Bases

O programa Filosofía nas Bibliotecas para 2016 hase rexer polas bases seguintes:

1- As destinatarias deste Programa son as bibliotecas de titularidade pública situadas en Galicia e non dependentes de centros de ensino, agás as daqueles centros de ensino que o xustifiquen suficientemente por desenvolveren previamente actividades extraacadémicas relacionadas directamente co obxectivo desta convocatoria.

2- En todas as actividades acollidas a este Programa, así como nos actos previos, publicacións, anuncios, carteis, etc., deberase empregar a lingua galega como idioma vehicular único. Tamén deberá figurar neles, en lugar ben visible, o título da conferencia e o nome da, ou do, conferenciante, así como a denominación do programa (Filosofía nas Bibliotecas) e o nome da Fundación Euseino? a carón do nome da biblioteca organizadora.

3- A Fundación propoñerá as filósofas e filósofos participantes no Programa e, de acordo con estes, o tema do que ha tratar cada conferencia. Nesta convocatoria do ano 2016, os participantes e as conferencias propostas son os seguintes:

Participantes e sinopse das conferencias 2016 [calcar na ligazón para máis información]

4- A Fundación Euseino? farase cargo da retribución das e dos conferenciantes e mais dos gastos de desprazamento causados pola conferencia. Cada conferenciante recibirá un pagamento de 150 euros (impostos incluídos) máis unha cantidade non superior a 50 euros polos gastos de desprazamento (quilometraxe, medios de transporte, etc.), cantidade que deberá xustificarse documentalmente mediante os recibos correspondentes.

5- As conferencias serán públicas, as bibliotecas participantes deberanse encargar da organización do acto antes do remate do ano 2016 e de dalo a coñecer coa suficiente antelación tanto aos seus usuarios e usuarias coma ao público en xeral. Con esa finalidade, as bibliotecas deberanse poñer previamente en contacto coas e cos conferenciantes para acordar a data e a hora da conferencia.

6- A Fundación decidirá o número de bibliotecas participantes neste Programa en función dos seus obxectivos e das súas necesidades orzamentarias.

7- Valorarase especialmente, aínda que non sexa condición necesaria nin obrigatoria para entrar na selección, que a biblioteca solicitante:

a) Dedique un lugar singularizado á filosofía en galego ou realice un labor de difusión das obras de filosofía tanto entre os seus usuarios e usuarias coma a través da Internet. Especialmente da obra das autoras e autores participantes neste Programa.

b) Presente previamente, xunto coa solicitude de participación neste Programa, un plan de actuación, preparación e apoio ás conferencias coma, por exemplo, a realización de actividades previas á visita dos autores, organización de grupos de lectura das súas obras, realización de obradoiros sobre o tema previsto para a conferencia, etc.

8- O prazo para a presentación de solicitudes abrirase o día 2 de maio de 2016 e rematará o día 31 de maio do mesmo ano.

9- As bibliotecas que desexen participar no Programa deberán enviar a súa solicitude cubrindo o seguinte

Formulario de solicitude [calcar na ligazón]

ou escribindo ao enderezo de correo electrónico fundacion.euseino@euseino.org, facendo constar o seguinte:

a) Datos completos da biblioteca (nome, enderezo, teléfono de contacto, etc.).

b) Nome e cargo (bibliotecario, directora, etc.) da persoa que a representa, documentados suficientemente.

c) Nome da, ou do, conferenciante e título da conferencia seleccionada entre as propostas nestas bases.

d) Para a súa valoración (véxase bases 7a e 7b), se é o caso e non obrigatoriamente, documentación sobre actividades realizadas referidas á Filosofía ou actos de difusión e apoio que se realizarán en relación co tema da conferencia ou coa obra da, ou do, conferenciante.

e) Proposta provisoria de data e hora da conferencia que, logo de entrar a formar parte do Programa, a biblioteca ha confirmar previo acordo co, ou coa, conferenciante.

10- A Fundación, logo da valoración das solicitudes presentadas, fará público o nome das bibliotecas seleccionadas para participar no Programa, ademais das conferencias e datas provisorias nas que estas se han realizar. A selección será inapelable e a convocatoria poderase declarar deserta.

11- De maneira opcional e, polo tanto, non obrigatoria, as bibliotecas seleccionadas integraranse como colaboradoras na Rede “Filosofía nas Bibliotecas” de Acceso Aberto ao pensamento filosófico e estético, rede creada arredor da web da Fundación Euseino? e mediante a cal se difundirán aquelas actividades realizadas polas bibliotecas que estean relacionadas cos obxectivos fundacionais.

12- A través da Rede “Filosofía nas Bibliotecas”, a Fundación distribuirá información, artigos, publicacións e subscricións en Aceso Aberto co obxectivo de difundir o pensamento filósofico en galego nos ámbitos culturais máis propicios para fomentar a actividade cultural en torno á Filosofía.

13- A Fundación resérvase o dereito de facer modificacións ou de tomar decisións non reguladas nestas bases sempre que supoñan melloras que afecten directamente o desenvolvemento do Programa.

14- A interpretación destas Bases dependerá exclusivamente dos órganos rectores da Fundación Euseino?

Bases [PDF]