Proximamente, en Euseino? Social

  • Encontro arredor do libro
    Tempo de correspondencia, de Xesús Fraga e Xerardo Quintiá

    24 de marzo, martes, ás 20 horas, na sede da Fundación Euseino?,
    Rúa de México 37, Vigo.

    Os autores han estar na compaña de Fran Alonso, escritor e director de Edicións Xerais.

    Entrada libre

    Talvez o noso maior acto de xenerosidade co resto das persoas sexa estarmos dispostos a comprender; mais para iso é preciso comunicar. Estas cartas representan a posibilidade de darse, de entenderse, e esgazan o espírito dogmático do nihilismo moderno.

    Edicións Xerais de Galicia, Narrativa

    144 páxs. 17,50 euros

    Ao dispor das persoas lectoras exemplares do libro para compra e para consulta.

  • Conversa sobre o álbum
    A nena de xeo, de Anxos Sumai

    Ilustracións de Minia Regos

    26 de febreiro, xoves, ás 19’30 horas, na sede da Fundación Euseino?,
    Rúa de México 37, Vigo.

    A autora ha estar na compaña da editora Beatriz Fraga e da lectora Ana L. García Álvarez.

    Entrada libre

    O regreso de Anxos Sumai á literatura cunha obra nova. A autora de Anxos da gardaAsí nacen as baleas (Premio Repsol e Premio San Clemente, 2007) e A lúa da colleita (Premio García Barros, 2013), vólvenos engaiolar cun mundo narrativo inimitable. Coas asombrosas ilustracións de Minia Regos. Un álbum para mirar devagar, agardar a que se derreta nas mans… e deixar que rexurda na memoria.

    Euseino? Editores, col. Onocrótalo
    Impreso en cor, tapa dura,
    48 páxs. 19 euros

    Ao dispor das persoas lectoras para compra e consulta.

Homenaxe a Cataluña

A Literatura Catalá, en Euseino? Social

Mercè Rodoreda e “A praza do Diamante”

Co acto que se celebra o día 20 de novembro coa intervención de Pilar Vilaboi, tradutora da novela de Mercè Rodoreda, do escritor Carlos Meixide, editor de Rodolfo e Priscila, e da editora Laura Molinos, da Fundación Euseino?, queremos facer unha homenaxe á autora de A praza do Diamante e, ao tempo, lembrar a presenza entre nós da Literatura e a cultura catalás.


Traducida por Pilar Vilaboi, a novela “A praza do Diamante”, de Mercè Rodoreda, publicouna en galego Edicións Positivas en 1995 e, recentemente, Rodolfo e Priscila nunha edición revisada. 

A Fundación Euseino? ten a honra de acollela o día 20 de novembro nun acto co que queremos celebrar tamén a presenza entre nós da cultura e a lingua catalás. Galego e catalán, dous idiomas e dúas culturas non imperialistas que se relacionan en pé de igualdade.

O galego forma parte dunha polifonía, a do grupo dos idiomas romances. Con idéntica consideración para o italiano ca para o catalán. Non quixeron formar parte desa polifonía o portugués nin o castelán impostos nas colonias, entre elas o noso país. Trátase, daquela, de recoñecer unha polifonía que non precisa ter variante áurea ningunha, tampouco peso cultural nin demográfico; porque temos a levidade que Italo Calvino pedía para a literatura. Somos menores, coma Franz Kafka fronte ao pai, respecto do latín. Somos idiomas continxentes, non dogmas eternos.

A filoloxía románica é a do galego independente e intersticial, impropio coma a metamorfose dos idiomas, coma o Ibis de Ovidio e o escornabois de Kafka; en resumo, o idioma dunha literatura menor, a da literalidade, non a lingua da literatura imperial dos idiomas áureos e colonizadores.

Por iso queremos facer aquí, co gallo da reedición da obra de Mercè Rodoreda, a nosa humilde mais orgullosa Homenaxe a Cataluña.

Jacob Rogers traduce ¨Ninguén queda”

A obra de Brais Lamela, publicada en inglés por Bullaun Press

Presentouse cun coloquio arredor de “Ninguén queda” / “What Remains”

Ás 20 horas do día 16 de outubro, xoves, na sede da Fundación Euseino? en Vigo celebrouse un coloquio con Jacob Rogers, tradutor de Ninguén queda para o inglés, e con Brais Lamela, que interviu por videoconferencia desde os EUA. Presentou o acto, Yaiza López Vilas, coord. de Euseino? Social.

O motivo deste encontro é a publicación da tradución inglesa, titulada What Remains (Bullaun Press), da obra que en 2022 publicou Euseino? Editores na súa colección Rúa do Lagarto e que acadou, entre outras distincións, o Premio da Crítica e unha recepción moi favorable das persoas lectoras.

Con este acto tamén quixemos agradecer o extraordinario labor de Jacob Rogers como tradutor e defensor da literatura galega no ámbito anglosaxón, ao tempo que se reflexionou sobre o papel das traducións e, singularmente, das relacións entre literaturas. Coa axuda do tradutor e de Brais Lamela, que tamén coñece moi ben o ámbito da literatura anglosaxoa, achegámonos a algúns pormenores da tradución inglesa, como por exemplo a escolla do título, para intentar albiscar o que na tradución queda da obra orixinal ou, mellor aínda, de que xeito unha lingua allea a unha obra literaria a pode reflectir para dirixila así ás persoas que len noutro idioma.

Se a obra literaria existe na súa literalidade, de aí a función histórica da filoloxía na restitución e recuperación dos textos fieis á edición orixinal, ¿que queda dela cando a lemos noutro idioma, cando é “outra opinión” (alodoxia) a que a transforma?

Solicitar exemplares da tradución para o inglés na ligazón:
What Remains