Homenaxe a Cataluña

A Literatura Catalá, en Euseino? Social

Mercè Rodoreda e “A praza do Diamante”

Co acto que se celebra o día 20 de novembro coa intervención de Pilar Vilaboi, tradutora da novela de Mercè Rodoreda, do escritor Carlos Meixide, editor de Rodolfo e Priscila, e da editora Laura Molinos, da Fundación Euseino?, queremos facer unha homenaxe á autora de A praza do Diamante e, ao tempo, lembrar a presenza entre nós da Literatura e a cultura catalás.


Traducida por Pilar Vilaboi, a novela “A praza do Diamante”, de Mercè Rodoreda, publicouna en galego Edicións Positivas en 1995 e, recentemente, Rodolfo e Priscila nunha edición revisada. 

A Fundación Euseino? ten a honra de acollela o día 20 de novembro nun acto co que queremos celebrar tamén a presenza entre nós da cultura e a lingua catalás. Galego e catalán, dous idiomas e dúas culturas non imperialistas que se relacionan en pé de igualdade.

O galego forma parte dunha polifonía, a do grupo dos idiomas romances. Con idéntica consideración para o italiano ca para o catalán. Non quixeron formar parte desa polifonía o portugués nin o castelán impostos nas colonias, entre elas o noso país. Trátase, daquela, de recoñecer unha polifonía que non precisa ter variante áurea ningunha, tampouco peso cultural nin demográfico; porque temos a levidade que Italo Calvino pedía para a literatura. Somos menores, coma Franz Kafka fronte ao pai, respecto do latín. Somos idiomas continxentes, non dogmas eternos.

A filoloxía románica é a do galego independente e intersticial, impropio coma a metamorfose dos idiomas, coma o Ibis de Ovidio e o escornabois de Kafka; en resumo, o idioma dunha literatura menor, a da literalidade, non a lingua da literatura imperial dos idiomas áureos e colonizadores.

Por iso queremos facer aquí, co gallo da reedición da obra de Mercè Rodoreda, a nosa humilde mais orgullosa Homenaxe a Cataluña.

Deixar un comentario