Nova canle videográfica de Euseino? Social

Iníciase cun vídeoensaio sobre “Eu son o monte”, de Sara Guerrero

Logo de varios meses de traballo, inauguramos a Canle Videográfica de Euseino? Social en YouTube como resultado da participación da Fundación Euseino? no programa de Google para Organizacións Non Lucrativas.

Iniciamos esta nova xeira para continuar coa difusión das tres liñas nas que Euseino? desenvolve o seu labor como organización non lucrativa independente: as actividades organizadas por Euseino? Social, os fondos de documentación autorial do Arquivo Euseino? e as publicacións de Euseino? Editores.

Facémolo cun vídeo arredor dun dos títulos publicados recentemente, Eu son o monte, de Sara Guerrero. Presentado e realizado por Andrew F. Pardo como parte do Programa para Persoas Voluntarias, este vídeoensaio recrea, mediante a combinación da imaxe e a palabra, as suxestións que un libro ao tempo fami­liar e inhóspito provoca.

Non se pretende substituír a lectura, a finalidade é incitar a ler a obra mediante a alternancia de fotogramas, lectura oral de pasaxes narrativas e unha conversa coa autora que permite acceder ás diversas camadas da literalidade do libro para botar unha nova luz sobre as zonas opacas e pouco observadas do mundo rural galego.

O impulso suxestivo, inmediato e simultaneamente reflexivo da literatura, reconcíliase co dinamismo das imaxes, co ton e a forma de articular as palabras de Sara Guerrero mentres le fragmentos da súa obra. Do mesmo xeito que na obra narrativa a vitalidade natural e os seres humanos se igualan entre si e co mundo ambiente, neste vídeo as imaxes parecen escribirse como nun palimpsesto, entre as liñas do libro.

A canle videográfica de Euseino? Social inclúe tamén outros tres vídeos nos que se sintetiza o coloquio que co tradutor norteamericano Jacob Rogers mantivo a escritora Berta Dávila en marzo de 2023; a presentación do poemario Intimidación, do colectivo Maiakovski, en setembro de 2022, no que participaron Inma Otero Varela, Fran Alonso, Xerardo Quintiá e Mariña Pérez Rei. Ademais do diálogo entre Arantza Portabales e Berta Dávila realizado dentro da serie “Duelistas” en outubro de 2021, diálogo co que se iniciaron as actividades de Euseino? Social.

A canle vai continuar publicando novos vídeos grazas á colaboración das persoas voluntarias da Fundación Euseino? e ás persoas que participan nas actividades.

“What Remains”

En xuño, a tradución inglesa de “Ninguén queda”, de Brais Lamela

No próximo mes de xuño, a editorial norteamericana Lost River Press vai publicar a tradución para o inglés de Ninguén queda, a obra de Brais Lamela publicada por Euseino? Editores en 2022.

De esda. a dta. e de arriba a abaixo: cuberta da tradución inglesa de Ninguén queda, Brais Lamela nas dependencias de Euseino? Editores, cuberta da edición orixinal galega, Jacob Rogers e Berta Dávila durante o coloquio co tradutor na sede da Fundación Euseino?

Traducida por Jacob Rogers co título de “What Remains” e publicada por unha editorial que ten como obxectivo “transformar a cultura mediante a creación dunha alternativa seria e eficaz ao sistema editorial establecido”, Lost River Press sitúase nunha liña editorial independente moi proxima da que Euseino? Editores defende.

Fronte á “corrente editorial dominante, que satura os andeis mentres soamente promove o que xa é abondo coñecido”, a editorial que encabeza Nicole Rudick, anteriormente editora en The Paris ReviewArtforum, e Bookforum, declara que as persoas lectoras tamén merecen poder atopar outro tipo de libros; eses son os libros que busca publicar, as obras escritas cun alento fóra do común, que cómpre facer accesibles de tal xeito que o oficio de editar se converte no de favorecer un ámbito de creación e reflexión, un lugar para as persoas que escriben e len.

Para difundir o seu labor como tradutor de literatura galega nos EUA, en marzo de 2023, a Fundación Euseino? organizou un coloquio con Jacob Rogers co título de “A literatura e as súas metamorfoses. Obxecto literario e transformación”, encontro moderado por Berta Dávila no que se levou a cabo un debate arredor da concepción da literatura e das súas metamorfoses, centrado na narrativa e na poesía actuais nos países anglosaxóns, na súa relación —espuria ou non— coa publicada no século XX.

Jacob Rogers obtivo o PEN/Heim Translation Fund Grant en 2020. A súa obra publícase en Arkansas InternationalEpiphanyKenyon Review OnlineBest European FictionAsymptoteNashville Review e Your Impossible Voice, entre outras revistas. Publicou a tradución The Last Days of Terranova (Archipelago Books, 2022), de Manuel Rivas.

O Club de Escritura remata a temporada

A próxima xeira de sesións hase iniciar o 1 de setembro

Este sábado, día 17, remataron as actividades do Club de Escritura da Fundación Euseino?, que se han reiniciar o vindeiro 1 de setembro.

Ao remate desta última sesión, o seu director, o novelista Xosé Monteagudo, fixo un balance moi positivo das sesións do Club desenvolvidas de setembro de 2022 a xuño deste ano. Pola súa banda, Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?, agradeceu ás persoas asistentes a constancia e bo facer na práctica da escritura literaria narrativa e salientou a importancia que para a Fundación Euseino? ten a súa participación nas actividades do Club, que representa unha parte fundamental de Euseino? Social ao conseguir que, efectivamente, a sede da Fundación en Vigo se converta no “lugar de encontro para as persoas que escriben e len”.

Mediante a práctica de diferentes técnicas narrativas e coa escritura de orixinais que son valorados e comentados polo novelista Xosé Monteagudo, este Club de Escritura ten como finalidade que as persoas participantes nel descubran e perfeccionen o seu estilo literario, permitíndolles acadar a seguridade necesaria para tirar a máxima eficacia ao seu talento narrativo.

Baseado na participación en grupos reducidos. Con xuntanzas presenciais unha vez ao mes (sábado, ás 10 horas da mañá) que teñen lugar na sede da Fundación Euseino? en Vigo. Complementadas con recursos e permanente contacto informático entre os membros de cada grupo e co coordinador.

A próxima temporada de sesións hase iniciar o vindeiro 1 de setembro. Para a inscrición, na que teñen preferencia as persoas que xa participaron esta temporada, calquera outra persoa interesada pode consultar a ligazón