“¿Ficción ou fabulación? (1)”. Correspondencia entre Robert Louis Stevenson e Henry James

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal dos cantís e peirao de Bournemouth en 1880. R. L. Stevenson e a súa dona Fanny Van de Grift aloxáronse aquí, no Hotel Highcliffe, á súa chegada en xullo de 1884.
Nota do editor

Da correspondencia de Robert Louis Stevenson, escribiu Henry James que “é coma quen puxa delicadamente nunha porta xa medio aberta e entra coa sensación de que non é en absoluto necesaria esa intrusión [pois quen leu a súa obra xa ten a impresión de coñecer intimamente o autor]. Así e todo, ao facelo, ¿non sente que está a vivir canda el como o fixera con anterioridade? A través da súa correspondencia abofé que o ego brilla con magnificencia… que é moito máis do que calquera corresponedencia pode lograr.” Ofrecemos en varias entregas unha escolma das cartas que o autor dos Papeis de Aspern enviou e recibiu do autor da Illa do Tesouro.

A resposta de Stevenson á primeira carta que lle dirixe James está escrita en Bournemouth, onde ambos os escritores habían facer amizade en 1886. No curioso e esaxeradamente xeneroso artigo que este último lle dedicou á edición das cartas do primeiro, escribe que “a impresión, para quen le as derradeiras cartas, é a dunha singular beleza… dun profundo talento, dunha expresividade moi atinada e ricaz e, especialmente, dunha galanura irónica e desesperada que arde, co máis puro dos lumes, nun estraño e alienante ambiente para chegar a nós decisivamente transformada en fume.” (in Notes on Novelists with Some Other Notes, Nova York: Charles Scribner’s Sons, 1914).

Estas dúas cartas coas que se inicia a súa correspondencia poñen de manifesto dúas concepcións diferentes da literatura e a importancia do contexto no que comeza a relación entre os dous escritores, o da polémica que había dar pé á primeira grande achega teórica de Henry James. Por unha banda R. L. Stevenson, un escritor popular de gran difusión, e pola outra Henry James, o autor que inicia un cambio de paradigma na narrativa, o do modernismo anglosaxón que tería o seu punto máis extremo na obra de James Joyce. A orixe destas dúas cartas é a seguinte:

O 25 de abril de 1884, na Royal Institution de Londres, Walter Besant, daquela no apoxeo da súa popularidade como narrador, pronuncia unha conferencia co título Fiction as One of the Fine Arts, posteriormente recollida en fascículo e amplamente difundida na prensa. Sabéndose aludidos, Henry James e Robert Louis Stevenson deciden entrar na discusión; o primeiro co artigo “The Art of Fiction”, publicado uns meses máis tarde en Longman’s Magazine, en resposta ao intento de Besant por establecer as “leis da ficción”, entre elas a de que os novelistas se deben limitar ao ámbito da súa experiencia, polo que, por exemplo, unha muller nova que resida nunha vila tranquila non podería escribir sobre a vida nun cuartel. Argumento ao que James contesta afirmando que un novelista suficientemente espelido pode coñecer realidades diversas e empregalas con suceso no que escriba. Defende dese xeito a liberdade de escolla do novelista tanto no que se refire ao tema coma ao método para tratalo na ficción: “A única obriga que debe satisfacer unha novela por adiantado para non incorrer na acusación de arbitrariedade é ser interesante.” En especial, James recea das restriccións impostas á ficción con finalidade moral: “Ningunha boa novela pode proceder dunha mente superficial; o que a min me parece un axioma é aquilo que a un escritor de ficción o ceibe de calquera necesidade de fundamentación moral.” Mentres que para o autor de Daisy Miller é discutible que a narrativa de ficción sexa un tipo de artesanía, Stevenson aproveita a súa resposta na mesma revista co artigo titulado “A Humble Remonstrance” (Unha amoestación humilde) para redefinir os termos nos que escribe James, afirmando que tanto Besant coma James non están a falar de ficción senón máis ben da arte da narrativa, algo que, como suxire, está presente tamén na historiografía, na pintura e na poesía. E, cousa máis importante, o autor do Dr. Jekyll e Mr. Hyde cuestiona que a idea de arte teña que rivalizar coa vida: “Ningunha arte […] pode competir exitosamente coa vida, a arte que o faga está condenada a perecer.” Se James defende a importancia da verdade para o novelista, Stevenson considera a verdade “unha palabra de moi cuestionable utilización”, describindo ao seu colega como “un tipo de artista autenticamente intencionado”. Aínda que James explicite na súa primeira carta que está máis de acordo ca en desacordo con Stevenson e este asegure coincidir na natureza “elaborada” da literatura, as súas posicións poñen en evidencia diferenzas significativas no punto de vista. A posición modernista do primeiro afástao da idea que ten da narrativa como fabulación o segundo.

A tradución fíxose a partir de The Letters of Robert Louis Stevenson to his Family and Friends. Selected and Edited, with Notes and Introduction, by Sidney Colvin (Charles Scribner’s Sons, 1899). E a partir de The Letters of Henry James, edición e selección de Percy Lubbock (Charles Scribner’s Sons, 1920).


Coordinación da sección, escolma e tradución do inglés de Cecilia F. Santomé

De Henry James a R. L. Stevenson

Bolton Street, 3. W.1

5 de decembro [de 1884]

Aínda lin onte á noite o estudo que lle publicaron no Longman’s de decembro en resposta —xenial, por certo— ao artigo que escribín logo de ler a Besant, tamén para dita revista; e, desa encantadora media hora, resultou o desexo amigable de mandarlle unhas palabriñas. Palabras baixo ningún concepto de discusión, disensión, réplica ou protesta, senón de cordial simpatía acompañada da certeza do moito que me presta todo canto escribe. É un luxo, nesta época inmoral, atopar alguén que escriba de verdade e que teña coñecemento do que esa marabillosa arte supón. Sería inxusto competir con vostede niso. Ademais, coido que estamos máis de acordo que en desacordo, e —malia que haxa aspectos en que un espírito menos manso que o meu desexaría furgar— non é diso do que lle quero escribir. Pola contra, agradézolle o moi suxestivas e oportunas que son as súas observacións, tan sentidas e expresadas con brillantez por vostede. Diso teñen en cantidade, e o seu admirable estilo actual aboia en perlas e diamantes. Excelentes como son as súas palabras de peche, e non sei se haberá quen lle dea máis a razón ca min cando propón que toda arte é unha simplificación. Compráceme ver enunciada unha verdade tan claramente. As miñas páxinas na Longman non eran máis que unha alegación en favor da liberdade. Eran só a metade do que tiña para dicir, e un día hei tratar de expresar o restante. Entón, igual lle paso unha man cariñosa polo lombo. Dirá vostede que a miña “liberdade” é unha divindade obesa que esixe medidas especiais. Ou se cadra peche o bico despois de darlle unha última volta. A alegría natural de canto escribe resúltame deliciosa e, cando penso que procede dun home que leva ao lombo tanta carga na vida —ou así mo parece a min—, coido que vostede é sen dúbida un xenio. Aínda que supoño que tamén algo de gusto lle dará. Sempre que vexo a Colvin,2 pregúntolle por vostede. Poida que lle mande esta carta para que lla faga chegar a vostede. Aquí ten o seu fiel servidor, que lle envía os seus mellores e infinitos bos desexos,

Henry James

De R. L. Stevenson a Henry James

Bonallie Towers,3 Branksome Park (Bournemouth)
8 de decembro de 1884

Benquerido Henry James:

Vaia toma de contacto admirable, a súa. En máis dun sentido. En primeiro lugar, por facelo coa esperanza de que teña continuidade. E niso me esforcei. Falando en serio, aqueles que queremos practicar a arte da literatura cunha determinada orientación corremos o risco —por mor da falta de información e da escaseza dun interese ben madurado pola mesma— de non atopar unha audiencia que nos encha. A xente supón que o que lle interesa é “o asunto”. Pensa, por exemplo, que os prodixiosamente elaborados pensamentos e sentimentos dun Shakespeare caen polo seu propio peso, non comprende que un diamante sen pulir non é máis ca un coio. Pensa que os xiros na trama ou os bos diálogos veñen da observación directa da vida, resístense a entender que son o resultado dun artificio buscado e que teñen a súa orixe en dolorosos procesos de supresión. Pero eu quéroo todo ben aireado, polo meu propio proveito e polo do público, e prégolle que non me perda de ollo, que me acompañe en canta ocasión de disensión teñamos sobre unha das miñas tentativas frustradas e enfatice os puntos de consenso (para evitar así que caia sobre min o desprezo dos profanos). Confío en que o seu artigo me deixe marxe para a réplica; e agardo facelo con tanta arte como para tirar de vostede e sacalo do seu silencio, que agora ameazo. Non lle pediría máis á vida que pasala moendo neste cuarto de millo cun axudante coma vostede.

En segundo lugar, é certo que me alegra oílo falar dun xeito tan agarimoso do meu traballo. Alégrame e sorpréndeme. Eu véxome coma un campesiño, moi rudo e zoupón, que non merece que o lea —e moito menos o gabe— un home tan talentoso, tan hábil e con tal mestría coma vostede. Por fortuna, nunca se verá no brete de ter que poñerse na pel dun escritor da miña categoría, que se enfronta derrotado, por exemplo, á escena do parque en Lady Barberina.4 Sorpréndeme en cada pincelada a súa precisión etérea, e o efecto de conxunto —tan sutil coma o syllabub,5 tan nítido coma unha fotografía— dáme moita envexa. Cada un de nós defende o seu propósito e eu prefiro o meu; pero debo admitir que, comparado con vostede, son un pailán de primeira en termos de posta en escena.

Lamento xa iso en que diferimos: tanto o trazado das historias coma o perfilado dos personaxes. Claro que non estou tan falto de luces como para pedirlle que mude de rumbo. Pero non podería nunha novela —por aquilo de compracer un rendido admirador e para que engorde os seus estantes cun volume que lle praza—, ¿non podería, insisto, —ou sen o podería— introducir os seus personaxes nun molde algo menos abstracto e académico (en anteriores traballos seus, a miña querida señora Pennyman6 xa tiña algo diso) e presentar os acontecementos non digo dun xeito máis impactante pero si concedéndolle algo máis de rotundidade —coma se se tratase dun episodio sacado dunha desas mal chamadas “novelas de aventuras de toda a vida”? Témome que non, supoño que non me queda outra que suspirar e admitir que fai vostede ben. Con todo, cando bato, poñamos por caso, cunha especie de Tom Jones tratado coa súa exquisita fineza e atravesado por esa luz indirecta que vostede manexa con mestría, cústame moito pousar tal marabilla e, se o fago, é a desgusto. Non digo máis.

Formo parte —xa o sabe— desa categoría humana, a dos nulos, dada a infatuarse. E iso engádeme presión á hora de recibir visitas. Mais poida que un día destes o embargue a sensación de que unha xornada á beira do mar e entre os piñeirais podería supoñer un cambio agradable respecto da cidade. De ser o caso, prégolle que non deixe de mandarnos recado. A miña muller e mais eu estaremos encantados de acollelo na nosa morada e ofrecerlle de comer e de beber na medida dos nosos posibles —teño unha botella xeitosa de viño bordelés—. Co resaibo del, considéreme o seu fiel servidor,

      Robert Louis Stevenson

P. S. Reabro esta carta para dicirlle que volvín ler a miña nota e paréceme que nela estou lonxe de ser respectuoso e fiel á verdade. É obvio que era consciente de que estaba tomando o seu artigo como un simple colgadoiro do que prender as miñas propias observacións pero, ¿que é un artigo se non iso? ¡Anda que non lle vai poder vostede colgar comentarios agudos ao meu! Vaia maneira a miña de atentar contra o principio de proporcionalidade e os máis básicos fundamentos da boa educación para con vostede, ¡por moito que a intención fose a contraria! De feito, sendo como é un lector fino, xa intuiría o que teño realmente no pensamento. Así que só me queda poñer o ramo —pechando antes os ollos e encolléndome de ombros, como non podía ser doutro xeito— con aquela trillada expresión:

“Ao ataque, Macduff!”7


  1. Westminster, barrio londiniense. Henry James viviu alí do ano 1876 ao 1886. Hoxe, esa zona pertence ao barrio de Mayfair. (N. da T.) ↩︎
  2. Sidney Colvin (1845-1927) foi un crítico literario e artístico británico. Nomeadamente coñecido pola súa amizade con Robert Louis Stevenson, de quen foi o primeiro editor da súa correspondencia. (N. do E.) ↩︎
  3. Bonallie Towers foi o cuarto aloxamento de Fanny e Robert Louis Stevenson en Bournemouth desde a súa chegada a ese lugar no verán de 1884. Alí viviron entre novembro dese ano e finais de marzo do seguinte. (N. da T.) ↩︎
  4. Publicada orixinalmente entre maio e xullo de 1884 na revista The Century Magazine, pertence ao ciclo de obras “internacionais” de Henry James, obras que subliñan as diferenzas entre a cultura americana e a europea. O realismo co que retrata as clases altas está a miúdo tinguido dun forte sarcasmo. (N. da T.) ↩︎
  5. Sobremesa tradicional inglesa do século XVI ao XIX, elaborada a base de leite enteiro ou nata con azucre cortada cunha chispa de viño. (N. da T.) ↩︎
  6. Personaxe de Washington Square (1880), novela de Henry James. (N. da T.) ↩︎
  7. Referencia á exhortación que Macbeth, heroe da peza homónima de Shakespeare, lle fai a Macduff, señor de Fife e opoñente, ao final da escena VIII do acto V para encirrar a batalla final entre ambos. (N. da T.) ↩︎

“O filósofo e o literato (e 3)”, por William e Henry James

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal da casa de Henry James vista desde a praza da Igrexa.

Con esta terceira entrega rematamos a publicación da selección da correspondencia entre os irmáns William e Henry James. Despois da primeira e segunda entregas (“O filósofo e o literato, 1”, “O filósofo e o literato, 2”), nas que se recollían as cartas do filósofo ao escritor, nesta derradeira publicamos tres cartas de Henry nas que o novelista defende a súa concepción da literatura: “Na miña contorna, non vexo por ningures que se practiquen ou se imaxinen as cousas que, para min, constitúen a cerna do interese por escribir unha novela. E, así e todo, o que ti suxires consiste precisamente en sacrificalas alí onde abrollan. Iso proba a distancia que separa e os camiños diverxentes que tomaron —con moita naturalidade e corrección!— as nosas respectivas carreiras intelectuais.”

Iso non significa que Henry non deixe de afirmar: “Resumindo: desde un punto de vista filosófico, estou ‘contigo’ case ao cen por cento. Agardo que o teñas presente e que, en liñas xerais, me entendas.” O narrador escribe sobre a obra filosófica do seu irmán e, concretamente, sobre Pragmatism: A New Name for Some Old Ways of Thinking, un dos seus libros máis importantes.

A tradución destas cartas fíxose a partir de The Letters of Henry James, edición e selección de Percy Lubbock (Charles Scribner’s Sons, 1920).


Traducidas do inglés por Uxía Felpeto como parte do Programa de Edición para Persoas Voluntarias realizado na Fundación Euseino? Tradución revisada e corrixida por Cecilia F. Santomé. Selección das cartas feita por Fernando González Gandára.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

De Henry a William James

En Lamb House, Rye1, a 23 de novembro de 1905

Non é que lle dedicase moitos días a escribir despois da carta que lle mandei Aleck e antes da que lle mandei a Peggy. O caso é que, esta noite, decidín que non podo seguir dilatando deste xeito horrible responder como merece a túa liberalísima misiva do 22 de outubro (esa na que me achegabas outra chea de tenrura de parte de Aleck), por moito que leve todo o día metido na casa sen dar un triste paseo, escribindo sen descanso, e agora sexan as 11 da noite e estea bastante mallado. 

De todos os xeitos, heille escribir a Alice por un conto —débolle unha carta a ese ídolo eterno meu, razón de máis para escribirlle—. Faime o favor de dicirlle —con todo o meu cariño— que non é que me teña moi contento e que llo había facer notar doutra maneira que non fose este longo e frío silencio meu de non ser pola presión por escribir á que me vexo sometido e que me impide dedicarlle tempo ao correo. Pero, como xa me foi pasando o cabuxo, prégoche que lle digas a Alice que a primeiriña carta que escriba será para ela. Iso si: que non se lle ocorra mandarme unhas letras —nin en soños!— antes de ter noticias miñas.

Dáme moito gusto e reconfórtame poñerme a cavilar no esplendidamente que todos vós me estades saíndo —sobre todo, Harry e Bill, ademais de Peg e Aleck, que leva a dianteira. E que dicir de Alice e mais de ti…—. Lévovos no peto da miña alma e remexo en vós  —un por un ou por separado— e fágovos tinguilear e ruxicar e repenicar, pois a sensación que me dades é de gozar dunha inmensa e moi sólida (para os meus estándares) fortuna.  Alégrame moitísimo —dillo con todo o meu cariño— a noticia dese traballo tan excelente que conseguiu Bill e devezo por coñecer un chisco máis sobre el. En todo caso, dille que estou desexando que cheguen as vacacións para que veña para aquí; oxalá me decatara antes da situación na que se atopa Harry. Pero, aínda así, confío en que veña.

Agardo ser quen de artellar —en resposta ao que me escribiches sobre a túa lectura de Golden B. [The Golden Bowl, 1904]— algún textiño de ficción de natureza insólita que satisfaga a un irmán en letra maiúscula coma ti pero —permíteme que che diga, meu querido William— xa me amolaría que che gustase e que acabases meténdoo no mesmo saco que outras cousas actuais que che oín chufar e que preferiría que me enterrasen coma un can antes que escribilas.  Con todo, heiche escribir ese libro, e heino facer seguindo o raio de método do “dous máis dous son catro” no cal se basea toda a marfallada que nos rodea, para logo descender á miña deshonrosa tumba e dedicarme á arte do lapis de grafito no canto de á arte do pincel (nótese que estiven lendo Balzac). Pero, falando en serio, éche demasiado tarde xa e estou demasiado canso para darche unha opinión sobre este asunto máis alá de dicir que, coma sempre, lamento saber que vas ler algo meu e que sempre albergo a esperanza de que non o fagas. É coma se a túa propia constitución che impedise “gozar” da súa lectura e te obrigase a velo desde un punto de vista tremendamente alleo ao meu cando o escribín e ás condicións das que —de xeito inevitable— se desprende. De maneira que parece que nunca che chega esa serie de intencións que xustifican para min a súa existencia e que asumes que a vida e os elementos que constitúen a súa trama se desvían do camiño da felicidade, pois non presentan unha analoxía —imposible, por outra banda— coa vida en Cambridge.

Na miña contorna, non vexo por ningures que se practiquen ou se imaxinen as cousas que, para min, constitúen a cerna do interese por escribir unha novela. E, así e todo, o que ti suxires consiste precisamente en sacrificalas alí onde abrollan. Iso proba a distancia que separa e os camiños diverxentes que tomaron —con moita naturalidade e corrección!— as nosas respectivas carreiras intelectuais. O que non quita que te lea enfeitizado e que, hai tres semanas, pasase tres ou catro días en Brighton con Manton Marble2 e que, ao ver que tiña por alí moitos dos teus últimos artigos e discursos, me dese tempo de ler unha boa presa deles —pois tiña marxe polas mañás, que botaba no cuarto mentres tomaba o almorzo e o xantar, segundo é costume nesa casa— e que me entrase gana de pedirche solemnemente que me envíes algúns dos que tantas veces vin estando en Irving Street e que lle mandas a calquera menos ao teu irmán. Daquela non tiña tempo para lelos. Resumindo: desde un punto de vista filosófico, estou “contigo” case ao cen por cen. Agardo que o teñas presente e que, en liñas xerais, me entendas.

Por certo, hai dous libros —un deles, de ficción— polos que acepto que tu raffoles3 canto queiras, posto que eu tamén o fixen: “Utopía” [A Modern Utopia, 1905], de H. G. Wells, e mais o seu Kipps. “Utopía” paréceme extraordinaria —e non só polo seu descaro—, e Kipps é unha pequena xoia. Se aínda non os liches, faino. Sobre todo, Kipps.

Hai outro asunto que non podo deixar de mencionar do orgulloso que estou do favor que me fixen e lle fixen a Lamb House e ao meu xardín ao levar o invernadoiro da parede vella que hai xunto da casa —no xardín traseiro— e colocalo nun sitio mellor, contra o muro que dá á rúa. Dese xeito, devolvinlle ao xardín dianteiro o espazo liberado para que se manifeste en toda a súa inmensidade e fermosura.

Ala, veña! Deséxoche boa noite con cariño.

Sempre teu,

Henry

En Lamb House, Rye, a 17 de outubro de 1907

Meu queridísimo William:

Ao que parece, fun seguindo bastante ben o que fixeches este verán, ás caladiñas e con gran alborozo, grazas ao que Bill me contaba mentres non marchou e ás marabillosas e abundantes novidades que sobre o mesmo me fixestes chegar ti e mais Alice directamente. E, véndote tan rebulideiro e presto para rebulir, tan liberado e libre de cadeas para facelo, ademais de tremendamente prolífico e tan desbordante aínda, só podo colixir que che van ben as cousas. A túa visita anual á vila de Keene Valley4  —que nunca verei cos meus ollos— e as referencias que a ela fas —como a desta noite— aguillóanme e case me meten a ansia —ou, mellor dito, a amargura da envexa— no corpo. Pouco hai na miña vida que se imite ao espírito de Keene Valley.

Así e todo, subín ata Escocia hai un mes para pasar cinco días no extenso predio de caza de John Cadwalader5 (o de Nova York) en Forfarshire, que lle alugan como parte dos dominios de Lord Dalhousie, un auténtico principado. E alí, gozando dun tempo absolutamente delicioso, puiden saborear brevemente pero con intensidade as bondades dos páramos e as montañas, que aquel aire e dez millas de andaina entre a braña ladeira arriba e abaixo para xantar canda os cazadores me serviron en bandexa. Foi unha experiencia deliciosa.

Mágoa que iso sexa xa cousa do pasado e que agora estea “asentado” aquí, deo volente6, e teña por diante unha boa temporada de recollemento e traballo urxente, na época do ano que máis me presta neste sitio polo moito que me axuda a concentrarme (e, para min, il n’y a que ça!)7. Iso vaime manter a flote —espero— ata finais de febreiro, que é cando conto con subir para Londres ata mediados de maio, sen máis. De aquí en diante, acabáronse as viaxes fóra (se Deus quere)!

Por que raio non che escribín despois de ler o teu Pragmatism? Que me privou de facelo? Non che podo dicir, como non fose o feitizo que me causou o propio libro, tan interesante e cativador, e que me fixo somerxerme nel cunha mansedume e unha entrega que calquera reacción —mesmo un aviso de recibilo— soaría case a discrepancia ou a vía de escape. Así que me entreguei á reflexión sobre ata que punto levo toda a vida entregándome inconscientemente ao pragmatismo, igual que monsieur Jourdain8. Tes toda a razón do mundo, así que estiven estudando unha manchea de actualizacións túas sobre a cuestión no American… Journal of Psychology?, do que o teu devoto e lector voraz Manton Marble me forneceu —como fai sempre que llo pido—. Ler ese libro foi o acontecemento entre os acontecementos do meu verán. E, falando diso (dos libros): emocióname tremendamente que digas que lle liches fragmentos da miña American Scene —espero que Bill che fixese chegar sen maior problema o exemplar da edición inglesa— á señora Bryce e que, dese xeito, lles concedeses unha proba do mérito que para ti teñen. Abofé, dáme un gusto que non vexas que lle concedas a toda ela a categoría de “cousa köstlich9” e que digas que como tal hai que lela e valorala realmente; mais tamén me fai lembrar o moito que lamento e me doe que o destino me impedise —semella que agora de xeito definitivo— levar a termo o meu plan e preparar un segundo volume que incluíse máis impresións para engadirlle ás anteriores. Pois claro que o tiña planeado. O segundo volume ía tratar o tema —e as miñas múltiples impresións sobre o mesmo— desde varios puntos de vista, levaría outras fotografías a maiores… En resumo: sería unha proposta de máis mérito. Pero non estaba de ser…

Estouche escribindo metido na noite, tempo morto e infeliz, mentres bate a choiva contra o tellado e o vento dá nas chemineas. Ai, ese Cambridge onde non ventea e onde non hai cancelas! Choyez-le!10 Dille a Alice que isto “tamén vai para ela”, pero que poida que reciba ela máis noticias do teu e do seu incondicionalmente

Henry

En Lamb House, Rye, a 31 de outubro de 1909

Meu queridísimo William:

Hai moito xa que me foron chegando misivas de todos vós, cousa que agradecín pero á que non correspondín. Primeiro, heime centrar en dúas túas que teñen un especial mérito para min (e que me enviaches desde Cambridge e Chocorua, respectivamente), sen contar as secuelas pintorescas desde Franconia, as postais con tintura outonal etc. que recibín hai non sei cantos días. Deixo á marxe tamén unha digna de admiración que me mandou Harry e outra exquisita asinada por Bill, ás cales me dedicarei máis tarde con todo o meu afecto —díllelo, que non teñan dúbida—. A iso hai que engadirlle a recepción —moito máis recentemente— do teu arriscado último libro, no cal me mergullei de inmediato e que devorei con certa ansia ata quedar a cincuenta páxinas do final —un número estupendo que marca onde me detiven esta noite—, de aí que me poña tan tarde con esta carta. Resúltame dun interesante que emociona, exultante e brillante. Admiro profundamente a túa suntuosidade e poderío. O xeito en que armas a túa defensa —pois moito me parece que é no que te centras— faime vibrar todo o que son capaz de vibrar a día de hoxe sen que haxa polo medio un motivo romántico. E a esa defensa me entrego a fondo, sen reservas e —permíteme que o diga— case que con intelixencia. Non me resultas nin de lonxe tan difícil como, de seguro, difícil llelo pos aos teus críticos. É evidente que estás gañando unha batalla importante e que importante será a fama que che reporte.

A xulgar polas túas cartas, conseguiches pasar un verán alegre e sen preocupacións. Nelas, percibo con arroubo —e espero non enganarme— unha especie de inmunoloxía comparativa entre o terrorífico íncubo humano, a espantosa falacia ad populum de antes e os teus sacrificios infrutuosos por ese demo de Moloch. Oxalá esa redención luminosa medre sen parar e, canda a ela, o teu benestar físico e persoal, a túa autonomía e o teu dominio de ti mesmo. E que sexa para ben. Amén, amén! (espero que isto non sexa motivo de burla para Alice…).

1 de novembro. Onte á noite, deixei isto e fun para a cama; agora, aproveito para engadir algún comentario máis logo dun día gris, sen vento e —vaia milagre— sen chuvia malia que o ceo estivese moito para chover, que tivo unha interrupción máis ben triste en forma de visita dunha persoíña de Nova York [que] me roubou unha ou dúas horas antes da miña colación vespertina —durante a cal contaba poder rematar The Meaning of Truth11—. Con todo, avancei moito desde a antedita merenda, e fíxeno con renovadas ansias de papalo todo.

Seguramente, ti fagas da filosofía algo moito máis interesante e vivo que ningún outro antes. E falo dun xeito verdadeiramente creativo e indestrutible, e, grazas a iso, todo canto escribes intervén na miña mísera consciencia creativa, na miña visión artística e aspiracións mediante a súa extraordinaria capacidade de provocar, a potencia da súa aplicación e a súa inspiración.  Dou grazas ao poder divino —que é como darchas a ti!— por unha filosofía oportuna, doada de asimilar e de relacionar, que estea conectada co resto da vida intelectual dun outro xeito e sen mesturar allos con bugallos. En resumo, meu querido William: paréceme que esta colección de artigos que compoñen a túa última obra —e que eu xa lera por separado antes— produce un efecto acumulativo exquisito e encantador e, por dicilo dalgunha maneira, che ha axudar a consagrarte. Pola miña banda, coido que a Pragmática queda así blindada. Un apoio que agardo que faga moito pola devandita causa!

Aínda que non me resulta menos inspirador —xa postos— o informe que inclúes na túa fermosa carta do 6 de outubro, desde Chocorua, sobre Alice e a vosa prole —en particular, sobre Bill e Peggot—, e que vén confirmar o que eu xa observara no Fillo e que bota luz sobre a Filla… Fixen o firme propósito de escribirlle a ela directamente e pregarlle que me envíe unha carta.

Ai! Douche outra vez as boas noites. Voan os meus pensamentos cara á distancia onde te atopas, batendo as ás desconsolados por acadar o obxectivo, coa esperanza de que o outono de Cambridge veña fermoso e cheo de saúde para ti. Tárdame tanto Alice que me pregunto se nalgún momento antes de que chegue o Nadal poderá facer un oquiño para que eu vexa un pouco como lle vai agora que se desafixo da escritura. Ai, se puideses saír o verán que vén o que non saíches estes dous anos…! Esta casa sería máis que nunca a túa fortaleza, o teu tempo, o teu cuartel xeral! 

Mándovos unha aperta a todos e, en particular, envíolle todo o meu cariño á señora Gibbens.12 O teu irmán que te quere máis ca ningún,

Henry James


[1] Lamb House é a casa na que Henry James viviu en Inglaterra desde 1897 ata 1916, ano da súa morte.

[2] Manton Marble foi un xornalista estadounidense. Fundou o New York World e editouno durante uns anos.

[3] No orixinal, emprégase o termo francés “raffoler”, que podería traducirse como “tolear”. Aquí, introdúcese conxugado para manter o xogo idiomático.

[4] Keene Valley é unha vila do condado de Essex, en Nova York.

[5] Nome dun célebre avogado estadounidense.

[6] No orixinal, “D. V.”

[7] En francés, tamén no orixinal. “Para min, iso é o único que conta!”

[8] Monsieur Jourdain é o protagonista da comedia de ballet de Molière Le bourgeois gentilhomme.

[9] “Exquisita, deliciosa” en alemán.

[10] Reprodúcese aquí o orixinal en francés. “Coidádeo!”

[11] Obra publicada por William James en 1909. A ela se refire Henry James cando fala dunha lectura que o ten fascinado.

[12] Refírese á súa irmá política, Alice James, de solteira Alice Howe Gibbens.

“O filósofo e o literato (2)”, por William e Henry James

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal da rúa Court con vista do edificio Ames e do Hotel Young, en Boston, ca. 1905.

Continuamos a publicación da selección de cartas entre os irmáns William e Henry James. Despois da primeira entrega (“O filósofo e o literato, 1”) formada por catro misivas do filósofo ao escritor, nesta segunda entrega publicamos outras catro cartas de William nas que opina crítica e abundantemente sobre a concepción e a práctica literaria de Henry, á que contrapón abertamente o seu xeito de escribir filosofía. Curiosamente, a última das cartas endexamais recibiu resposta, aínda que Henry James escribiu o 31 de maio de 1907 o seguinte: “Deberías recibir, despois dun pouquiño de paciencia, unha réplica ás túas ricaces e iluminadoras reflexións sobre o meu libro —unha réplica case tan interesante e bastante máis iluminadora ca a túa propia carta”.

Esta escolma da correspondencia ha rematar proximamente con tres cartas do autor dos Papeis de Aspern. A tradución fíxose a partir da edición The Letters of William James (The Atlantic Monthly Press, 1920). O emprego de puntos suspensivos sinala pasaxes que xa non aparecían recollidas na edición orixinal inglesa.


Traducidas do inglés por Uxía Felpeto como parte do Programa de Edición para Persoas Voluntarias realizado na Fundación Euseino? Tradución revisada e corrixida por Cecilia F. Santomé. Selección das cartas feita por Fernando González Gandára.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

De William a Henry James

En Chocorua, a 11 de xuño de 1896

A longa carta da túa semana de Pentecostés en Londres chegou onte pola tarde e encargueime de lérllela a Alice e Harry mentres nos dispuñamos a tomar o té sentados no banco da fiestra con tal de aproveitar os últimos raios de sol do domingo. Teimas en ver a correspondencia connosco —e imaxino que con todo o mundo— coma se fose unha obriga. Paréceme que ultimamente —e sempre— vés cumprindo de marabilla e que, por moito que as túas cartas sexan a fête rachada dos nosos días, non me tes “no pensamento” decotío. Ese permanente sentimento teu de non ser quen de cumprir coas túas obrigas éche común na familia pero non deixa de ser malsán. Os horrores de non vivir en América —como moi ben denominas— non son algo que compartamos aqueles que si vivimos aquí. O telégrafo limítase a comunicar acontecementos impactantes; os “fogares felices”, os maridos e pais exemplares, o bo tempo, os homes de negocios honrados, as casas do trinque, as reunións de compromiso que teñen lugar á súa hora e outras tantas cousas que son as que compoñen en esencia o país non aparecen nunca nas comunicacións que se mandan. Obviamente, a desfeita de St. Louis foi arrepiante pero é moi probable que acabe “mellorando” a cidade. O verdadeiro mal aquí é esa parvada de onda que se meteu na cabeza dos que mandan —ese disparate sobre proteccionismo, a prata, o jingoísmo e tal—. É un caso de “mentalidade de colmea”. Calquera país é susceptible de sufrila se as circunstancias se alían na súa contra, e abofé que as do noso o fixeron. E éche moi complicado saír deste carreiro, poida que faga falta outra crise financeira para conseguilo —un método, nin dicir ten, ben caro—. Non sería menos toleada —aínda que considerablemente menos condenable— que a rusofobia de Inglaterra, que parece estar detrás das matanzas en Armenia. E ese é para min o maior crime que se lle pode imputar á nosa “gloriosa civilización”: a complicidade de Inglaterra —xa non digo das outras forzas— é imprescindible para que os turcos sigan ao seu. 

Alugamos a nosa casiña, o inquilino vén pasadomañá. Alice, Tweedie e mais eu levamos unha semana tirando proveito dela e limpando tanto por dentro coma por fóra. Ela traballou igual ca un cabalo. Eu perdín dous días facendo un experimento psicolóxico con mescal, unha bebida embriagante que empregan algunhas comunidades indias nas súas cerimonias relixiosas —unha especie de gromo de cacto que lle subministrou o goberno dos Estados Unidos a algúns médicos, entre os que se atopa Weir Mitchell, que me fixo chegar un chisco para que o probase—. A el, tamén o mandou ao “país das marabillas”. Dáche unha visión das cores espléndida, calquera obxecto que poidas imaxinar adquire o esplendor dunha xoia nunca vista no mundo natural. Revolve algo o estómago pero —segundo di W. M.— iso é o de menos (ben sabes). Tomei un gromo hai tres días, estiven a piques de morrer durante vinte e catro horas e non tiven outro síntoma alén dese e da resaca do día seguinte. Haberá que dar por bo o asunto das visións!

Aquí, enchoupa o chan areento e non fai nada de lama. Esta casiña é unha curiosa mestura de tristeza e gozo. Da tristeza das cousas, pois cada unha delas foi feita coas nosas propias mans ou foi froito da nosa planificación á hora de renovar os mobles vellos. Non hai obxecto nesta casa que non teña conexión co pasado —os veráns de antes, a xente que morreu, a xente que non vai volver nunca etc.—; é incrible como iso lle encolle a un o corazón ao vir abrir a casa logo do seu letargo invernal.

Estiven lendo Idylle tragique, de Bourget, quen tivo o detalle de enviarmo; e, dende aquela, andei con Voïna i mir [“Guerra e paz”] de Tólstoi, que aínda non lera —cousa rara—. Direiche que, ao meu parecer, T. pásalle por riba a B. O marco moral de B. resúltame en certo sentido tan alleo, dunha obscenidade tan forzada que non semella formar parte en absoluto dun argumento de natureza moral. Logo están esas descricións súas, demasiado elaboradas, e as excesivas explicacións. Pero traen aparellados unha honestidade e entusiasmo por expresalo todo da mellor maneira posible, unha abundancia de epítetos e unha calidez que fai que che guste malia a chea de cousas impropias dun home de verdade sobre as que escribe. Entendo que en Francia os homes moi homes ocupan un estrato diferente pero —como di Rosina— el e mais eu non casamos moi ben…

Tólstoi é inmenso!

Ponme ledo que volvas estar inspirado e pretendas subir aínda máis o listón! Por principio, mantívenme á marxe da publicación por entregas da Atlantic, pois a miña intención é conseguila toda xunta. Non vou facer ningunha viaxe, non me dan os cartos para iso. Teño a oportunidade única de dar uns cursos de verán aquí polos que me pagan mil cincocentos dólares. Hei ter moito traballo o curso que vén e é moi probable que xa teña que viaxar o próximo verán. Ha ser, en todo caso, logo dun período máis propicio ca este, así que somme toute queda posposto ata novo aviso. De ir, abofé que me prestaría moito máis verte en Rye ca en Londres, que —hei de admitir— non me chama nada ultimamente. Gústame ver a cidade pero non me cadra pasar tempo alí. O único que me suxire é incomodidade e gasto de cartos… á marxe de verte a ti. Oxalá puideses ver o cómoda que puxemos por fin a nosa casa de Cambridge.

Alice, que está cosendo no cuarto mentres eu che escribo á luz da lámpada e cun bo lume bisbando na lareira, bérrame que che dea as grazas e que che mande todo o seu agarimo…

En Chocorua, a 6 de xuño de 1903

Queridísimo Henry:

A túa longa e interesante á par que emocionante carta escrita a máquina na que falas de vires chegounos onte á casa, e bulo por retractarme dos comentarios cos que pretendía disuadirte agora que coñezo a fondo os motivos. Os únicos que contemplara —medio cego como estou— eran a túa devoción fraternal e o sentido do deber patriótico. Para previrte contra esoutros, considerei que mellor sería presentarchos asociándoos á palabra “ovos” e a conmocións varias, de xeito que cando estas se producisen puidese dicirche que xa estabas avisado. Pero foi entender que o que che pide o corpo é, precisamente, esas conmocións a feixes e que o fin último e o obxectivo da túa viaxe é unha nova vida artística provisional cuxa lámpada máxica estea alimentada polo combustible do estilo de vida americano do século XX e esvaecérense todas esas miserables dúbidas miñas, substituídas polo entusiasmo de ver que aínda te sentes moi novo, receptivo e ávido de materiais en bruto e de experiencias. Dáme moitísimo ánimo e faime sentir a min tamén un pouco máis novo.

Resulta patético oírte falar tanto da túa carreira e de como vai ir costa abaixo mentres non dispoñas de material novo; o caso é que, coas sensacións que tes sobre ese novo material, auguro que has recuperar totalmente os folgos e esa efervescencia túa en canto leves a termo o proxecto. Esquece esas ideas inglesas que tes e pensa en América e nos americanos como o fan eles: sen dúbida, vivirás unha segunda mocidade. Por hoxe, non teño máis que dicirche que a devandita perspectiva nos enche de ledicia.

Agosto de 1904 marcará un excelente comezo. Apuntaríame a ir contigo ao sur —a Cuba, probablemente— pero, no tocante a California, témolles aos gastos.

Envíoche un libro conmovedor que escribiu un mulato que foi alumno meu, Du Bois, é profesor de Historia na facultade para negros de Xeorxia. Podes ler do capítulo VII ao XI para coñecer o ambiente da zona e esas cousas.

Levamos dez días nestas terras do norte. Non hai nada que empate o deleite físico de simplificar. Cada papado de aire é un pracer, por moito que a rexión estea secando por completo e os incendios a consoman. Dá mesmo vergoña estar así de ledo. Levamos cinco días cun fume tan denso que non vemos a outra beira [do lago]. Temos un peón de primeira, unha boa vaca, un cabalo xeitoso, un can, un cociñeiro, unha doncela etc. Vennos facer unha visita en agosto de 1904!

 O teu sempre afectuoso,

W. J.

Na Universidade de Stanford, a 1 de febreiro de 1906

Meu querido H.:

Verdade é que deixei pasar tempo dende a anterior vez que a ti me dirixín pero andei enfrascado en importantes angueiras e ultimamente tiven que escribir moitas cartas por cuestión de negocios, así que non me quedou tempo. A última túa era unha espléndida réplica aos meus comentarios sobre a túa “terceira vía” e nela dicías que —co estridente que é o meu gusto— para a túa cabeciña pelada sería unha deshonra que a min me chegase a gustar algo que ti escribises. Moi ben! Pois limítate a escribir para min e deixa á marxe iso de compracerme! Teño que recoñecer que en The Golden Bowl e The Wings of the Dove lograches adiantarte á moda, aínda que para iso usases un método perverso e unha extensión da que non son o único que se queixa.

Pero imos deixar iso! Permíteme que che relate tamén as miñas aventuras!

Cheguei aquí o día 8 —logo de pasar cinco días pestilentes nun tren sen ventilación e outro máis atrancado no Gran Canón do Colorado— e, polo de agora, deilles nove clases aos trescentos estudantes matriculados e aos cento cincuenta visitantes —parte deles, compañeiros—. Póñolle moito empeño, teño preparado un programa impreso e ben completiño; por primeira vez na miña vida, sinto que estou sendo un bo profesor. Non era sen tempo, logo de trinta anos de práctica! E heille sacar cinco mil dólares se dou aguantado ata o 27 de maio; fóra diso, creo que é un desperdicio de enerxía. Debería estar escribindo ese libro que levo pospoñendo unha eternidade e que, por culpa deste traballo, volve quedar adiado. Non son quen de escribir nin unha liña mentres estou facendo estoutra cousa. (A propósito: pola mañá, recibín un telegrama dese profesor Eliot preguntando se me gustaría dar clase como representante de Harvard na Universidade de Berlín durante o primeiro semestre do ano que vén. Non me deu mágoa rexeitar a oferta pero entendo que non debería rexeitar a de París caso de que ma fagan para o ano.) Está previsto que Alice veña en quince días. Teño collido outro pisiño que non está nada mal nunha das tres rúas comerciais da zona universitaria, perfecto para nós os dous —refírome a que ten equipamento abondo: unha boa cheminea na que dá o sol, un cuarto de baño, unha cociña pequena etc.—. E, tendo a pensión do outro lado para comer, ha ser coma ir de pícnic acabados de casar. Nin que dicir ten que Alice ha agradecer a simplicidade…

Ti xa viches este marabilloso lugar, así que aforro describircho. É un verdadeiro milagre, cunha forma de vida tan sinxela e un clima tan suave que non podo imaxinar un sitio máis exquisito para un profesor novo e ambicioso que pretenda deixar a súa pegada na civilización do Pacífico mentres é aínda maleable ou para calquera que queira ensinar e traballar nas condicións ideais durante oito ou nove meses e que logo poida marchar os outros tres para a costa leste ou para Europa. É utópico, cun tempo perfecto —noites frías, pero sen xeadas; o lume aguántase ben ata as dez da mañá, despois faise molesto—. Resumindo: o que se entende por “vida sinxela”, equipada con elementos básicos pero de primeira e de propiedade compartida. Claro que ten na súa contra a tremenda falta de presenza humana que hai nel —o silencio mítico resóalle a un nos oídos cando pon a orella— e o carácter eslamiado da xente. Alégrome de vir e, se Deus quere, hei saír con ben desta. De todos os xeitos, aló vai un mes xa. Cousa sabes de G. K. Chesterton? Acabo de ler o seu Heretics. Deixando á marxe o seu afectado uso da contradición, é un escritor tremendamente potente e un pensador profundo. O Kipps de Wells está ben.

 Adeus. Claro que ti quedas respirando a néboa de Londres mentres a min me envolve o máis cálido resplandor. Cóidate.

Con agarimo,

W. J.

En Salisbury, Connecticut, a 4 de maio de 1907

Meu queridísimo H.:

… tiven tanto trafego —e a montaña de lecturas pendentes medrou tanto a causa diso— que polo de agora non atopara tempo de poñerme en serio co teu “American Scene” [sic], que, por certo, me parece unha obra absolutamente xenial no seu peculiar estilo. Es ben consciente de ata que punto a túa “terceira vía” formal se opón aos ideais literarios que enchen o meu vulgar peito de estilo “orsonián”1. A miña limítase a expresar un concepto por frase da maneira máis directa posible e a tirar para adiante, mentres que a túa evita chamarlle ás cousas polo seu nome e malla alentando e suspirando arredor delas ata espertar no lector —quen, se cadra, tivo xa unha sensación similar; que Deus o asista se non foi así!— a ilusión de que se atopa diante dun obxecto físico elaborado —coma no caso da “pantasma” da Polytechnic— en exclusiva con materiais intanxibles, aire e interferencias luminosas en forma de prisma proxectadas con moito enxeño coa axuda de espellos que sobrevoan o baleiro. O caso é que o consegues, cousa estraña! E o urdido de insinuacións e de referencias veladas que ti manexas de xeito exponencial ármalle tan ben o asunto ao lector que acaba facendo que calle —limitándose a engordar o antedito proceso— esa sensación semellante que leva tendo dende o principio. Coma o aire, a forza de sumarlle volume, chegará a pesar igual que un corpo de carne e óso. Así, a vaga sensación inicial que aquel ten —envolta nas vendas dun ambiente suxestivo— vai medrando igual que un xerme ata se converter en algo inmensamente maior, con máis substancia. Éche ben curioso empregar ese método da maneira sistemática en que ti o fas. Ti saberás. Nesta época nosa, ateigada de lecturas a fume de carozo, as páxinas que esixen un nivel tal de atención quedan sen ler e pasan sen pena nin gloria. Seica non podes saltar nin unha coma para non arruinar o efecto, e dezanove de cada vinte lectores rebélanse contra iso. O método resulta perverso. E eles suplican: “Dío xa, polo amor de Deus, e morra o conto”. Eu digo o mesmo: ofrécenos algo naquel estilo teu de antes, máis directo, para demostrar que —malia o paradoxal éxito que tes con este método nunca visto polo de agora— aínda es quen de escribir segundo os canons literarios. Ofrécenos esa especie de interludio e, logo, segue sendo esa “rareza da literatura” na que te converteches. Non hai quen cha empate en canto a brillos, frases veladas e lucidos rodeos verbais, pero a esencia da literatura ha de ser sólida. Preséntanola outra vez! O aroma das cousas, en bruto, non pode soster a existencia, e ese efecto de solidez que ti consegues non é máis que aroma e finximento.

Que nin se che ocorra contestar estas observacións, pois tan só son —como dicía con frecuencia o tío Howard sobre os escritos de Pai— os arrotos peristálticos do meu organismo que se rebela. O teu relato de América corresponde maiormente ao das súas lagoas, silencios e baleiros. Modélalos coma se fosen algo físico, e falo para eses lectores que xa son quen de percibilos aínda que sexa intuitivamente. Aos outros, resúltaslles totalmente incomprensible. Ía lendo e dicindo para min: “Canto máis meritorio sería se, no canto de obcecarse dese xeito coa falla de substancia americana, fose quen de facer suxestións en positivo sobre que podemos atopar en ‘Europa’ e Asia para compensala”. Iso sería moi estimulante para unha morea de lectores americanos, cuxos espíritos están desexosos de aceptar unha boa proposta pero, a día de hoxe, carecen de experiencia para saber que significa ese efecto de contraste sobre o que se alicerza o teu libro. Se foses quen de proporcionarlles algo de contexto sobre esa oposición en termos máis positivos e xenerosos… Tal e como está, vese limitada ao termo xeográfico abstracto “Europa”. Claro que ese tipo de cousas son excesivamente complicadas e ti dirás que xa llelo dás dentro das túas novelas. Pois has de saber que eses espíritos animais e cheos de brío cos que podes seguir mantendo dunha maneira ou doutra o teu estilo en todas esas páxinas impresas son algo marabilloso, e que non me cabe dúbida de que aí hai algunha destinada á inmortalidade —como, por exemplo, as que lle dedicas aos “tamborileiros” ao comezo do capítulo “Florida”—. Son dignas de Rabelais, no mellor sentido da expresión.

Imos decretar unha tregua, veña! Cando me puxen con isto, non contaba con botarche por riba tal morea de reflexións persoais. Perdón! Perdón! E non me contestes —moito menos para defenderte—. Faino só para atacarme se cho pide o corpo. Rematei agora o borrador dun libriño titulado “Pragmatism” que poida que ata che guste ler. É unha declaración moi “sincera” e, dende o punto de vista das convencións do ensino filosófico, nada convencional aínda que en absoluto resulte orixinal; con todo, dentro da literatura sobre o pensamento en que se enmarca, posúe a dose xusta de berros e estridencias na súa voz para que o libro pida —cousa que outros non fan— que o destaquen sobre os seus iguais e chegue a ser considerado “representativo” nun futuro. De feito, non me había sorprender que en dez anos dixesen del que “marcou época”. Non teño a menor dúbida de que esa maneira de pensar será a que se impoña e estou convencido de que está á altura da reforma protestante.

Non sabes que feliz son por verme libre dese pesadelo que era a “docencia”. Sempre me sentín unha fraude na pel do “profesor”, con esa obriga que se lle marca de ser unha enciclopedia andante do saber. Agora, teño a liberdade para existir por fin; e non hai palabras —literalmente— para explicar o reconfortante que me resulta ser eu mesmo logo de trinta e cinco anos de estar nas mans doutros. Agora, podo vivir dedicado á verdade pura e simple e non á verdade feita á medida das máis peregrinas esixencias que outros marcaron…

Con agarimo,

W. J.


[1] Posible referencia a Orson Lowell, ilustrador de revistas americanas que, precisamente, acadou un suceso notable en 1907 grazas aos seus traballos para a revista Life.


“O filósofo e o literato (1)”, por William e Henry James

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal de Chinatown, en Boston, visto desde a avenida Harrison, c. 1905.

Con esta selección de cartas entre os irmáns William e Henry James continuamos esta sección dedicada á correspondencia. Desta volta, logo de publicar Dixen sen máis de Hélène Cixous, achegámonos á relación epistolar entre o filósofo William James e o escritor Henry James. Dun período que abrangue de 1867 a 1909 , propoñemos unha selección de once cartas nas que o novelista comenta a obra filosófica do seu irmán e a través das que se pode albiscar a influencia do pensamento de William na obra literaria de Harry, como chamaban familiarmente a Henry.

Nesta primeira entrega publicamos catro cartas de William James ao seu irmán Henry, correspondencia que se vai recoller nas dúas entregas sucesivas ata un total de once cartas, oito do filósofo e tres do escritor. A tradución fíxose a partir da edición The Letters of William James (The Atlantic Monthly Press, 1920). O emprego de puntos suspensivos sinala pasaxes que xa non aparecían recollidas na edición orixinal inglesa.


Traducidas do inglés por Uxía Felpeto como parte do Programa de Edición para Persoas Voluntarias realizado na Fundación Euseino? Tradución revisada e corrixida por Cecilia F. Santomé. Selección das cartas feita por Fernando González Gandára.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

De William a Henry James

En Berlín, a 26 de setembro de 1867

Benquerido ’Arry [Harry], 1

Agardo que non esteas seriamente decepcionado despois de abrir este groso sobre e decatarte de que non todo é carta propiamente dita. Primeiro, heiche explicar a natureza do documento anexo e, despois, pasarei aos asuntos persoais. O outro día, mentres estaba sentado a soas coa miña tantas veces macelada carta de crédito, laiándome da miña condición de paria e imaxinando que podería facer para gañar un xornal, veume á cabeza escribir unha notiña criticando a novela de H. Grimm2 que estiven lendo ultimamente. Ben sabes que, para min, concibir unha idea equivale a levala a cabo. E, logo de suar coma un porco durante tres días —riscando, arrincando o pelo, copiando, volvendo copiar etc. etc.—, por fin conseguín rematar o texto que che anexo. Quero que o leas e que —se despois de corrixirlle o estilo e mais as ideas coa axuda da Nai, de Alice e do Pai, e logo de escribir de novo o que faga falta, xulgas que pode chegar a interesarlle a alguén neste mundo á marxe do propio H. Grimm— llo mandes a The Nation ou a The Round Table.

Moi duro me parece gañar a vida a este prezo. O estilo non é o meu punto forte e acadar o equilibrio entre a pedantería e a vulgaridade écheme certamente difícil; pero síntome orgulloso do que fixen con só pensar nesa recompensa de dez fermosos dólares, verdes e brillantes, froito do meu esforzo, que irá parar ás arcas da familia. Como está en Suíza, non vin a Grimm aínda, mais fai gala de moita imaxinación e de elocuencia na súa obra, que segue principalmente unha liña ética; a súa novela é verdadeiramente distinguée, ao estilo das de Cherbuliez3 —malia que no lado físico e animal teña as súas tachas. Para o meu gusto, é demasiado idealista; o Pai consideraríao digno de investigación polo seu moralismo total. Semella que mamou ben de Goethe: o libro é do estilo de Wilhelm Meister ou de Die Wahlverwandtschaften [“As afinidades electivas”]. Non é que sexa o que se di sólido senón que, per contra, posúe unha gran delicadeza e unha crenza cega no valor dunha verdade que desexa acadar xusta e imparcialmente. Resumindo: liberalidade meticulosa e desleixo no que atingue aos espíritos animais… —o que, curiosamente, semella característico da xeración que está abrollando—. Mais xa falei moito del. A recensión só foi unha tarefa máis, non espertou en min nin un chisco de interese e podía aforrar pensar que fose ser d’actualité para The Nation.4 De todos os xeitos, non tiña nada mellor que facer e a algo había que dedicarse.      

Son un home novo desque cheguei aquí —e refírome tanto ao saudable ton arroibado que me recobre coma ao efecto do ambiente desta cidade na miña alma—. En Dresde, semellaba darse un serán permanente. Mentres sentaba no meu cuarto frío e escuro a contemplar pola vella fiestra as raiolas poeirentas que esvaraban pola cornixa do tellado en dirección ao fondo da rúa e a escoitar o barullo afastado do mercado e pensando que non había maneira de que aquilo non durase in secula seculorum; adoitaba ter o mesmo sentimento que me invade agora cando evoco aqueles tempos onda a avoa, en Albany. Por outra banda, aquí síntome coma na casa; seica Berlín é a cidade europea que máis imita as americanas. No meu barrio, as rúas están ben trazadas, son amplas e con árbores poeirentas e casas novas, de tellados planos e vestidas de estuco, de todas as alturas imaxinables, feas, lóbregas, de aparencia inestable. Nunha palabra: werdend. Para min, Alemaña en si ten moito que ver co noso país —e dubido moito que unha estadía máis longa me fixese mudar de opinión—. A natureza dos alemáns e mais a nosa son tan semellantes nos seus fundamentos que paga pouco a pena vir aquí. A vida está revestida dunha aparencia descolorida e desolada; no tocante á arte, aquí predomina o mesmiño convencionalismo creativo dos que deseñan as lámpadas de queroseno na nosa terra. Resumindo: nada que mereza a pena peregrinar para velo. Viaxar a Exipto, a Italia ou ao Trópico pódelle ampliar a un a súa visión sobre os límites da creación; mais, para alguén da nosa orixe, o único orixinal en Alemaña é o seu pensamento, que se pode exportar facilmente…

(Despois de cear.)

Saín a cear. Voume familiarizando cos moitos e variados restaurantes da veciñanza, dos que hei remantar escollendo un —que non ha ser o de hoxe, iso asegúrocho, pois paguei 25 Groschen5 por unha sopa, polo e patacas e os camareiros case me quitan de respirar coa súa maldita condescendencia. Ai, como suspiro por unha mesa de comedor. Canto gusto me deixa dado cear “en círculo”, claro que diso xa hai tempo. Se atopase aquí os criados honestos, floridos e aquelados que nos servían en Parker House, mantería ese costume fose cal fose o prezo. Estes lagartos meus —vestidos con traxes de segunda man coma se fosen para unha voda, insolentes e dispostos a contradicirme, prestos sempre para enganarme coas voltas— son unha peste na miña vida. Despois da cea, dei un paseo por Unter den Linden,6 polos arredores do Palacio e do Museo.7 Hai moitas estatuas —a meirande parte “ecuestres”8— e imaxinas como contribúen a darlle luminosidade a este sitio. O que dixeches do cambio das estacións resóame agora na alma. O día de hoxe é preludio do inverno e na casa foi coma se estivesemos en outubro, cun vento frío e vigorizante do noroeste acompañado dunha luz branca e das follas vermellas que caen e voan por todas partes. Espero visita de T. S. Perry9 a semana que vén. Imos compartir un gran salón e un cuarto nesta casa e poñer rumbo ás entrañas do inverno con estilo. Espero que veña rufo, pois aquí todo o mundo fala del cunha certa solemnidade…

Gustaríame que me enumerases pormenorizadamente nas túas futuras cartas os libros que liches ultimamente —”Moitos libros marabillosos, só obras boas” resulta irritantemente impreciso—. Polo que a min respecta, ao repasar o que lin desde que marchei, decátome do sumamente pouco que foi, debido —con moita probabilidade— a que o fixen en alemán. Acouguei outra vez —despois de case dous meses de libertinaxe no terreo da ficción francesa, coa compaña da fresca, libre e brillante señorita Sand; do un tanto estridente pero intrépido Balzac, por quen aumentou a miña estima, por non dicir o meu afecto; de Théophile Gautier, o bo, o do bico de ouro, que pola súa banda cativou a miña atención. E que dicir do sen parangón Erckmann-Chatrian, anfitrión de tantos e capaz de devolverlle a un a fe na deliciosa harmonía da creación… Ultimamente, ando a  ler a Diderot, as Obras escollidas, en dous volumes, que che son ben entretidas, cos seus espíritos animais e os graciosos xeitos de pensar, falar e actuar da época. Ti imaxina bater constantemente con frases tan deliciosas coma —fala da capacidade de aprendizaxe dos animais salvaxes—: “Et peut-on savoir jusqu’où l’usage des mains porterait les singes s’ils avaient le loisir comme la faculté d’inventer, et si la frayeur continuelle que leur inspirent les hommes ne les retenait dans l’abrutissement”!10 Mais debo parar aquí, pois aínda lle teño que escribir ao Pai…

Adieu, moitísimo agarimo do teu moi afecto

Wilhelm

En Newport, a 3 de xuño de 1876

Querido H.:

Escríboche logo dunha considerable paréntese chea de traballo arreo e de cansanzo —demasiado para poñerme a escribir unha carta— … Lisquei hai tres días —agora que xa remataron as clases— para distanciarme das connotacións académicas que adquiriu a miña casa. Estou cas dos Tweedies, coa señora Chapman e James Sturgis e mais a súa muller; e estanme prestando moito non tanto as conversas que mantemos alí como irme deitar nos pasteiros dos outeiros de Lyly Pond sen levar ninguén canda min e as catro ou cinco horas que pasei onte nos Dumplings11 sentindo o vento que batía e o mar vivo na súa calma. Aquí, dáse unha pureza e unha benevolencia dos elementos que limpa a alma. Estiven coma se tomase opio: sen querer facer nada máis que xusto o que estaba facendo nese intre e sentíndome igual de ben xa fose quieto, andando ou deitado, en silencio ou falando. Supón un alivio estupendo para tanta fatiga e estímulos destes últimos meses escolásticos. Pasadomañá (luns) hei ir cos Tweedies para Nova York, o martes asistirei á voda de Henrietta Temple e, despois, pasarei un par de días na Centennial.12 Supoño que será cansado pero quero ver os cadros ingleses que tanto chufan… Oxalá as miñas vacacións se limiten a visitas dunha semana a diferentes sitios; coido que sería o mellorciño xeito de pasalas. Newport, coas súas mansións e todo iso écheme repulsivo; non era consciente do pouco encanto que ten e do farrapento que resultaba ese lugar. Non hai máis de tres ou catro casas no medio de todo iso que non sexan unha ofensa á vista. Pero a apracible natureza medra día si e día tamén nun sitio. Esta tarde, se Deus quere, pasareina en Paradise.13

Os Tweedies non teñen cabalos, cousa que me obriga a andar ou pagar moito máis do que me gustaría. O máis novo dos Seabury díxome onte que estaba lendo o teu Roderick Hudson14 pero non fixo ningún [comentario].  O coronel Waring díxome do teu “americano”: “Non é que tolee por Henry James fillo pero, cando rematei o primeiro volume, díxenlle á miña muller: Por Xúpiter, creo que desta vez atinou de cheo! Tamén eu considero que comeza moi ben. Tes unha información de primeira sobre a que traballar e oxalá lle deas xeito.

As últimas cartas que mandaches á casa desprendían un recendo a contento e amansamento parisiense que daba gusto… Os teus informes sobre Iván Serguévich son deliciosos. Envexo que che deixase acceder á intimidade do pintor mozo. Transmítelle a Iván todo o meu agarimo. Lin o libro del que mandaches á casa (agora, os libros estranxeiros que veñen por correo pagan un imposto así que manda só dos bos) e —malia que a vea da “morbosidade” estea excesivamente marcada nos seus relatos, os misteriosos abismos que acada na súa caída compénsano todo. O que nos fai valorar a mente dun home é a cantidade de vida que contén, e a de Turguénief agocha unha visión duns mundos dentro doutros mundos que o común dos mortais nin sospeita que existan. Divírteme recomendarlle os seus libros á xente que fala deles coma dunha novela de Wilkie Collins. Disque pasamos por alto Daniel Deronda;15 eu considéroo tremendamente interesante. Gwendolen e o seu home son unha obra de arte tanto na súa concepción coma na súa caracterización. As súas personaxes ideais son moito máis imprecisas e sen entidade. Así e todo, a súa “sapiencia” —como ti moi ben a defines— sobrepasa os límites da decencia. Hai algo tipicamente feminino na leria descontrolada das súas reflexións morais. A que se debe que ás mulleres lles preste tanto moralizar? O home filosofa por unha cuestión de interese, porque non lle queda outra. Faino por un motivo concreto e despois déixao estar. Pero as mulleres non semellan superar o descubrimento da posesión desa facilidade; de aí a esgotadora repetición e o desacougo do comentario de George Eliot sobre a vida. Os La Farges non están. Sempre teu,

W. J.

En Cambridge, a 9 de maio de 1886

Benquerido Harry:

Collo a pluma no primeiro respiro que teño na última semana para dicirche que lin The Bostonians16 en toda a súa rabiosa extensión e que a considero unha obra exquisita. Aquela carta miña rosmándoche escribina antes de que aparecese na Atlantic o remate do Libro I e a suspensión da intriga nese punto para deixar evolucionar a relación de Olive e Verena viuse potenciada polos meses de espera entre os números da revista; de aí que a considerase a cousa máis lenta xamais escrita. Non penso volver atacar unha novela túa publicada nesa revista —só lin un número de Princess Casamassima, aínda que toda a xente que coñezo opina que é o mellor que escribiches polo de agora. Volvendo a The Bostonians: os dous últimos volumes son simplemente deliciosos. Non hai un pero que poñerlle a Verena. Fixéchela tremendamente liebenswürdig17 e sen pasarte nin quedar curto, co sinxelo que sería arruinar o retrato que dela fas excedéndote un pouco ou non a dotando de autenticidade. Abofé que a súa posición moral —entre a defensa dos dereitos da muller e Ransom— posúe fondura e o xeito en que descobre a verdade o día de Central Park e tal vénlle que nin pintado. O personaxe de Ransom —que, para min, ao primeiro carecía de vida— remata téndoa de sobra. En Washington, Hay contoume que ao Secretario Lamar18 lle encantaba. E tamén ao propio Hay, pero el é máis de Casamassima. Anéxoche unha folla dunha carta de Gurney que acabo de recibir. Xa ves que o toma en serio . E coido que, no fondo, ten razón —digamos, máis ben, que tería razón se os personaxes fosen reais—; pero, tal e como é a historia, non comparto a pexa que pon. A cousa chama máis ao saírse coa súa R. Escoito falar pouco do libro, imaxino que se está lendo menos. A cuestión sería —e aquí mesturo o que che dixen na miña carta anterior co que acabo de escribirche— a seguinte: está soberanamente ben escrito, sempre e cando un admita o procedemento empregado. Paréceme que os datos son máis ornamentais ca outra cousa pero o tratamento que deles fas é dun realismo elaboradísimo. Non me custa imaxinar esa historia recortada e transformada nunha peciña brillante e chispeante dun cento de páxinas que sería todo un éxito. Pero desenvolíchela a base de descricións e apuntamentos psicolóxicos ata case unas cincocentas —sumamente agradables para aqueles que teñen o vagar e o xenio necesario para gozar de tal cantidade de traballo preciosista aínda que perigosamente susceptibles de espantar a meirande parte dos lectores, que morren por máis acción e menos artificio—. Así e todo, pódoche dicir coa man no corazón que os dez días que pasei deitándome a lelo despois de cear foron un gozo absoluto. Figúrome que o leu máis xente doutras zonas do país alén da nosa. Mercaríano por aquilo de informarse. O xeito en que tratas esas partes sobre a paisaxe americana, Central Park, Cape etc. é deliciosamente auténtico e vai directo a espertar a emoción. Agora que sei que fixeches algo así de bo, paréceme marabillosamente ben a mansedume coa que me contestaches o verán pasado.

Non che podo escribir máis, estando saturado de traballo como estou e non tendo saúde. A primavera está a abrollar que dá gusto —as árbores xa botaron a metade da folla e van vindo os ventos serodios do leste, brancos e luminosos. Na casa, estamos ben…

Non te alarmes polos conflitos laborais que hai por aquí. Estou convencido de que representan unha fase evolutiva máis que saudable —un pouco custosa, iso si, pero normal— e que, ao final, han ser moi positivos para todas as partes. Non falo da revolta sen xeito que houbo en Chicago e que nada ten que ver cos Knight of Labor19 senón cunha morea de alemáns e polacos que están da cabeza. Divírtenme os telegramas que anuncian que os xornais ingleses falan dela coma a nova capital antiGladstone.20 Todos os irlandeses implicados ou están no lado das vítimas mortais ou no dos policías feridos. A case totalidade dos anarquistas vén do continente.

Afectuosamente,

W. J.

En Cambridge, a 12 de abril de 1887

Benquerido Harry:

… volvín onte de pasar cinco días no meu retiro silvano do lago Chocorua, onde fun ver de axeitar as instalacións de cara ao verán. O inverno trouxo unha cantidade excepcional de neve en todo o que non é a costa e, cando cheguei, atopei máis dun metro de neve no chan e arredor de dous alí onde se amontoara. Antonte, fixo unha calor coma de verán e fun dar un bo paseo en mangas de camisa. Onde se me afundía a codia da neve endurecida, tiven que cruzar por ela igual —e dábame por riba da perna—. Foi unha combinación estraña e non moi agradable que digamos. O manto de neve impide que as camadas profundas do chan se conxelen, polo que aos poucos días de irse a neve, a terra barrenta xa está seca e a primavera comeza en todo o seu esplendor. Probei a usar botas para a neve pero non me daban soltura. Na zona do bosque, andaban facendo xarope de pradairo. Estiven comodísimo no hotel que hai alí cerca, de cuxo estupendo dono —e aínda máis da súa dona— son moi amigo. Deixei apousar os fumes do meu cerebro rebordante de coñecemento e, cambiando de tema, xa sorrío pensando na fachenda de Grecia e Roma desde as alturas na miña casa de New Hampshire. Moito me dá que o custo final do traballo vai estar máis preto dos 2000 dólares que dos 800. Bo é que imos ter dez cuartos grandes —dous dos cales van ser de sete por sete metros— e tres pequenos —sen contar a cociña, as despensas etc. Así que, se che presta un pouco de alegría da boa, nada sofisticada e sen aperturas, máis che vale vir pasar connosco os veráns. Ben vexo que se che revolve o corpo só con pensalo, así que morra o conto. Pero teño unha idea fixa sobre o teu futuro e é que un día a pluma deixará de serche útil para gañar a vida e, non tendo outra fonte de ingresos, has volver vivir comigo coma o fillo pródigo. Decataraste entón de que cunha pila de leña do tamaño dunha casa corrente, cunha cheminea de algo máis dun metro de largo e co noso sol americano bañando o piso, o inverno de New Hampshire é mesmo soportable. Cunha casa xa montada, douscentos ou trescentos dólares anuais ben lle chegan a un home para vivir con comodidade en Tamworth Iron Works, que é como se chama o noso concello. Pero non digo máis, que a miña vulgaridade xa che está a dar arrepíos…

As clases na facultade comezan mañá, durarán sete semanas. Nunca me custou tan pouco sacar o traballo adiante coma este ano e teño pensado escribir dous capítulos máis de psicoloxía antes das vacacións. Levo dous terzos feitos desta obra eterna. A ti, que sacas dous libros ao ano, a miña lentitude débeche de parecer unha cousa desprezable pero a cuestión é que —á marxe doutros impedimentos— a “ciencia” atópase nunha fase de tal confusión e imperfección que con cada parágrafo xorde un novo imprevisto; a miúdo, paso semanas atoado nun punto que nun principio non me parecera para nada conflitivo. O eido universitario norteamericano vai por este camiño. En cousa de catro meses, publicáronse aquí tres traballos de primeira, tanto polo que amosan como pola súa orixinalidade. Co de Stanley Hall21 e mais co meu, xa serán cinco. Mentres tanto, en Inglaterra non fan moito. Os únicos investigadores que seica están ao día son eses  “investigadores físicos” …


  1. Supresión da aspiración inicial do nome. Seguramente, unha brincadeira entre os dous irmáns. ↩︎
  2. Herman Grimm foi un escritor e académico alemán, fillo dun dos irmáns Grimm. ↩︎
  3. Escritor francés famoso polas súas obras de fantasía. ↩︎
  4. A recensión á que se refire publicouse no volume V de The Nation, páxina 432, co título “Unha novela americo-alemá”. ↩︎
  5. Moeda empregada durante o Medievo e a Idade Moderna en varios países europeos coma Francia e Prusia, actualmente só se usa en Polonia. En Alemaña, deixouse de usar en 1873; ten un valor estimado de 0,061355 euros. ↩︎
  6. Orixinalmente, William James escribiu “under of the Linden”, traducindo a medias o nome do paseo berlinés ao que se refire. ↩︎
  7. O autor non especifica se se trata do Palacio de Belleuve, do de Charlottenburg ou do Palacio Vello, que agora é a facultade de Dereito. O mesmo pasa co Museo. ↩︎
  8. No orixinal, entre comiñas. Quizais se refería a que en Unter den Linden non só se observan figuras ilustres montadas a cabalo senón que tamén hai xente paseando a cabalo. ↩︎
  9. Refírese a Thomas Sergeant Perry, editor, tradutor, crítico e historiador literario estadounidense colega de Henry James. ↩︎
  10. “E pódese saber a onde levaría aos simios o uso das mans se tivesen tanto vagar coma inventiva e se o terror continuo ao que os someten os seres humanos non perpetuase neles o estado de embrutecemento?” ↩︎
  11. Zona esgrevia que se estende cara ao sur ao longo da liña da costa desde a vila de Jamestown, na illa de Conanicut (baía de Narragansett, Rhode Island, EUA). Orixinalmente, o nome referíase ás rochas enormes e con forma de bólas que bordeaban o mar na parte sueste da illa. ↩︎
  12. Refírese á Centennial International Exhibition de 1876, a primeira feira internacional oficial que tivo lugar nos Estados Unidos. Celebrouse en Filadelfia, Pensylvania, entre o 10 de maio e o 10 de novembro dese ano, co gallo do centenario da sinatura da Declaración de Independencia. ↩︎
  13. Outeiro fragoso preto de Newport. William James fai aquí un xogo de palabras (o topónimo inglés significa “paraíso”) para subliñar o carácter bucólico do lugar.  ↩︎
  14. Novela de Henry James publicada entre xaneiro e decembro de 1875 como unha serie en The Atlantic Monthly. ↩︎
  15. Novela de George Eliot, a derradeira que escribiu completa. Publicouse en 1876. ↩︎
  16. Novela de Henry James publicada orixinalmente por entregas en The Century Magazine entre os anos 1885 e 1886. En xaneiro deste último ano, apareceu xa como libro. Se cadra foi iso o que impulsou a William James a lela uns meses más tarde. ↩︎
  17. En alemán, “amable”, “adorable”, “bondadosa”. ↩︎
  18. Lucius Quintus Cincinnatus Lamar II, Secretario de Interior entre 1885 e 1888, sendo presidente dos EUA Grover Cleveland. ↩︎
  19. A Noble and Holy Order of the Knights of Labor (a Nobre e Santa Orde dos Cabaleiros do Traballo) foi unha organización de defensa dos dereitos dos obreiros na época presindical que estivo activa nos EUA entre 1869 e 1949. ↩︎
  20. William Gladstone foi un célebre estadista británico da época vitoriana e un dos primeiros ministros máis importantes do país. Aquí, William James fai referencia á actuación de Gladstone cando Parnell e os nacionalistas irlandeses irromperon no Parlamento de Westminster con oitenta deputados. Para poñer fin á violencia descontrolada nas rúas, Gladstone ofreceulles a Home Rule (1886), que establecía un parlamento autónomo en Irlanda.  ↩︎
  21. Granville Stanley Hall, psicólogo e educador estadounidense. Obtivo o primeiro doutoramento en psicoloxía concedido no seu país. Os seus estudos centráronse no desenvolvemento da vida humana e na teoría evolutiva. ↩︎

“Dixen sen máis (e 3)”, por Hélène Cixous

A Carta Postal

Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […]
Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura.
—Jacques Derrida—


Tarxeta postal (1900-1905), por Arsène Cadiou

Coa terceira e cuarta das súas cartas, rematamos a colaboración de Hélène Cixous nesta sección dedicada á correspondencia. Como diciamos nas entregas anteriores, partimos da idea de que toda correspondencia é de todo o mundo para todo o mundo, comeza e remata aí, na súa propia literalidade, non no suxeito que a escribe nin naquela persoa á que vai destinada. Pódea ler calquera, está fóra de si, no mundo.

Nestas dúas cartas derradeiras, Hélène Cixous preguntáse polo senso das cousas. Nunha situación de excepción, a filósofa e literata recorre á imaxe dun Berro que a esperta en plena noite. Ese mesmo son que as demais persoas tamén puidemos oír, de aí o título desta carta: “Coma todo o mundo”.

Oímos o mundo: “Un Descoñecido pero non de todo.” O suxeito saíu do seu encapsulamento e fíxoo, paradoxalmente, ao se ver obrigado a encapsularse por decreto. Unha carta breve —para un longo adeus—, esta xa de 2021, pon o ramo a esta correspondencia sen a deter. A correspondencia é a de todo o mundo con todo o mundo, a que se detén mais non para definitivamente.

Tradución do francés e notas de Cecilia F. Santomé.


Agradecemos especialmente a Hélène Cixous a súa xentilexa e xenerosidade por permitirnos dar a coñecer estas cartas.


Sección coordinada e editada por Cecilia F. Santomé

“Coma todo o mundo”, por Hélène Cixous

Seica escribín: “Todo o que se abre ten algo que dicir”, segundo me di ao teléfono Cécile M. o 2 de abril de 2020. Sería en Hyperrêve, puntualiza Cécile. E eu subliño: se lle poño a data de hoxe a este enunciado modesto é por prendelo con alfinetes ao seu sitio efémero neste tempo van van1 que cae salvaxemente de cu día tras día, coma un trapecista que, polo gordo dun pelo, erra no salto cara á randeeira.

“Todo o que se abre, mesmo unha maleta, ten algo que dicir”, engade Cécile-ao-teléfono. Pensa —ou agarda— que eu teña algo que dicir sobre o que ela denomina o “Acontecemento”, a falta de algo mellor. E eu certifico que: non teño maleta (saín tan ás présas, levantei o voo en dúas horas, dous gatos, dous bolsos, sen pensamento, sen escritura, sen exemplo).

(Tempo despois, ou un pouco máis tarde, cando o pensamento saíu con cautela do seu silencio, viu como se despregaba en forma de siluetas animadas sobre o fondo crepuscular da memoria a ancestral e máxica escena do éxodo, un dos contos de fadas que Omi, a miña avoa alemá, me contaba cando eu tiña catro anos, na década de 1940; todo o mundo marchaba cos macutos ao lombo, e, a min, preocupábanme os gatos.)

Volvamos á maleta:

Estou autodesvalixada. Nada que dicir que poida atinxir a resistencia da escritura. Nada onde a escritura poida estender a súa alfombra mentres se tece unha frase. Nada onde.

E a experiencia salvadoramente humillante: agora, calquera escrito perde o seu esplendor, o seu valor, a súa razón, sobre todo, o propio día da súa emisión. Pensamento? Caducado. Os complementos e os adverbios de tempo reciben un bo golpe. Só queda en pé “agora”. Porque é un indicador da enunciación, di a miña filla. Todas as condicións necesarias e naturais para a cristalización, aínda que sexa rápida, ou para a maduración dunha páxina, dunha reflexión, foron momentaneizadas, pulverizadas.

Iso non quere dicir que non escriba. A máquina escritora está en modo instintivo pero sen nada que dicir; é coma se me asoase: nada que se poida compartir.

A porción necesaria de irresponsabilidade que lle garante á autora a oportunidade de escribir foime confiscada. Baixo o peso dunha responsabilidade que paira sobre a miña cabeza coma unha condena ao desterro nunha peza de Shakespeare. Que abatemento!

Expúlsanme. Coma a todo o mundo. Expúlsanme do mundo e de min. Coma a todos e cada un de nós. Todos perdemos o que se abre. Todos baixo chave. E non só todos os recluídos sobre os que viñamos camiñando ata onte mesmo, non só as recluídas de sempre. Todos e todas as todas e os todos. Todos os que tosen dun xeito ou doutro: de verdade, por imitación, por ansiedade. Todos, medo. Onde estamos? No corredor, todos. Nunca fomos tan parellos; nós, os milleiros.

O “Acontecemento”, sopra Cécile.

Doce, paciente, confiada, Cécile esboza unha palabra que me podería espertar.

“O Acontecemento, o pensamento de Jacques Derrida”, tentea Cécile; H., inmóbil, pensa: “Non ten cabida aquí o pensador do Descoñecido, que é cousa da impensabilidade deste Acontecemento”.

Estoutro non o coñeceu Jacques Derrida; el non pode imaxinar este Acontecemento, o que ten de acontecemento este Acontecemento é que non é humano. Sobrepasa, pasa-sobre.

Sen nada que dicir, calo. Coma todo o mundo. Nós, pobres seres humanos, xa non podemos deixar de falar sen dicir nada. O Ano do Lento Silencio Interior.

O peor que nos acontece nesta intolerable crueldade, o que nunca se lle inflixira aínda aos chamados “mortais” é a abolición do dereito humano á súa morte, á súa derradeira escena.

Non poder morrer coa morte dun, cun capítulo final, canda os seus, é un suplicio que só argallaran os demos do século XX. Aqueles demos eran homes pero neste caso non hai nada que dicir: os demos non (nos) falan.

O único que queda é berrar. É todo canto está na miña man.

Podo falar cun Berro. Ese Berro aconteceu na noite do 2 ao 3 de abril de 2020. Interésame especialmente describir ese Berro. Nunca escoitara un Berro tal. Estaba durmindo. Ou seica non. Lembro que entrara nun cuarto pequeno sen nada particular, non sei onde —iso non importa; pero, que facía alí?—. Deume polo menos tempo a sorprenderme, a inquietarme, a facerme preguntas? Non, pois nese mesmo intre produciuse unha explosión. O ouveo partiu do meu corpo coa forza dun proxectil. Espertoume á bruta, coma se fose un ataque.

—Que foi ese berro?, dixo a forma da miña filla en camisón á porta do meu cuarto.

Díxenlle ás présas: “Un pesadelo”, para que quedase tranquila.

—Foi moi agudo, contestou a miña filla.

E eu xustifícome: se ese Berro berrou foi por causa da violencia enxordecedora do Berro. Iso foi o que me espertou. Ese Berro deume medo. Berrei.

—Houbo un Berro grande e logo unha especie de berro menor, dixo a miña filla.

—A que hora se botou fóra ese berro?, dixen eu.

—Algo antes da medianoite, dixo a miña filla.

A miña filla e mais eu demos volta arredor do Berro. Tiñamos medo.

—Isto vén confirmar o estado de excepción mental no que me atopo. Coma todo o mundo.

—Era un golpe de teléfono estridente no medio da noite. Un golpe, dixo a miña filla, de

—Espertoume, dixen eu, e, así e todo, non o escoitei.

—Viña de ti. Non o entendín.

—A esas horas, unha non pensa con claridade. Iso dixemos.

—Era un berro bastante forte. E era agudo, iso deixoume impresionada. Non era o teu rexistro habitual. Creouse un decorado, coma nun dos contos extraordinarios de Poe. Non era un berro xubiloso, fíxome erguer. Un miaño estridente, conta a miña filla.

—Entrei nun cuarto pequeno, un cuarto inexistente, díxenlle. Se puidese pensar, diría: unha pequena trampa. Había porta? Non. Fiestra? Non. Ao baleiro. Fóra do tempo. Entón é

Alguén

Un home           ao xeito

Un Descoñecido pero non de todo

Era o meu terceiro medo desde o comezo. Nos dous primeiros, tivera medo por e de alguén próximo. Tremera. Batera comigo unha Vertixe. Amparárase de min entón o medo por duplicado: o medo e o medo de ter medo e, xa que logo, a vertixe. Esta era diferente.

—É terrible sentir que recoñeces un descoñecido, dixen.

Recoñeces alguén que nunca viches pero que debiches de “ver” hai mil anos, antes da túa era. Antes da era.

O verdadeiramente terrible era crer recoñecer que o home estaba composto duns cantos homes, entre os que ti crías recoñecer un ou dous, mais que preferirías non coñecer nunca ningún. O home —vino eu— era a hostilidade personificada, era o inimigo. Bastante novo —antano, dirían que “no mellor da vida”, na plena violencia do home. Na homeviolencia—.

O que me aterrou realmente foi que era un aparecido. Pero non unha Pantasma, non era o rei asasinado. Nada de armadura. Máis ben, un atavío clásico, do século XX, talle de 1 metro e 75 centímetros, rostro común e impasible, de pel bastante bronceada, lonxe da palidez. Non era un morto. Era alguén que estaba vivo. E era a morte. Un home vivo e enteiro. Ollaba para min. Eu mirei para el. Coa sacudida do recoñecemento, botouse fóra o Berro.

Nas horas que viñeron tras a medianoite, repasei pouco a pouco todos os elementos da escena do soño dun xeito lúcido, traducíndoos.

Aquel home era unha síntese das Hostilidades. É polimorfo. Tempo atrás, infestoume. Unha non se ceiba del por completo, endexamais. Pode facelo recuar, manténdoo na zona dos refugallos. Iso reteno.

Debía de ser o Virus, dixen.

Non me atrevera a pensar niso. Polo de agora, botara instintivamente fóra a palabra do meu cerebro.

—Poder pegar berros non é mala cousa, dixo a miña filla.

—Sabes como se titula o meu texto?, díxenlle.

—Cal texto?

—O que non escribín, dixen eu.

—”Virus”?

—Non, dixen.

“Coma todo o mundo.”

Díxenlle a Cécile: non son quen de escribir. Ademais, sinto que non debo escribir ese texto. Coma todo o mundo.

4 de abril de 2020

Hélène Cixous

canda Anne Emmanuelle Berger

17 de marzo de 2021

Amigo/-a/-s:

O 10 de abril terá lugar o noso derradeiro seminario —cando menos, no formato e na tradición que a Maison Heinrich Heine nos garantira durante ben anos—. Acáboo de saber. A nova foime revelada hai uns días coma un “acontecemento”. Pasei un tempo remoendo e machicando a cousa e as súas consecuencias —para vós, para min, para nós—, buscando a maneira de responder a este imprevisto que semellaba, accidentalmente, unha cartiña do Virus.

Pensei nunha ducia de escenarios. Velaquí un deles: quizais sexa un sinal do Destino, que me di: “Hélène, non che faría mal parar. É tarde, é hora”. Outro: “Así é a morte, logo? Ai!” Pois non, sigamos. Outro: … etc.

Finalmente, cheguei a estoutro: en principio, o 10 de abril imos parar. Valeranos de aniversario. Deixamos pasar uns meses. Despois, en resposta ao convite do CIPH2 —que, desde 1983, non perdeu folgos—, poderiamos retomalo de cara á volta ás clases do 2021-2022. Iso dános tres sesións. Así sexa. O que descoñezo é que formato nos deparan os Acontecementos Inventados polo Virus. Rezoomarannos ou liberarannos? En que illa nos van guindar en tanto que náufragos sobreviventes? Neste día, 17 de marzo, un ano máis tarde da declaración de guerra de 2020, o que (me) (nos) propoño é un programa de catro ou cinco sesións en 2021-2022. Veriámonos cada dous meses, aproximadamente. Iso permitiríame replicar os Ruídos do mundo. Que vos parece?

Tendes marxe dabondo para transmitirme as vosas primeiras impresións.

Nestes tempos, estráñovos moito. Os vosos rostros, os vosos sorrisos, as vosas voces. Non quero rematar sen vos volver a ver.

A vosa Hélène Cixous


1 Malia non ser a tradución máis acaída para o francés “vain vain”, propoñemos esta para conservar a sonoridade do sintagma de partida, moi próximo a unha onomatopea.

2 Collège International de Philosophie, fundado en 1983 en París por iniciativa de François Châtelet, Jacques Derrida, Jean-Pierre Faye e Dominique Lecourt. Seguindo o modelo das universidades abertas, organiza ao longo do ano seminarios, coloquios, conferencias e xornadas de estudo para fomentar o pensamento filosófico.