“A prol e en contra do cinema”

Un ensaio sobre “Avec et contre le Cinéma”, de Guy Debord

Con motivo do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra

Tivemos a ocasión de asistir a “Novos cinemas”, o Festival Internacional de Cinema que se desenvolveu en Pontevedra do 9 ao 14 de decembro. O motivo foi que na sesión de apertura do festival se proxectaba por primeira vez —a estrea nas salas comerciais ha ser en febreiro próximo— As liñas descontinuas, película de Anxos Fazáns na que se pode ver brevemente o libro Diario de dúas casas, de María Villamarín.

Non imos comentar antes da súa estrea a película producida por Silvia Fuentes e mais pola directora, que forman Sétima Producións, cooperativa creada co obxectivo de “producir ese cine que nos entusiasma: un cine europeo con marcado carácter autoral e que logra chegar ao público”. Si que nos parece moi oportuno, aproveitando que o festival chega á súa décima edición e tendo en conta a concepción do cinema que defende esta produtora galega, facer unha reflexión sobre que tipo de películas cómpre realizar e que función pode desenvolver o cine na sociedade.

Iniciamos, daquela, a publicación de libros de pequeno formato e extensión breve, a serie Anónima. O seu carácter non venal e a renuncia á noción de autoría defíneos de xeito senlleiro, ampliando así a liña de publicacións de Euseino? en acceso aberto e difusión non comercial. Sobre temas diversos, son obras que, ao prescindir da autoría, se poden reproducir total ou parcialmente mediante calquera medio xa que non son propiedade de ninguén. O primeiro dos títulos, A prol e en contra do cinema, é unha reflexión sobre o labor de Guy Debord nese eido. Difúndense como agasallo, calquera persoa doadora pode solicitar un exemplar se é que non o recibe gratuitamente no seu domicilio. Para facer unha doazón ou formar parte da membresía de Euseino? Social, visitar a páxina:

Doazóns e membresía

[Nesta páxina, primeiro descríbense os tipos de membresía cos que se pode colaborar coa Fundación Euseino? e, ao final, tamén aparece un formulario para facer unha doazón da cantidade que cadaquén considere axeitada.]

En A prol e en contra do cinema, reflexiónase sobre unha das obras máis interesantes de e sobre o cine, a do pensador e director de cine Guy Debord. O fundador da Internacional Situacionista, publicaba no primeiro número do boletín desa organización, en xuño de 1958, unha reflexión breve e aínda hoxe actual na que definía o cine non só “como expresión anecdótica ou formal senón tamén na súa infraestrutura material, a mellor representación dunha época de invencións anárquicas xustapostas (non articuladas, simplemente sumadas)”.

Segundo Debord, o cinema achega poderes inéditos á esgotada forza reaccionaria do espectáculo sen participación:

"Non hai que temer dicir que se vive no mundo que coñecemos porque se está sen liberdade no centro do miserable espectáculo, «xa que se forma parte integrante del»."

Nese artigo, titulado “Avec e contre le Cinéma”, incluíase tamén unha consideración sobre a ambivalencia da técnica e a posibilidade que abre para unha pragmática que vaia alén da explotación comercial e da idea da sociedade coma espectáculo:

"A vida non é iso, e os espectadores aínda non están no mundo. Pero quen queira construír este mundo debe loitar á vez no cinema contra a tendencia a constituír a anticonstrución de situación (a construción de ambiente do escravo, a sucesión das catedrais) e recoñecer o interese das novas aplicacións técnicas válidas en si mesmas."

Ao tempo que facemos a primeira publicación da serie Anónima, tamén collemos o título da derradeira película de Guy Debord, “In girum imus nocte et consumimur igni”, como motivo para estimular a reflexión verbo da cultura como espectáculo. O título do filme de Debord é unha forma abreviada do hexámetro dactílico e palíndromo “In girum imus nocte ecce et consumimur igni”, locución latina cuxa orixe é antiga e incerta. Podería facer referencia ás avelaíñas que viran arredor dunha candea antes de queimarse nela e significa: «Damos voltas na noite e consómenos o lume».

Tamén podería aludir ás persoas ambiciosas que, engaioladas polos esplendores do poder, da riqueza ou da gloria, se achegan demasiado a ela. A película dirixida por Debord, estreada en 1981, critica a sociedade contemporánea, onde cadaquén se queima xirando arredor dos bens de consumo.


Sobre a obra de Guy Debord en euseino.org
No Día do Libro, sobre a inanidade da cultura actual
A literatura xa non se le
A literatura morría e nacía a música

O paradoxo Minuit

Como a editorial máis pequena de Francia domina o panorama literario

Despois do falecemento de Irène Lindon

O día 7 de decembro faleceu a editora Irène Lindon, filla de Jérôme Lindon, tamén editor de Les Éditions de Minuit, a prestixiosa editorial independente fundada durante a ocupación nazi de Francia. O que actualmente é editor galego en activo con máis anos de traballo e presidente da Fundación Euseino?, Carlos Lema, tivo a honra de tratar primeiro durante a década de 1990 con Lindon, mestre de editores, e logo, de 2005 a 2009, coa Irène, con motivo da publicación en galego de varias novelas de Jean-Philippe Toussaint e do Molloy de Samuel Beckett. Acabamos de perder unha editora atenta e esixente que conseguiu manter a independencia da editorial ata 2021. Este artigo é unha homaxe a Jérôme e a Irène Lindon e á editorial á que dedicaron a súa vida.

A arte de facer máis con menos

Nunha industria editorial a miúdo obsesionada co volume e a sobreprodución, onde centos de títulos compiten cada tempada pola atención, existe un modelo alternativo que se decide radicalmente polo contrario. É o modelo dunha editorial cunha identidade tan forte que a súa simple existencia se converteu na súa sinatura: poucos autores, poucos títulos, moita esixencia. Falamos das Éditions de Minuit.

Este caso de estudo é fascinante non só pola súa historia —nada na clandestinidade durante a ocupación nazi de Francia e convertida despois na casa editora do Nouveau Roman—, tamén pola súa asombrosa vixencia. ¿Como consegue unha editorial que publica un número tan reducido de títulos xerar un impacto tan grande na literatura dun país? A resposta revela catro leccións sorprendentes sobre o poder da coherencia e o afastamento da sociedade do espectáculo, a do valor mercantil e o culto á personalidade.

Un catálogo minúsculo, unha presenza colosal

O dato máis revelador é case inverosímil. Nos últimos dez anos, as Éditions de Minuit publicaron só 53 novelas. Para poñelo en perspectiva, a súa actual casa matriz, Éditions Gallimard, cuxo grupo editorial se fixo cargo de Minuit en 2021, publicou máis de 1.000 novelas no mesmo período.

Con todo, e aquí reside o paradoxo, a análise da súa visibilidade web sitúa a Minuit como o segundo editor con máis impacto na web literaria, xusto detrás de Gallimard. Este dato é extraordinario. Na economía da atención dixital, onde a visibilidade adoita ser sinónimo de volume, Minuit demostra que é posible subverter as regras. O seu segredo reside nunha taxa de atención crítica excepcional que multiplica a repercusión de cada un dos seus lanzamentos, convertendo cada libro nun acontecemento.

O “estilo Minuit”: unha edición literaria rigorosa e independente

Aínda que non existe un “estilo Minuit” uniforme, tanto a crítica como os lectores recoñecen de forma espontánea un conxunto de trazos compartidos que definen a identidade da editorial francesa. Esta coherencia non se basea nos temas senón nunha serie de constantes estilísticas que funcionan como un marchamo literario, visible na obra dos seus autores máis emblemáticos actualmente como Laurent Mauvignier, Jean Echenoz ou Jean-Philippe Toussaint. As máis destacadas son:

  • A elipse como motor narrativo: a tensión e a emoción constrúense nos espazos en branco, como se observa na “coupe nette” de Echenoz ou nos silencios que xeran tensión en Yves Ravey. A narración avanza grazas ao que se omite.
  • O reinado do non dito: o silencio convértese nun “espazo dramático”. En autores como Claire Baglin ou Mauvignier, a emoción escápase e a psicoloxía dos personaxes suxírese en lugar de explicarse, esixindo unha lectura activa e atenta.
  • Unha minuciosidade case cirúrxica: a atención ao pormenor, aos xestos cotiáns e aos obxectos é fundamental. Baglin disecciona o cotián, mentres que Toussaint deposita os detalles como notas musicais. O real sostense no ínfimo.
  • O rexeitamento do espectacular: o drama non xorde de grandes acontecementos senón da “tensión do cotián”. Evítase a énfase, a efusión e o patetismo innecesario, unha contención que define gran parte do catálogo.

Esta coherencia estilística fai que a editorial sexa inmediatamente recoñecible, creando un selo de confianza para as persoas que len e buscan unha experiencia literaria esixente e singular.

Porta de Les Éditions de Minuit, 7 rue Bernard-Palissy, París. Foto LPLT / Wikimedia Commons.
A decisión estratéxica: obras singulares e figuras autoriais descoñecidas

Unha das claves do suceso continuado de Minuit é a súa estratexia editorial, que se leva a cabo de forma decidida a través de primeiras obras singulares e con figuras autoriais descoñecidas. En lugar de seguir tendencias, a editorial céntrase en descubrir e consolidar persoas autoras que deixan pegada desde a súa primeira obra.

Os premios independentes validan esta estratexia. O caso de En salle de Claire Baglin é especialmente revelador: a crítica describiuno como un texto “clínico”, “asfixiante” e “dunha precisión case cirúrxica”. Ao seguir unha liña estética tan definida e coherente, a editorial mantén viva a súa reputación de descubridora de talento e garante unha renovación constante da literatura

O efecto eco: cando a crítica reflicte a obra

Unha das observacións máis fascinantes é que a recepción crítica de Minuit parece imitar o estilo dos seus propios libros. Tanto os grandes medios prescritores como os blogs literarios máis pequenos empregan un vocabulario converxente para describir as obras: “precisión, silencio, tensión, retención, intensidade”.

Esta sintonía vai máis alá do eloxio. Mesmo as críticas que expresan reservas fano cun “ton de respecto”, e a esixencia das obras é a miúdo presentada como unha virtude: “Demanda unha lectura colaborativa mais recompénsaa”. O resultado é unha harmonía case involuntaria entre a obra e o seu comentario, unha especie de espello crítico que amplifica o impacto de cada libro.

A crítica fala de Minuit seguindo o “estilo” da editorial, con concentración, economía de medios e un profundo respecto pola precisión.

Unha lección para a era dixital

O acerto de Minuit non é casualidade nin nostalxia. É a conclusión final e provocadora dunha liña decidida e sostida pola alta esixencia editorial, sen favores aos que responder e con independencia, como estratexia gañadora contra a lóxica da sobreabundancia, do culto ao espectáculo e á personalidade autorial que domina o mundo da cultura arestora. A análise dos datos confírmao de maneira abafante: Minuit é unha casa editorial que publica pouco mais que conta moito.

A súa influencia demostra que a importancia non se mide en cifras de produción, que a profundidade e o coidado ao editado tamén deixa a súa pegada. Nunha época de ruído constante, ¿podería ser que a verdadeira importancia non resida en producir máis senón en significar máis?