desde as torres se acaban perdendo baixo as árbores; debíase chegar a este lugar tan santo por interminables vestíbulos que gardaban os deuses inferiores e os monstros, todo un pobo de pedra, hoxe xacente e pulverizado.
Ademais destes templos, que dominan de lonxe a xungla tupida, hai centos doutros, en ruínas, por todas as partes, e tamén incontables vestixios de palacios; a fraga agocha tantos piares de granito coma troncos de árbores, e todo se confunde baixo a vexetación eterna.
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”, by William Butler Yeats
Hope that you may understand. What can books, of men that wive In a dragon-guarded land; Paintings of the dolphin drawn; Sea nymphs, in their pearly waggons, Do but wake the hope to live That had gone With the dragons.
“Os realistas”, de William Butler Yeats Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero. Onde se non nos libros, de homes que cren En terras de dragóns gardadas por cancerbero; Golfiños pintados con esmero; Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son, Onde se non a espranza de vivir espertar ten Porque acabou ao carón Dos dragóns.
Continuamos esta serie de artigos, ou notas curiosas sobre pormenores do mundo que ás veces pasan desapercibidos, ou xacen abandonados sen que a nosa atención repare neles. A xeito de gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas do mundo.
Nesta segunda entrega recuperamos un artigo deBeatriz Fragasobre os otólitos ou pedras que medran na cabeza dun peixe non moi coñecido, a corvina. Publicouse en xuño de 2015 en Carballo na revista da Asociación Cultural San Xoán.
“Otólitos”, por Beatriz Fraga
Hai outro óso mariño que chaman pedra da corvina. Corax significa corvo. Hai corvo mariño, ave; e corvo mariño, peixe, e este chámase en Galicia, pelrón. Nada diso vén ao peixe corvina. En latín é coracinus. En galego e en castelán chámanlle corvina. É peixe abundante e frecuente en Galicia. Cría na cabeza dúas pedras, sobre as cales di Rondelecio: Lapides in capite repertos. Valere ad nephriticum, vel colicum dolorem vulgus existimat. Alii colbo suspensos ad morbum [279v] regium conferre credum. Dubida disto último e testemuña do primeiro: Ad nephriticum vero dolorem valere sum expertus. Esta afirmación de Rondelecio basta para que a pedra da corvina sexa moi estimada. Eu trouxen unha de Galicia, moi corpuda, pois pesa máis de tres reás de prata e é branquísima.
Martín Sarmiento, Obra de 660 pliegos
Esas pedras corvina, branquísimas e estimadas, ás que se refire Martín Sarmiento son os otólitos.
Os otólitos, ou estatólitos, son pedras calcáreas formadas por carbonato de calcio, un tipo de sal que se atopa na natureza, e son exclusivas dos peixes óseos (os que teñen esqueleto interno). Desde que o peixe é larva, o carbonato de calcio vaise depositando sobre un núcleo, formando aneis concéntricos semellantes aos que atopamos nos toros das árbores.
A natureza e a forma desas pedras quedan claramente expresadas na denominación orixinaria do grego: otos, oído, e lithos, pedra. Semellantes a un saco, a unha améndoa ou a unha avultada pebide de cabaza, forman parte do órgano de equilibrio dos peixes, achegándolles información sobre a dirección, coma se fose un compás, e a velocidade na que está nadando.
Natureza en rexións descendentes, por Levi Walter Yaggy, 1893
Mais a forma, tamaño e estrutura da pedra son propias de cada especie. O tamaño varía segundo o tipo de crecemento corporal, indo desde o tamaño dunha cabeza de alfinete ata o dunha moeda. Os peixes que medran rapidamente, coma a piarda ou pión, teñen otólitos pequenos, mentres que os que medran lentamente, coma a corvina, tenen otólitos grandes.
A palometa (Brama brama), o linguado (Solea solea), a xarda (Scomber scombrus), o peixe limón (Seriola dumerili), a pescada (Merluccius merluccius hubbsi), o bacallau (Gadus morhua) e a corvina (Argyrosomus regius) teñen agachado na cabeza ese pequeno tesouro. Así e todo, as pedras máis prezadas son as das corvinas.
Eses “ósos”, semellantes ao almafí ou ao alabastro (pedra de xeso), están situados, nos vertebrados, xunto aos órganos acústicos do animal, e poderiamos dicir que son coma o carné de identidade do peixe xa que, ao estudar os seus aneis ou bandas, estes fornecen moitísima información sobre o animal: idade, etapas do desenvolvemento…
Son bioindicadores xa que, ao formarse en equilibrio coa auga onde vive o peixe, rexistran propiedades químicas dese elemento, como por exemplo a presenza de metais pesados.
Aínda que diferentes en cada especie, están presentes en todos os vertebrados, incluído o ser humano, mais nos mamíferos vense reducidos a uns diminutos cristais, as otoconias. A función principal que realizan nos mamíferos é a de ser estabilizadores da posición do corpo en relación coa vertical. Cando eses cristais se moven ou desprenden, acaso por un movemento brusco de posición, e flotan libremente dentro dos canais do oído interno, envían mensaxes confusas ao cerebro que este traduce como falta de estabilidade, vertixe ou vágado.
Centrándonos de novo na corvina, explícase que o nome do peixe sexa un derivado de corvo porque, visto desde arriba, semella ser de cor negra. En Tesoro de la lengua castellana, de Covarrubias (s. XVI), dáse esa razón para outorgarlle o nome “Lo más cierto es, como lo dize Nimpho, que se le dio este nombre por tener las aletas tan negras como las plumas del cuervo”.
En Galicia, todas as especies de Esciénidos (Sciaenidae), cuxo representante máis característico é a corvina, podemos atopalas con este nome: verruguete, verrugate, corviña, corvina ou corvinato. Mais o reino animal está cheo de sorpresas e a corvina aínda agacha outra. O peixe en cuestión emite uns ruídos peculiares que se poden escoitar a trinta metros de distancia. A corvina produce ese son empregando “músculos sónicos” que están localizados preto da vexiga natatoria. Na corvina atlántica tanto os machos coma femias teñen eses músculos. Os machos empregan estes sons no cortexo das femias e os peixiños inmaturos prodúcenos como resposta ante o medo.
Os otólitos, igual que o ollomao, teñen carácter apotropaico, atribuíndoselles virtudes sobrenaturais con propiedades para atraer a boa sorte, espantar o mal, como remedio para as dores de cabeza e de ventre e para os cálculos de ril.
Depositados como ofrenda xunto con outros elementos entre eles a cerámica, aneis e escaravellos exipcios (amuleto de vida, símbolo de resurrección) foron atopados varios otólitos nalgunhas escavacións arqueolóxicas, entre elas a de Gorham’s Cave, en Xibraltar, datadas do século VIII ao III a. C. En Sanlúcar de Barrameda, no piñeiral da Algaida, atopouse, no que parece ser un santuario púnico dedicado ao Luceiro Vespertino ou Luceiro da Alba (Venus), un total de 49 otólitos de diferentes tamaños que foron depositados alí como ofrendas.
Actualmente, ollomaos e otólitos engarzados como adornos, penduran do pescozo de moitas persoas, como amuletos, talismáns ou simplemente como unha figura de achego (un agasaIlo de alguén querido).
Otólitos nunha fotografía xentileza de Wikimedia Commons.