“A prol e en contra do cinema”

Un ensaio sobre “Avec et contre le Cinéma”, de Guy Debord

Con motivo do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra

Tivemos a ocasión de asistir a “Novos cinemas”, o Festival Internacional de Cinema que se desenvolveu en Pontevedra do 9 ao 14 de decembro. O motivo foi que na sesión de apertura do festival se proxectaba por primeira vez —a estrea nas salas comerciais ha ser en febreiro próximo— As liñas descontinuas, película de Anxos Fazáns na que se pode ver brevemente o libro Diario de dúas casas, de María Villamarín.

Non imos comentar antes da súa estrea a película producida por Silvia Fuentes e mais pola directora, que forman Sétima Producións, cooperativa creada co obxectivo de “producir ese cine que nos entusiasma: un cine europeo con marcado carácter autoral e que logra chegar ao público”. Si que nos parece moi oportuno, aproveitando que o festival chega á súa décima edición e tendo en conta a concepción do cinema que defende esta produtora galega, facer unha reflexión sobre que tipo de películas cómpre realizar e que función pode desenvolver o cine na sociedade.

Iniciamos, daquela, a publicación de libros de pequeno formato e extensión breve, a serie Anónima. O seu carácter non venal e a renuncia á noción de autoría defíneos de xeito senlleiro, ampliando así a liña de publicacións de Euseino? en acceso aberto e difusión non comercial. Sobre temas diversos, son obras que, ao prescindir da autoría, se poden reproducir total ou parcialmente mediante calquera medio xa que non son propiedade de ninguén. O primeiro dos títulos, A prol e en contra do cinema, é unha reflexión sobre o labor de Guy Debord nese eido. Difúndense como agasallo, calquera persoa doadora pode solicitar un exemplar se é que non o recibe gratuitamente no seu domicilio. Para facer unha doazón ou formar parte da membresía de Euseino? Social, visitar a páxina:

Doazóns e membresía

[Nesta páxina, primeiro descríbense os tipos de membresía cos que se pode colaborar coa Fundación Euseino? e, ao final, tamén aparece un formulario para facer unha doazón da cantidade que cadaquén considere axeitada.]

En A prol e en contra do cinema, reflexiónase sobre unha das obras máis interesantes de e sobre o cine, a do pensador e director de cine Guy Debord. O fundador da Internacional Situacionista, publicaba no primeiro número do boletín desa organización, en xuño de 1958, unha reflexión breve e aínda hoxe actual na que definía o cine non só “como expresión anecdótica ou formal senón tamén na súa infraestrutura material, a mellor representación dunha época de invencións anárquicas xustapostas (non articuladas, simplemente sumadas)”.

Segundo Debord, o cinema achega poderes inéditos á esgotada forza reaccionaria do espectáculo sen participación:

"Non hai que temer dicir que se vive no mundo que coñecemos porque se está sen liberdade no centro do miserable espectáculo, «xa que se forma parte integrante del»."

Nese artigo, titulado “Avec e contre le Cinéma”, incluíase tamén unha consideración sobre a ambivalencia da técnica e a posibilidade que abre para unha pragmática que vaia alén da explotación comercial e da idea da sociedade coma espectáculo:

"A vida non é iso, e os espectadores aínda non están no mundo. Pero quen queira construír este mundo debe loitar á vez no cinema contra a tendencia a constituír a anticonstrución de situación (a construción de ambiente do escravo, a sucesión das catedrais) e recoñecer o interese das novas aplicacións técnicas válidas en si mesmas."

Ao tempo que facemos a primeira publicación da serie Anónima, tamén collemos o título da derradeira película de Guy Debord, “In girum imus nocte et consumimur igni”, como motivo para estimular a reflexión verbo da cultura como espectáculo. O título do filme de Debord é unha forma abreviada do hexámetro dactílico e palíndromo “In girum imus nocte ecce et consumimur igni”, locución latina cuxa orixe é antiga e incerta. Podería facer referencia ás avelaíñas que viran arredor dunha candea antes de queimarse nela e significa: «Damos voltas na noite e consómenos o lume».

Tamén podería aludir ás persoas ambiciosas que, engaioladas polos esplendores do poder, da riqueza ou da gloria, se achegan demasiado a ela. A película dirixida por Debord, estreada en 1981, critica a sociedade contemporánea, onde cadaquén se queima xirando arredor dos bens de consumo.


Sobre a obra de Guy Debord en euseino.org
No Día do Libro, sobre a inanidade da cultura actual
A literatura xa non se le
A literatura morría e nacía a música

Deixar un comentario