Dous poemas de W. H. Auden

Estes dous poemas de W. H. Auden, traducidos do inglés por Carlos Lema, publícanse con carácter esexético e interpretativo, tal como se deixa constancia no artigo que remite a eles: “Autoridade e música poética, e 2”.

A lei oculta

A lei oculta non nega, necesidade non ten,
As leis do que se pode probar ben,
Mais colle o átomo e un estelar aparato,
Ao ser humano faille tamén retrato
E se mentimos non di nin ren.

Esa é a única razón por que
Os gobernos non codifican o que
Definición ningunha exemplifica,
Iso a lei oculta significa.

Nada vai tentar se perdemos o norte
Nin coa súa paciencia nos ha librar da morte;
Se nun coche nós lle escapar
Ou dela nos esquecemos nun bar,
Así nos vai castigar a sorte
Da lei oculta que nada ten que ocultar.

Na lei coma no amor

Falan os xardineiros que o sol é a lei,
A única lei
Que cada xardineiro obedece
Hoxe, onte e mañá, cando amañece.

Que dos devanceiros a lei é a ciencia,
Dos impotentes avós a rosmaren a consciencia
Cando o neto anoxado a lingua afía
Porque a lei na mocidade confía.

Que a lei, di o crego con ollada clerical,
No sermón ante xente nada fiel,
Son as verbas dun libro parroquial,
Que a lei é un púlpito e un chapitel.
Que a lei, di o xuíz ao mirar desde o seu nariz,
Falando aberto e con saña,
É o que xa vos dixen de cór,
E haina que explicar máis unha vez, por-
Que a lei é a lei, sempre gaña.

Contra o que o sabido e sometido argalla,
Dicir que a lei non ten razón nin falla,
Que a lei os crimes só condena
en todo lugar e época cunha pena,
Que sempre e onde calla
É a roupa que o home leva vestida,
A lei é saúdo e é despedida.

Seica a lei é o noso Fado;
Seica a lei é o noso Estado;
Non hai,
Seica, xa lei.
A lei, ¿onde vai?

Pois sempre berra alto a masa,
Moi alto e con moita brasa,
Que a lei nós somos
E, sempre, o pobre parvo e eu pobriños fomos.

Se nós sabemos que xa non sabemos, meu rei,
Máis ca eles sobre a lei.
Se tanto ti coma min sabemos
O que facer debemos ou non debemos
Agás, conformes co contrato
De bo grado ou por mandato,
Que a lei é iso
E sabémolo todos con siso,
Se pensamos que é absurdo entón
Identificar a lei cunha verba que se supón,
A diferenza de tantos, amodo,
O que a lei é, dicir non podo,
Coma eles, non podemos suprimir
O universal degoiro de descubrir
Ou de ceibarnos da nosa posición
Pra gozar de confiada condición.

Aínda que é posible limitar, temesiña,
A túa vaidade e maila miña
Pra manter, que afouteza,
Unha similar estrañeza,
Pra fachendear así e todo:
Coma no amor, digo eu, ben podo.

Coma no amor, nin onde nin por que sabemos,
Coma no amor, obrigar nin escapar podemos,
Coma no amor, normalmemente choramos,
Coma no amor que poucas veces conservamos.