Materialismo do verán
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”,
by William Butler Yeats
Hope that you may understand.
What can books, of men that wive
In a dragon-guarded land;
Paintings of the dolphin drawn;
Sea nymphs, in their pearly waggons,
Do but wake the hope to live
That had gone
With the dragons.
“Os realistas”,
de William Butler Yeats
Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero.
Onde se non nos libros, de homes que cren
En terras de dragóns gardadas por cancerbero;
Golfiños pintados con esmero;
Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son,
Onde se non a espranza de vivir espertar ten
Porque acabou ao carón
Dos dragóns.
Continuamos esta serie de artigos, ou notas curiosas sobre pormenores do mundo que ás veces pasan desapercibidos, ou xacen abandonados sen que a nosa atención repare neles. A xeito de gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas do mundo.
Nesta quinta e derradeira entrega publicamos un artigo de Anxo Mena no que se pescuda sobre a posible relación entre a temperatura da auga mariña e a felicidade. Con todo, a temperatura do océano superficial ten unha importancia capital para o clima do planeta Terra e pódese calcular a través dun organismo por poucos coñecido e dunha beleza característica, os cocolitofóridos.
“A temperatura do mar e a felicidade”, por Anxo Mena
Son moitas as referencias que se atopan nas bibliotecas —as que están en liña incluídas— nas que se relaciona a temperatura coa felicidade. Tamén se pode saír a coller unha mostra en forma de sondaxe, como un traballo de campo no que se pregunte de forma aleatoria se a xente percibe que a temperatura ambiental inflúe no seu estado de ánimo. Nesta enquisa, ademais, postos a contrastar, poderiamos engadir algunha cuestión máis coa que comparar a diferenza entre a temperatura ambiental e a temperatura da auga de baño en agosto nunha praia para ver se este parámetro tamén pode ter relación coa felicidade. Mais, desde un punto de vista científico, a felicidade non deixa de ser un concepto difícil de estudar se imos máis alá da cuantificación, identificación ou valoración das diferentes moléculas relacionadas con ese estado de plenitude e satisfacción. Cómpre deixar claro que en ningún momento se pretende afirmar que unha maior temperatura implique maior felicidade. Para desbotar iso de xeito radical, abonda con pensar en bañarse nas Cies no verán, polo que aquí só se relaciona un parámetro cun concepto, sendo cadaquén autónomo para extraer unha relación negativa ou positiva seguindo as súas reaccións a un estímulo. Non se debe esquecer que a relación non implica causalidade.
De igual xeito que, de forma xeral, o verán nas Rías Baixas se relaciona cunha temperatura fría para a maioría de estándares da auga superficial mariña, debido ao afloramento costeiro de augas profundas e nutritivas que ascenden seguindo a forza do vento do norte. Augas fondas que aumentan a produtividade primaria transmitíndose a toda a cadea trófica a través do fitoplancto.
Tamén é certo que a calor, unha maior temperatura ambiental, se relaciona con agosto, co verán. Así, se unha temperatura morna, cálida e agradable chega a nos producir felicidade, ou se o baño mariño crioxénico actúa en nós como un bálsamo ao acaloramento e alivia o sufrimento, xerariamos máis desas moléculas antes comentadas e relacionadas coa felicidade, do mesmo xeito que ocorre en Un feliz mundo novo (Brave New World), de Aldous Huxley, coa substancia denominada soma. Aínda que poida ser acaída, esta referencia non está escollida ao chou porque, de xeito curioso, podemos establecer unha relación entre o concepto de felicidade, entendido este como a segregación de determinadas moléculas coma a serotonina, endorfinas e a oxitocina, e a temperatura, máis concretamente con esa temperatura superficial do océano, do mar, no que nos bañamos, tanto agora, no presente, coma no pasado, entendendo ese pasado nunha escala temporal que abrangue a nosa existencia como especie.
A temperatura do océano superficial ten unha importancia capital para o clima do planeta Terra e pódese calcular a través dun organismo por poucos coñecido e dunha beleza característica, os cocolitofóridos.
Os cocolitofóridos son microorganismos mariños que forman parte do que coñecemos como plancto. Máis concretamente, son algas protistas (polo tanto, integrantes do fitoplancto) e, sen ningunha dúbida, unha das máis estéticas formas de vida que nos rodea e que non podemos observar a simple vista debido ao seu pequeno tamaño, xa que son microscópicas. Estes organismos producen unhas moléculas chamadas alquenonas, compostos orgánicos lipídicos que varían a súa estrutura molecular segundo a temperatura da auga mariña na que crezan e, dado que crecen na auga superficial, iso pode relacionar as alquenonas coa temperatura do océano superficial. Estas alquenonas, ademais, poden preservarse no sedimento e, polo tanto, poden rexistrar a modificación deste parámetro ao longo do tempo.
Unha das especies máis abundantes e máis estudadas dentro dos cocolitofóridos non é outra que a Emiliania huxleyi, á que bautizaron así na honra de Thomas Henry Huxley, avó de Aldous Huxley, biólogo e defensor da teoría da evolución formulada por Charles Darwin, polo que volvemos de novo ao apelido Huxley. Ademais, esta especie é moi abundante nas costas galegas e produce grandes proliferacións unha vez que remata o afloramento e comezan a rarear os nutrientes, cousa que pode ocorrer precisamente a fins de agosto, cando cesa o vento do norte, deixa de chegar a auga profunda á superficie do océano e, polo tanto, á zona hábil para o baño. De aí que a auga volva aumentar lixeiramente a súa temperatura cando remata o verán.
Desa forma, dásenos a oportunidade de saber, a través do estudo da paleotemperatura do océano superficial —obtida mediante a análise das alquenonas que decantan e quedan rexistradas no sedimento—, se se pode inferir ou determinar o grao de felicidade dos devanceiros.

