Literatura e hospitalidade

Co gallo da 3ª edición de “Eu son o monte”

A publicación da 3ª edición de Eu son o monte, de Sara Guerrero, lévanos a facer unha reflexión a partir desta obra narrativa na que realidade ficcional e realidade actual se iluminan mutuamente. Un tipo de ficción narrativa que non busca a comodidade da persoa lectora a través dunha identificación inmediata co tema e cos personaxes. A obra deixa nas mans de quen le a decisión, abre a capacidade de interpretación ao non fixar previamente unha recepción adecuada.

Se unha das funcións da literatura pode ser axudarnos a buscar certa ausencia de comodidade que nos sitúe perante unha percepción da que a persoa lectora se cadra non era completamente consciente, no caso da narrativa a distinción entre ese divertir (facer diversa a persoa que le) e entreter (facer que quen le se identifique) ás veces non é doada de establecer. Endebén, a filosofía moderna nunca deixou de reflexionar sobre a literatura ademais de apoiar a crítica literaria na súa función iluminadora. Esa función que a crítica comparte coa filosofía resulta esencial porque literatas e literatos non a poden realizar, excepto de facela a risco de acabaren co papel divertente da súa arte.

Isto é, as reflexións teóricas dos e das escritoras unicamente poden cumprir unha función, a de defender ou espallar a súa obra, o contrario é imposible pois unha cousa endexamais pode cuestionar a fondo a súa propia existencia. Pola contra, a crítica é destrución pois ao considerar e desbotar as ideas recibidas vólvese ao estado inicial, de aí que a función principal da lectura crítica ou da interpretación non sexa a de instaurar outra conceptualidade que fose a boa senón a de desaparecer como tal conceptualidade e deixar estar pura e simplemente a obra de arte.

Literatura, ou o idioma como hospitalidade

Ao ser homenaxeda o pasado día 24 de maio coa distinción da plataforma crítico-literaria feminista A Sega, Sara Guerrero escribiu que “a literatura é unha casa […] Mesmo para poñer en cuestión que a casa sexa necesaria, cando podemos ser o monte.”

Deixar de pertencer, ser impropia para ser tal. Esa ben podería ser unha das funcións da literatura, facer un idioma estraño aos seus propios e propias falantes. E isto por unha razón ben simple, porque a hospitalidade só é posible despois da desposesión. Todo o demais é o contrario da xenerosidade. Recibir a alguén como dono non é ser hospitalario, é ser propietario: ser o propio do lugar fronte ao hóspede que chega de fóra.

Por iso, o espazo da nación, o solo ou o territorio, non ten nada de natural, nada dunha raíz, sexa ou non sacra, nada dunha posesión para o —ou a— ocupante nacional. A terra dá ante todo hospitalidade, unha hospitalidade xa ofrecida antes a quen a ocupase inicialmente, unha hospitalidade provisoria, consentida, a quen alí se aloxa, incluso se acaba por ser a persoa dona ou propietaria deses lugares. É a mesma hospitalidade que ofrece a materia respecto da vida e do pensamento. Unha hospitalidade tan xenerosa que é inapropiable por ser sempre continxente.

Hospitalidade sen propiedade

De botarmos man a unha idea para achegarnos a esa hospitalidade, poderiamos falar da idea de migración, que en principio cadra co tema de Eu son o monte.

Unha idea de migración que, segundo Aijaz Ahmad é central para a autorrepresentación tanto na ficción coma na vida especialmente a partir do tardomodernismo, da elaboración da noción de Terceiro Mundo e do espallamento da súa literatura, nomeadamente realizada a través das linguas e das instancias coloniais. A cuestión colonial subxace nesta concepción da migración que Ahmad critica, estaría relacionada cunha descolonización aparente —xa que a transmisión destas culturas que foron colonizadas se fai mediante o idioma das metrópoles— e tería dúas versións:

1) A migración presentada como unha condición ontolóxica de todo ser humano, polo que a condición de migrante aparecería ao longo de toda a historia como algo que é definitorio da humanidade.

2) O mito da ausencia de pertenza ontolóxica reemprazaríase na segunda versión por outro mito máis amplo, o do exceso de pertenza: xa non se trataría de non pertencer a ningures senón de pertencer a calquera lugar, a todos os lugares sexan os que foren.

Esta última sería a condición migrante do chamado Terceiro Mundo, condición ateigada de ecos da tradición literaria do tardomodernismo e dos posicionamentos filosóficos postestruturalistas que critica Ahmad no seu libro In Theory.

Adiantándose e sobardando todas esas posicións teóricas posmodernistas actualmente vixentes, Emmanuel Levinas sitúa a cuestión da migración nun ámbito filosófico diferente, o da relación do Mesmo co Outro como relación entre dúas figuras que acaban por dar forma á mesma proposta ética: a da hospitalidade sen propiedade.

Nesa escición, como imos ver, basea un concepto de suxeito que, desde a publicación da súa obra Totalité et Infini, subordina toda a tradición ontolóxica, é dicir, do que existe, a unha ética da hospitalidade.

A proximidade do dicir

O suxeito é refén da identidade, da subxectividade. Para desaloxar a primacía da intencionalidade e, en todo caso, aquilo que vencella esa primacía a unha vontade ou a unha actividade, cómpre colocar o suxeito nunha situación exposta. A da linguaxe, no noso caso a da linguaxe literaria.

A hospitalidade da lingua sempre responde á irrupción imprevisible e irresistible dunha visita. Acontece na obra de Sara Guerrero cando a narradora chega a aldea e comeza a aprender o idioma galego.

Esa visita non responde a unha invitación, sobarda toda relación dialóxica entre quen acolle e quen é acollida pois nunha lingua non existe dono nin ninguén que teña a propiedade e, polo tanto, non existe oposición entre propio e impropio. Precisamente para asegurar esta cuestión está a literatura, ou a función poética da linguaxe. A aparición traumatizante da “visita” ten que preceder ao que denominamos hospitalidade; o que podemos chamar leis da hospitalidade teñen de ser sempre molestas e variables, non necesariamente cómodas e fixas.

A lingua é un territorio non violento, de hospitalidade, se temos en conta que é na linguaxe onde se produce o desenvolvemento positivo dunha relación pacífica, sen fronteiras, con quen visita un idioma. Alí ninguén pode admitir nin expulsar. Identidade e subxectividade cousifícanse no idioma regrado do mesmo xeito que o son das palabras ditas se materializa nas ondas do aire e en ambos os casos, no da palabra escrita e no da falada, logo da emisión a vontade produtora perde todo dominio sobre a literalidade producida ou a palabra dita. A palabra é autónoma e impón a súa grafía e o seu son, de aí o valor de dar a palabra a alguén ou o valor dun documento.

Na entrada desde o exterior dun idioma xorde daquela un recoñecerse mutuo entre dúas aparencias: alleo e propio entran en contacto na lingua e na literatura como territorio de ninguén unicamente alicerzado na condición exclusiva da compartición. Sen esa compartición non hai idioma nin hai literatura. Sen a posibilidade de que nun idioma entre quen queira, sen hospitalidade, non hai idioma. Por poñer un exemplo notorio, o poeta Paul Celan escribiu a súa obra no idioma dos que pretendían acabar coa súa vida, a súa obra configúrase como unha entrada desde o exterior na literatura e na cultura alemás.

Non se trata de entendermos a linguaxe como condición de acceso ao mundo, todo o contrario, tal como Graham Harman nos avisa, Levinas non se limita a usar a linguaxe para ceder o paso a unha teoría do coñecemento, remedia ese defecto frecuente sostendo que a linguaxe apunta máis alá de calquera superficie do mundo, que nos poida ser directamente accesible, cara a algo real que excede a propia linguaxe.

A escisión

Esa realidade que excede a linguaxe é o que Levinas chama a proximidade. A proximidade é outro nome para a sinceridade. Mentres que o uso da linguaxe (é dicir, o dito) atrae inmediatamente a nosa atención sobre a presenza do que designa, a literalidade do dicir introdúcenos nunha relación sincera co mundano. Mais cómpre ter en conta que mesmo a nosa relación co dito tamén debe mostrar un tipo de sinceridade. Porque a sinceridade está en todas partes: na superficie, na profundidade e na materia que as une a ambas.

A pasividade do dicir, a do respecto da literalidade, na que a outra persoa está aí mais non completamente, é como unha especie de “fisión do misterioso núcleo da interioridade do suxeito”, por usarmos a metáfora do filósofo francés. Implica que a relación ten dous elementos separados. Esta “adxacencia na proximidade é unha exterioridade absoluta” mais non “a indiferenza da contigüidade espacial”. Na sinceridade, temos algo que non é fusión nin indiferenza lado a lado. É proximidade. E só a proximidade —a compartición ontolóxica de todo aquilo que existe— permite que as cousas sexan elas mesmas ao tempo que transmiten mensaxes unhas a outras desde a distancia. Sen ela, “ningunha linguaxe sería posible”.

No final de Eu son o monte, a derradeira frase di: “Estou véndome marchar. Escíndome.” A voz xa non é a da narradora, podería ser a voz do mundo aínda que sabemos que para a autora non é exactamente así.

O importante é que nesa frase se sinala a escisión, non soamente a escisión que percorre todo o libro senón a escisión da proximidade, a da sinceridade. O Outro non é a negación do Mesmo como querería Hegel xa que o feito fundamental da escisión ontolóxica no Mesmo e no Outro é que se trata dunha relación non alérxica do Mesmo co Outro. A existencia, igual ca a literatura, require desa escisión.

Bibliografía

Ahmad, Aijaz, In Theory. Nations, Classes, Literatures, col. Radical Thinkers, Londres: Verso, 2008.

Derrida, Jacques, Adieu à Emmanuel Levinas, París: Éditions Galilée, 1997.

Harman, Graham, “Aesthetics as First Philosophy: Levinas and the Non-Human”, Naked Punch Review, <https://nakedpunch.com/aesthetics-as-first-philosophy-levinas-and-the-non-human/>, consultado o 23 de maio de 2025.

Levinas, Emmanuel, Totalité et Infini. Essai sur l’extériorité, Kluwer Academic, ed. orixinal Martinus Nijhoff, 1971; París: Le Livre de Poche, 2006.

Otherwise Than Being, traducido para o inglés por Alphonso Lingis, Pittsburgh: Duquesne Univ. Press, 2004. Citado in Harman, Graham.


“Ninguén queda” recibe o Premio da Crítica

A obra de Brais Lamela chega á 7ª edición

O Premio da Crítica, a proposta da Asociación Galega da Crítica, outorgouse a Ninguén queda, a obra de Brais Lamela publicada por Euseino? na colección Rúa do Lagarto, que dirixe Berta Dávila.

A Asociación Española de Críticos Literarios organiza este premio nos catro idiomas oficiais do Estado español para obras de poesía e narrativa. O xurado destacou en Ninguén queda a “hibridación discursiva derivada dunha aparencia de provisionalidade […] que esperta inmediatamente a empatía do público lector”. Do mesmo xeito, salientou a capacidade da obra de Brais Lamela para “facernos preguntas existenciais así como a orixinalidade do punto de vista con que trata a vida rural en Galicia, moi afastada dos tópicos habituais”.

Simultaneamente, a sétima edición de Ninguén queda xa está dispoñible nas librerías e en euseino.org.

A Asociación Galega da Crítica, que fai un labor sobranceiro na difusión da literatura no noso idioma, confirma e engádese á excelente recepción da obra de Brais Lamela nos medios de comunicación, acompañada tamén pola boa e fundamental acollida das persoas lectoras. Diferentes xeitos de amosar a satisfacción lectora e o entusiasmo de quen le Ninguén queda están reflectidos nas fotos e opinións recollidas nas redes sociais.

Este apoio das persoas lectoras, da crítica e dos medios de comunicación coidamos ten unha relevancia senlleira, tanto por se tratar dunha opera prima coma polo tipo de colección e literatura á que está dedicada (col. Rúa do Lagarto). Tamén polo que significa de esteo para o proxecto de Euseino? Social: un lugar para as persoas que escriben e len. Para a literatura e a cultura concibidas desde a independencia e cunha finalidade non lucrativa.

Acceda ás críticas publicadas sobre Ninguén queda na ligazón A opinión da crítica.


“Ninguén queda” chega á 4ª edición

A obra de Brais Lamela, recomendada pola crítica e as librerías. Acollida polas persoas lectoras.

A obra coa que Brais Lamela iniciou a nova xeira de colección Rúa do Lagarto, dirixida por Berta Dávila, chega á súa cuarta tiraxe, que sae esta semana dos prelos da Cooperativa Sacauntos.

Recollemos neste artigo un resumo das críticas e entrevistas publicadas. Desde blogues coma o prestixioso Ferradura en Tránsito II, de Xosé M. Eyré, a artigos de opinión coma o de David Rodríguez en Nós Diario, entrevistas e reportaxes na prensa, entre elas en Fugas, da Voz de Galicia, por Carme D. Prol e no Diario Cultural da Radio Galega.

Na reportaxe na que Ana Abelenda incluía Ninguén queda entre os sucesos deste verán, salientábase a opinión das librerías, coma Numax, de Santiago, e Trama, de Lugo. Ademais, as librerías colaboradoras de Euseino? e moitas outras de vilas e cidades están a axudar á difusión do libro. Tamén a profesora Dolores Vilavedra sumábase a esta boa acollida desde a súa crítica no Diario Cultural da RG.

A excelente recepción dos medios de comunicación vese acompañada pola boa e importante acollida das persoas lectoras que, nomeadamente a través das redes sociais, expresan o seu apoio a esta primeira obra de Brais Lamela. Diferentes xeitos de amosar a satisfacción lectora e mesmo o entusiasmo de quen le Ninguén queda están reflectidos nas fotos e opinións recollidas en EuseinoEditores, nas historias e fotos de euseinosocial e euseino.

Este apoio das persoas lectoras, da crítica e dos medios de comunicación coidamos ten unha relevancia senlleira, tanto por se tratar da opera prima dun autor coma polo tipo de colección e a literatura á que está dedicada. Tamén polo que significa de esteo para o proxecto de Euseino? Social: un lugar para as persoas que escriben e len. Para a literatura e a cultura concibidas desde a independencia e cunha vontade non lucrativa.


crítica de NINGUÉN QUEDA, de Brais Lamela, na nova colección Rúa do Lagarto, de Euseino?, por Xosé Manuel Eyré, en Ferradura en Tránsito II, 28 de xullo de 2022.

“… a literatura se non é multiformal…entón si que temos que preocuparnos… é positiva a reflexión a que se nos convida. Sería unha parvada establecer ou requirir cotas de ficción na narrativa, a narrativa non só é ficción.”


Brais Lamela: «Vivir nun lugar propio pode ser un acto de vangarda, por Carme D. Prol, Fugas, La Voz de Galicia, 29 de agosto de 2022.

“A última sorpresa da literatura galega é unha historia entre dúas realidades, a obra dun autor novel que xoga co ensaio e a ficción.”


Crónicas do desarraigo, por David Rodríguez, Nós Diario, 19-VIII-2022.


“Os 15 grandes sucesos literarios do verán en Galicia”, por Ana Abelenda, Fugas, La Voz de Galicia, 12-VIII-2022.


Brais Lamela, autor de ‘Ninguén queda’: “O que queda non é politicamente neutro, pódese activar”, Diario Cultural, Radio Galega, 8 de agosto de 2022.


Colonos que se desorientan na noite, por Jaureguizar, Galiciaé, grupo El Progreso, 9-VIII-2022.


‘Ninguén queda’, a primeira novela de Brais Lamela, por Dolores Vilavedra, Diario Cultural, Radio Galega, 20 de setembro de 2022.

“Unha narración orixinal e mestiza, tecida cos vimbios da memoria, da (auto)ficción e do ensaio, na que resoan as voces asulagadas polas enxurradas da Historia.”