“Ninguén queda” recibe o Premio da Crítica

A obra de Brais Lamela chega á 7ª edición

O Premio da Crítica, a proposta da Asociación Galega da Crítica, outorgouse a Ninguén queda, a obra de Brais Lamela publicada por Euseino? na colección Rúa do Lagarto, que dirixe Berta Dávila.

A Asociación Española de Críticos Literarios organiza este premio nos catro idiomas oficiais do Estado español para obras de poesía e narrativa. O xurado destacou en Ninguén queda a “hibridación discursiva derivada dunha aparencia de provisionalidade […] que esperta inmediatamente a empatía do público lector”. Do mesmo xeito, salientou a capacidade da obra de Brais Lamela para “facernos preguntas existenciais así como a orixinalidade do punto de vista con que trata a vida rural en Galicia, moi afastada dos tópicos habituais”.

Simultaneamente, a sétima edición de Ninguén queda xa está dispoñible nas librerías e en euseino.org.

A Asociación Galega da Crítica, que fai un labor sobranceiro na difusión da literatura no noso idioma, confirma e engádese á excelente recepción da obra de Brais Lamela nos medios de comunicación, acompañada tamén pola boa e fundamental acollida das persoas lectoras. Diferentes xeitos de amosar a satisfacción lectora e o entusiasmo de quen le Ninguén queda están reflectidos nas fotos e opinións recollidas nas redes sociais.

Este apoio das persoas lectoras, da crítica e dos medios de comunicación coidamos ten unha relevancia senlleira, tanto por se tratar dunha opera prima coma polo tipo de colección e literatura á que está dedicada (col. Rúa do Lagarto). Tamén polo que significa de esteo para o proxecto de Euseino? Social: un lugar para as persoas que escriben e len. Para a literatura e a cultura concibidas desde a independencia e cunha finalidade non lucrativa.

Acceda ás críticas publicadas sobre Ninguén queda na ligazón A opinión da crítica.


Créase o Fondo Numax do Arquivo Euseino?

A Cooperativa Numax asina un Acordo de Colaboración coa Fundación Euseino?

Este mércores, día 26 de abril, Mariña de Toro Cuns, en representación da Sociedade Coopertiva Galega Numax, e Carlos Lema, presidente da Fundación Euseino?, asinaron un acordo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes galegas. Mediante este acordo, o Arquivo Euseino? comprométese a conservar e custodiar a documentación fotográfica e videográfica que recolle a importante actividade cultural desenvolvida pola Cooperativa nos seus locais de Santiago de Compostela. Esta nova alianza ha posibilitar a ambas as partes a rea­lización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias, aumentando a súa difusión e incidencia social alén do ámbito literario.

A documentación cedida vai formar parte do Fondo Numax depositado no Arquivo Euseino? No acto de sinatura, tamén estivo presente Beatriz Fraga, vicepresidenta e cofundadora de Euseino?

O Fondo Numax vai constar das copias íntegras en soporte dixital dos documentos videográficos e fotográficos obxecto do Acordo. Tanto os realizados antes da data de sinatura coma aos que se vaian realizar con posterioridade a el. Con ese motivo, a Cooperativa Numax ha informar expresamente as persoas que interveñan nos actos gravados e fotografados.

A cesión desta documentación ten gran valor documental para o estudo da difusión da cultura e, especialmente, da literatura galega, das intervencións públicas das autoras e autores e para o debate sobre a función dos libros na sociedade actual.

A sinatura do Acordo de Cesión de Documentación ha posibilitar a ambas as partes a rea­lización doutras actividades de tipo cultural nas respectivas sedes e dependencias, polo que se sitúa nun marco máis amplo de colaboración entre as dúas entidades culturais independentes para o estudo, difusión e arre­quentamento da cultura en idioma galego.

O Fondo obxecto da cesión vai pasar a formar parte dun repositorio dixital que facilite a súa consulta a través de euseino.org coa finalidade de apoiar a investigación e difusión deste tipo de material, de gran valor porque recolle imaxe fílmica e voces das autoras e autores galegos.

Tanto pola súa actualidade e renovación constante coma polas características da librería de Numax, especialmente dedicada a literatura, arte e pensamento, os vídeos e fotografías que integran o este fondo documental representan momentos senlleiros da difusión social e do debate no ámbito cultural galego. Neles recóllense os actos, coloquios e presentacións de novidades bibliográficas gravados en directo e fotografados polo equipo da Cooperativa.

Deste xeito, o Arquivo Euseino? continúa acrecentando a súa incidencia no estudo da documentación autorial, desta volta videográfica e fotográfica, converténdose nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a formación da identidade autorial e a súa proxección na sociedade, ademais de estar especialmente dedicado á obra de escritoras galegas contemporáneas ao contar cos fondos de Chus Pato, de Anxos Sumai e o Fondo Berta Dávila, ao que se lles vai engadir proximamente o Fondo Rebeca Baceiredo.

Terceiro número de “Urania”

Chus Pato dialoga con Xabier Cordal sobre “resistencia da auga”

O Gabinete de Poesía da Fundación Euseino? publica en formato PDF e acceso aberto o número 3 de Urania. Publicación sen periodicidade fixa que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais. A súa finalidade é incitar ao pensamento sobre a poesía.

Este novo número de Urania recolle unha conversa sobre o poemario resistencia da auga entre Chus Pato e o seu autor, o poeta Xabier Cordal. Cincuenta páxinas de diálogo lúcido e profundo entre dous poetas que nos achegan a unha obra literaria, á súa orixe e ao seu senso.

Segundo Cordal, “Un poema pode asumir o obxectivo que queira aínda que non sexa moi aconsellable prescribirlle temas, formas ou obxectivos. Sempre atopa maneiras para transmitir algo que andaba máis alá e no que se cadra non dabamos reparado […]. O poema está tan próximo á noción abstracta de significado como distante da noción abstracta de significado, porque (igual ca a sílaba) non pode ser compartido sen determinarse, na voz ou no texto. Como ocorre coas partículas elementais —leo na divulgación da teoría de campos—, aínda que tenda a permanecer algo máis ca elas, o poema nace en canto que se actualiza. Xa descansaba como probabilidade no océano da indeterminación pero só a través da sucesión da sílaba pode existir. Por iso permanece e por iso morre.”.

Ao fío das preguntas incisivas, de potencia interpretativa, que lle formula esa poeta pensadora que é Chus Pato, a conversa parte dunha posición incial que sitúa “ante nós os sistemas de adiviñación, os anuncios en rede, un areal e as tardes de agosto, un brote de peste, as linguas de fogo do Pentecostés, que tratan de remediar a confusión babélica aceptando a diversidade lingüística… e, de súpeto, todo se suspende, todo se comprende”.

O poemario resistencia da auga publicouse no ano 2018 na editorial Chan da Pólvora.

Urania 3

50 páxs.

Sumario
Divídese en apartados de extensión variable, numerados de 1 a 6, desde o poema inicial sen título ata as seis “zonas”, ou “sucos” que a auga vai formando. Son eses leitos de resistencia da auga os que intenta percorrer a entrevista.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta