“A detonación estética do común”, por Rubén Salgado

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 12 de Anotacións presentamos un autor novo cunha achega teórica que xorde dunha experiencia concreta. Pensamento sobre a arte, a estética e a súa función social. O común e o réxime da arte. Trátase de Rubén Salgado e o seu ensaio títulase A detonación estética do común. Explorando a emancipación das prácticas estéticas hexemónicas”.

O autor sitúase baixo a seguinte advocación de Paolo Virno: “cando a linguaxe se converte no principio fundamental polo cal se organiza a realidade social, toda a realidade social se converte en estética”.

Polo tanto, o terreo común para a arte e a política nunca é o do contido senón o da forma. Na arte soamente hai política na esfera formal porque “incluso a arte que está afastada da arte comprometida toca de paso a realidade social e política”. Mais as formas artísticas vangardistas foxen de calquera medida proporcional da mesma forma que a produción en masa de bens no neocapitalismo. O estético e o político non teñen nada en común dende o punto de vista substantivo. A resistencia social e a estética encóntranse soamente nunha investigación formal debido a esa desproporción da unidade de medida.

Ademais de Virno, no ensaio de Rubén Salgado cómpre salientar dous pensadores máis: Jacques Rancière, coa súa análise dos réximes estéticos da arte, e Tony Bennett, que polemiza co anterior sobre o conflito existente entre dous usos diferentes da linguaxe. Bennett non entende ese movemento paradoxal de desmedida como algo exclusivo do réxime estético da arte —a desmedida vangardista á cal se refire Virno— senón como unha característica paradoxal do discurso estético tras a revolución estética de dous séculos atrás. Esa é a razón pola que Bennett sitúa a devandita incoherencia como pertencente a un trascendentalismo kantiano que, polo tanto, aínda perduraría no pensamento de Rancière.

Mais, ¿como se pode “subverter” efectivamente a universalización dominante da dinámica neocapitalista? ¿Haberá que asumir o rol de resistencia fóra do terreo institucional, utilizando a estratexia do “éxodo” autonomista, ou haberá —pola contra— que traballar na institución transformando a práctica desde dentro? Así, segundo Salgado, a emancipación terá que pensarse en termos de linguaxe co uso de narrativas diferentes para respectar a natureza heteroxénea dos comúns.

Para elaborar a súa reflexión teórica, Rubén Salgado parte dunha experiencia concreta: o caso do Cluster e o Dialecionario.

O presente artigo non foi en realidade unha investigación iniciada dende un debate teórico particular […] senón que foi desta rede [o Cluster], e da súa práctica subversiva e sen precedentes no panorama cultural da arte contemporánea, de onde xermolou o marco teórico do que parte o debate precedente. […] Entre 2011 e 2013, oito organizacións europeas e de Oriente Medio, dedicadas á arte visual contemporeánea, conformaron unha rede internacional chamada Cluster […]: CAC Brétigny, en Brétigny-sur-Orge, París; Casco – Office for Art, Design and Theory, en Utrecht; CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, en Móstoles, Madrid; The Israeli Center for Digital Art, en Holon, Tel-Aviv; Les Laboratoires d’Aubervilliers, en Aubervilliers, París; P74 Center and Gallery, en Liubliana; The Showroom, en Londres, e Tensta Konsthall, en Estocolmo. Os membros da rede atópanse todos en zonas da periferia destas cidades, as cales posúen poboacións migrantes significativas e nas que se acadan niveis grandes de pobreza e desemprego. A lóxica da que partiu este proceso colaborativo foi a de entender “a maneira na que as organizacións operan en relación cos seus contextos locais e coas expectativas específicas dos investidores e dos medios de comunicación”.

Velaquí un autor novo, un xeito novo de enfrontarse ao fenómeno artístico.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Rubén Salgado en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

A detonación estética do común

 

Cuberta+lombo

 

O xardín en movemento

Os días 12 e 13 de febreiro asistimos en París ao coloquio sobre “A xénese do transcendental” ou, dito doutro xeito, sobre as condicións do pensamento, organizado por Anna Longo coa colaboración do Instituto Acte, da Sorbona 1, e do Laboratorio de Ontoloxía (LabOnt), da Universidade de Turín. No coloquio, entre outros participantes, estiveron presentes os filósofos Didier Debaise, cun relatorio sobre a experiencia e os seus posibles; Maurizio Ferraris, que falou do transcendental como emerxencia, adiantando parte do seu próximo libro, que vai ser publicado por Einaudi; Claude Romano, quen pola súa banda fixo unha exposición sobre o realismo causal desde o punto de vista da fenomenoloxía; o profesor Jacinto Lageira, que disertou sobre a imaxe realista na arte, e a antecitada Anna Longo, que deu unha conferencia sobre a xénese do transcendental e a superación da correlación en Fichte.


O xardín de Gilles Clément

Despois de asistir ao coloquio, tivemos ocasión de achegarnos ao museo do Quai de Branly co obxectivo premeditado de visitar o seu xardín, deseñado polo xardineiro Gilles Clément, por cuxo traballo sentimos admiración desde hai xa anos.

As ideas de Clément sobre o xardín, principalmente a súa noción de xardín en movemento, permítennos pensar a materia continxente sen xebrala necesariamente dunha idea da estética non como estudo da arte e da representación senón como ontoloxía dos obxectos materiais e dos obxectos retóricos.

577px-August_Macke_018

O xardín en movemento de Clément caracterízase por:

a) Aproveitar a capacidade das catástrofes (climatoloxía adversa, medio natural degradado, unha toupa no xardín) para xerar formas de vida novas.

b) Rexeitar a oposición convencional entre regularidade e “formas naturais”.

c) A fascinación polas “decalaxes” e as “fallas” tanto no espazo coma no tempo.

d) Unha maneira de traballar no xardín que consiste en “observar máis e facer menos de xardineiro”.

e) A defensa das plantas ventureiras.

A idea de xardín, polo tanto, acaba por ter todo o seu senso en contextos novos, imprevistos e imprevisibles nos que a continxencia amosa a súa relación co posible. As leis do xardín son continxentes e cambian non só por decisión do xardineiro senón pola materia que o forma. As relacións entre os elementos do xardín —ser humano incluído— están integradas no xardín mesmo como parte activa, pragmática, como cousa.

Esta maneira de pensar o xardín é capaz de “situarnos noutros termos diferentes ao do enfrontamento que opón sen cesar as ilusións da orde ás ilusións da desorde” xa que na súa posta en práctica “non se prediciu o vencello que podería haber entre entre elas” (Clément 2, 21 e 23). Daquela, a orde non é necesariamente excluíble da desorde, a orde forma parte da desorde do mesmo xeito que as leis físicas existen malia seren continxentes.

De aí a oposición ás demoucas e ás segas sistemáticas e uniformes, á idea de xardín como elemento soamente ornamental, ao papel do xardineiro como decorador e, polo contrario, a atención prestada a “unha vexetación dubidosa, caótica, en camiño cara a un equilibrio único, preciso e, non embargantes, móbil.” De aí a preferencia polas costas abruptas, polas beiras das estradas e polos ribazos como lugares que acollen as especies expulsadas das terras cultivadas; e tamén a crítica aos “espazos verdes” como substitutos do xardín, como xeito de simple amenidade urbana, decorado disposto para podar, segar, soprar, aspirar e utilizar as máquinas co obxectivo único de lograr un obxecto estéril, algo que só sirva para aumentar o valor da cidade.

Iso equivale a dicir que a concepción deste xardín está perpetuamente relanzada polo movemento [continxencia] e o tempo e que pretende igualmente dirixir ese movemento e ese tempo. (Clément 2, 29)

Se en todos os xardíns que actualmente coñecemos a súa concepción se realiza antes da súa posta en práctica, no xardín en movemento, pola contra, a concepción intervén despois. O progreso na formación do xardín faise por saltos e procede dun modo de percepción global, multidireccional e non deductiva:

Os saltos, os percorridos con hiatos, como técnica de apropiación do espazo (obxectos recoñecidos, logo apropiados) incitáronme a empregar os vexetais que, fronte a outros, teñen unha tendencia á vagabundaxe. É o caso das plantas bianuais, que encaixan moi ben neste tipo de xardín […] [Por iso,] o discurso que sostén este tipo de xardín está moi afastado do “ecoloxismo” […] unha incoherencia [continxencia] estética semellante á da faísca: un encontro fuxidío que esclarece un anaco de tempo. (Clément 2, 29-30)

Cando se fala  de conservar ou de clasificar unha paisaxe, só se pode pretender protexer o mecanismo que rexe a súa transformación e non unha figura dada do seu estadio evolutivo. (Clément 2, 43)

A relación entre os diferentes elementos do xardín —o clima, o terreo, os tipos de plantas, as estacións do ano, a acción do xardineiro— deixa de ser un elemento máis do adobío para se converter no pulo principal do seu movemento; o xardín está constituído pola continxencia mesma da relación entre as súas partes.

Así, o xardín é, ao tempo, materia e senso, no xardín a estética acada a súa función como ontoloxía pois nel lógrase fusionar obxectos materiais e obxectos retóricos nunha modalidade de aparición, ou irrupción, que outorga significado e existencia ao obxecto xardín como pragma, como cousa. No xardín, obxecto retórico e obxecto material configuran unha pragmática na que a estética ten a mesma capacidade ontolóxica ca a natura. O que se realiza no xardín é a inserción da continxencia da materia nun campo de senso mediante unha modalidade de presentación ou obxecto retórico.


A estética como ontoloxía

De aí que sexa pertinente lembrar agora o debate sobre a estética como filosofía primeira, iniciado por Graham Harman en ensaios coma “Da causación vicaria“, no que se afirma que a separación entre unha cousa e as súas calidades deixa de ser un fenómeno propio da experiencia humana para pasar a ser a base de todas as relacións entre obxectos reais, relacións causais incluídas. Dese xeito, as relacións entre todos os obxectos, incluídas as partículas do chan, só se poden producir a través do medium e endexamais dun xeito directo senón mediante o acceso ás súas calidades relacionais (ou sensibles).

Noutras palabras, a estética —as sensacións— pertencería á ontoloxía como totalidade, ás relacións entre os obxectos reais. Como apunta Louis Morelle en Cosmologie et perception, esta noción de relación implica a) unha igualdade primeira das entidades pola que todas posúan un estatuto ontolóxico idéntico, sen o cal endexamais poderían entrar en relación, b) unha diferenza entre entidades, sen a cal a relación sería unha simple identidade, e c) un modo específico de relación, un medium, que é o que fai conmensurables as entidades as unhas ás outras, sen o cal a relación sería unha xustaposición ou unha asimilación, logo non unha relación (vid. Morelle, 44-45).

Mais, como avisa tamén Morelle, cómpre ser precavidos ao achegar a estética á ontoloxía:

Abofé que é posible saudar a vontade de integrar a estética como parte intrínseca do mundo e non facer dela un acontecemento de ruptura fundamental que sería o representante dunha forma de imposible que só se tematizaría en termos de misterio […] (Morelle, 113)

Dese xeito, na comparación entre ontoloxía obxectual e estética, a que sairía gañando había ser esta última, que, como disciplina, acabaría arrequentada de achegas coas que se poñería por diante a obxectualidade das relacións a todos os niveis do ser e se farían máis complexos os esquemas de interpretación. Mais iso non había impedir que a experiencia estética quedase decididamente atrás, reducida a un papel subordinado senón subalterno, de aí que “as aporías que implica que o filósofo recorra á estética sexan difíciles de eclipsar, xa que requirirían unha metodoloxía específica que semella faltar no momento actual” (Morelle, 114).

Efectivamente, esa metodoloxía aínda non está elaborada malia que pensadores como Markus Gabriel fixesen un esforzo considerable mais non suficiente por achegarse a algo semellante. A teoría dos campos de senso, malia correr o risco de estimular certos excesos teóricos, podería ser útil para favorecer un marco metodolóxico no que a estética se integrase no mundo xa non como unha excepción nin como unha revelación misteriosa senón como unha relación entre obxectos a nivel ontolóxico.

Por esa razón formulamos aquí a hipótese de que no xardín en movemento de Gilles Clément se realiza a inserción da continxencia da materia (obxecto material) nun campo de senso que lle outorga significado mediante unha modalidade de presentación á que nós denominamos obxecto retórico porque, ademais do obxecto material (adxectivo que non supón manter efectiva a distinción entre materia viva e materia inerte), implica a intervención de linguaxes vehiculizadas a través do ser humano. De feito, a noción de campo de senso establece un tipo de relación que, segundo Gabriel, se basea no acceso ao senso mediante “o acceso a un ámbito obxectual potencialmente independente da linguaxe e xeralmente independente da representación” (Gabriel,  69). Logo ese sería un tipo de relación que respectaría a igualdade primeira das entidades, tamén a súa diferenza e mais o modo específico de relación establecida polo propio campo de senso.


Bibliografía

Clément, Gilles

1. Une brève Histoire du Jardin, París: Éditions JC Béhar, 2011.

2. Où en est l’herbe? Réflexions sur le Jardin Planétaire, Actes Sud, 2006.

Gabriel, Markus

Il senso dell’esistenza. Per un nuovo realismo ontologico, Roma: Carocci Editore, 2012.

Harman, Graham

“Da causación vicaria”, Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 9, xuño de 2015, Euseino? Editores, en liña, URL: https://euseinoeditores.wordpress.com/anotacions-no-9-da-causacion-vicaria-de-graham-harman/

Morelle, Louis

Cosmologie et perception. Éléments d’une pensée non-anthropocentrique, Université de Paris I – Panthéon-Sorbonne, UFR de Philosophie, Travail d’Études et de Recherches pour obtenir le Master 2 Recherche en Philosophie Spécialité «Philosophie Contemporaine», 2010-2011.