Poética

“Para introducirme nunha intriga tan consistente, decididamente aínda son novo. Mais, que carafio, iso é o que me vai axudar. Inventemos unha confesión cándida; unha historia que a faga compadecerse e interesarse por min. O fastidioso é que esa historia debe servir tamén para Édouard, a mesmiña historia, e sen contradicirme nada. Boh, habémonos apañar ben. Cómpre contar coa inspiración do momento…” [126]

“—Podes estar segura, miña rula: ¡as palabras só se deturpan cando se imprimen!” [146]

“—Oh, non me refiro a vostede en concreto; cando digo: vostede, entendo: os novelistas. A meirande parte dos seus personaxes parecen construídos sobre pilotes; non teñen alicerces nin subsolo. De veras, creo que hai máis verdade nos poetas; todo o que non está creado só pola intelixencia é falso. Mais eu falo aquí do que non me concerne…” [177]

“É dicir, no canto de me contentar con resolver cada dificultade a medida que aparece (e toda obra de arte só e a suma ou o produto das solucións dunha cantidade de dificultades sucesivas miúdas), cada unha desas dificultades, eu expóñoa, estúdoa.” [186]

“—As economías, que as leve o demo, di Édouard. É o que, na Arte, fan os prolixos.
—¿Por que?
—Porque teñen medo de perder algo.” [252]

“É precisamente porque fago ben as miñas frases polo que as frases ben feitas me arrepían. Non é que me preste a dificultade por si mesma; mais encontro que os literatos de hoxe en día apenas se esforzan de verdade.” [263]

“É coma se fose vapor dentro de min; pode escapar asubiando (iso é a poesía), ou pode accionar pistóns e rodas; ou mesmo facer estoupar a máquina.” [265]

“[…] el considera a inspiración como unha das cousas máis prexudiciais para a arte; e eu abofé que penso que só se é artista a condición de dominar o estado lírico; mais, para o dominar, cómpre probalo primeiro.” [304]

“—Mais, meu amigo, vostede ben sabe que o único que se eterniza son as situacións falsas. Intentar resolvelas é un asunto que ten que ver con vostedes, os novelistas. Na vida, non hai nada que se resolva; todo continúa. Permanecemos na incerteza; e quedaremos ata a fin sen saber a que aternos; mentres agardamos, a vida continúa, talmente coma se nada pasase. E diso tamén se tira partido; como de todo o demais.” [308-309]

“—Téñolle que confesar que, de todas as emanacións nauseabundas que produce a humanidade, a literatura é unha das que máis me desgustan. Non vexo nela máis ca compracencias e louvanzas. E teño as miñas dúbidas de que se poida converter noutra cousa, polo menos ata que non dea varrido o pasado. Vivimos sobre sentimentos admitidos e que o lector se imaxina experimentar porque cre todo o que se imprime; o autor especula sobre iso como sobre as convencións que el cre as bases da súa arte. Eses sentimentos soan tan falsos coma as fichas dos xogos mais son de curso legal. E, igual ca se sabe que ‘a moeda mala substitúe a boa’, o que ofrece ao público pezas verdadeiras parece que nos paga con palabras. Nun mundo onde todos estafan, é o home verdadeiro o que acaba por parecer un lerchán. Xa lle advertín que, se vou dirixir unha revista, ha ser para escachar os moldes, para deprezar todos os sentimentos fermosos e as súas letras de cambio: as palabras.” [319]

“Sempre me preguntei por que prodixio a pintura estaba por diante e como era posible que a literatura quedase atrás. ¡En que descrédito caeu hoxe en día aquilo que, en pintura, era costume considerar ‘o motivo’! ¡Un suxeito acaído! Iso dá risa. Os pintores xa só se atreven cun retrato a condición de eludir todo parecido. […] Non han pasar dous anos para que calquera poeta futuro se crea deshonrado se se entende o que quere dicir. […] Hanse considerar como antipoéticos todo senso e todo significado.” [320]

“—[…] A súa meta era el e o que el proxectaba diante de si…
—Sempre pensei, interrompeu Édouard, que en arte, e en literatura en particular, só contan os que se lanzan ao descoñecido.” [338]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s