Todos os anos, ¿e cantos van?, a celebración do Día do Libro o 23 de abril fai que nos preguntemos se esta festa ten algunha transcendenciana función da cultura na sociedade, se implica algunha mellora na literatura, no pensamento e nos demais aspectos da realidade cultural que se expresan mediante a palabra escrita. Se realmente se trata dunha festa da cultura literaria ou se soamente é unha máis das datas que pautan o calendario para estimular o consumo de bens comerciais ao longo de todo o ano; unha vez atrás doutra preguntámonos se, en realidade, todas as persoas e institucións que participamos desde hai tempo no mundo do libro aproveitamos esta celebración para reflexionar sobre o seu funcionamento, sobre os seus obxectivos e sobre a súa capacidade para amosarnos as eivas ou para gratificarnos cos logros.
¿Que é a literatura hoxe e que responsabilidade ten no medio cultural no que vivimos? ¿Débeselle esixir, debémonos esixir algunha responsabilidade, algún tipo de compromiso, ou o chamado mundo do libro non ten que responder de nada ante ninguén? ¿Pode a literatura, como arte e como parte da cultura, sentirse satisfeita e, polo tanto, non ter a necesidade de dicir nada máis do xa dito?
Se cadra moitas das obras publicadas —¿cantas, a maioría, iso que implica?— nos han reafirmar nesa satisfacción. Endebén, tamén hai algunhas, igual non tantas ou moitas menos, que nos aguilloan a pensar o contrario, que nos estimulan a esixirnos máis. Entre elas, a obra de Guy Debord (París, 1931-Alto Loira, 1994) é unha das máis incitantes e das que con maior pulo nos obrigan a ollar para o mundo, a non nos conformar. Escritor, pensador, cineasta, o autor de La Société du spectacle e un dos fundadores da Internacional Situacionista, cos seus escritos logra poñernos nesa tesitura na que celebrar a letra impresa quere dicir pensar e escribir, estar no mundo e sentirse comprometido con el.
Por esa razón, partindo da obra de Debord (da que ofrecemos uns pasos), propoñemos un artigo sobre o libro como produto cultural e mercantil, sobre a literatura e a cultura actual.
Guy Debord, “Rapport sur la construction des situations et sur les conditions de l’organisation et de l’action de la tendance situationniste internationale”
“La Société du spectacle”, por Guy Debord (Escolma)
◊
A mercadoría como espectáculo
O modo sensible atópase reemprazado por unha selección de imaxes que existe por riba del e que, ao tempo, se fai recoñecer como o sensible por excelencia. [36]
A perda da calidade, tan evidente a todos os niveis da linguaxe espectacular, dos obxectos que loa e das condutas que regra, soamente traduce as características fundamentais da produción real que afasta a realidade: a forma-mercadoría é de cabo a rabo a igualdade de seu, a categoría do cuantitativo. O que desenvolve é o cuantitativo, e ela mesma só se pode desenvolver nel. [38]
A produción das mercadorías, que implica o cambio de produtos variados entre produtores independentes, puido permanecer durante moito tempo artesanal, contida nunha función económica marxinal na que a súa verdade cuantitativa aínda estaba camuflada.
A economía na súa totalidade converteuse daquela no que a mercadoría estaba a amosar ser no decurso desa conquista: un proceso de desenvolvemento cuantitativo. Ese despregamento incesante do poder económico baixo a forma da mercadoría, que transfigurou o traballo humano en traballo-mercadoría, en asalariado […]
A independencia da mercadoría estendeuse ao conxunto da economía sobre a que reina. A economía transforma o mundo mais transfórmao soamente en mundo da economía. A pseudonatureza na que o traballo humano se alienou […] [40]
A dominación da mercadoría […] en tanto que base material da vida social, pasa desapercibida e non se entende […]
Nunha sociedade na que a mercadoría concreta é rara ou minoritaria, a dominación aparente do diñeiro é a que se presenta como a emisaria fornecida de poderes plenos que fala en nome dunha potencia descoñecida. [41]
Unidade e división na aparencia
O movemento de banalización que, baixo as diversións faiscantes do espectáculo, domina mundialmente a sociedade moderna, domínaa tamén en cada un dos puntos nos que o consumo desenvolvido das mercadorías multiplicou en aparencia os roles e os obxectos para escoller. [59]
[…] para simular tipos variados de estilos de vida e de estilos de entender a sociedade, […] encarnan o resultado inaccesible do traballo social, agarimando os subprodutos dese traballo que se transfiren maxicamente por riba del como a súa finalidade: o poder e as vacacións, a decisión e o consumo que están no comezo e na fin dun proceso indiscutible. [60]
A estrela do consumo, sendo exteriormente a representación de tipos diferentes de personalidade, amosa cada un deses tipos coma se tivese idéntico acceso á totalidade do consumo e coma se asemade atopase nel a felicidade. [61]
Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […] Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura. —Jacques Derrida—
Tarxeta postal dos cantís e peirao de Bournemouth en 1880. R. L. Stevenson e a súa dona Fanny Van de Grift aloxáronse aquí, no Hotel Highcliffe, á súa chegada en xullo de 1884.
Nota do editor
Da correspondencia de Robert Louis Stevenson, escribiuHenry Jamesque “é coma quen puxa delicadamente nunha porta xa medio aberta e entra coa sensación de que non é en absoluto necesaria esa intrusión [pois quen leu a súa obra xa ten a impresión de coñecer intimamente o autor]. Así e todo, ao facelo, ¿non sente que está a vivir canda el como o fixera con anterioridade? A través da súa correspondencia abofé que o ego brilla con magnificencia… que é moito máis do que calquera corresponedencia pode lograr.” Ofrecemos en varias entregas unha escolma das cartas que o autor dos Papeis de Aspern enviou e recibiu do autor da Illa do Tesouro.
A resposta de Stevenson á primeira carta que lle dirixe James está escrita en Bournemouth, onde ambos os escritores habían facer amizade en 1886. No curioso e esaxeradamente xeneroso artigo que este último lle dedicou á edición das cartas do primeiro, escribe que “a impresión, para quen le as derradeiras cartas, é a dunha singular beleza… dun profundo talento, dunha expresividade moi atinada e ricaz e, especialmente, dunha galanura irónica e desesperada que arde, co máis puro dos lumes, nun estraño e alienante ambiente para chegar a nós decisivamente transformada en fume.”(in Notes on Novelists with Some Other Notes, Nova York: Charles Scribner’s Sons, 1914).
Estas dúas cartas coas que se inicia a súa correspondencia poñen de manifesto dúas concepcións diferentes da literatura e a importancia do contexto no que comeza a relación entre os dous escritores, o da polémica que había dar pé á primeira grande achega teórica de Henry James. Por unha banda R. L. Stevenson, un escritor popular de gran difusión, e pola outra Henry James, o autor que inicia un cambio de paradigma na narrativa, o do modernismo anglosaxón que tería o seu punto máis extremo na obra deJames Joyce. A orixe destas dúas cartas é a seguinte:
O 25 de abril de 1884, na Royal Institution de Londres, Walter Besant, daquela no apoxeo da súa popularidade como narrador, pronuncia unha conferencia co título Fiction as One of the Fine Arts, posteriormente recollida en fascículo e amplamente difundida na prensa. Sabéndose aludidos, Henry James e Robert Louis Stevenson deciden entrar na discusión; o primeiro co artigo “The Art of Fiction”, publicado uns meses máis tarde en Longman’s Magazine, en resposta ao intento de Besant por establecer as “leis da ficción”, entre elas a de que os novelistas se deben limitar ao ámbito da súa experiencia, polo que, por exemplo, unha muller nova que resida nunha vila tranquila non podería escribir sobre a vida nun cuartel. Argumento ao que James contesta afirmando que un novelista suficientemente espelido pode coñecer realidades diversas e empregalas con suceso no que escriba. Defende dese xeito a liberdade de escolla do novelista tanto no que se refire ao tema coma ao método para tratalo na ficción: “A única obriga que debe satisfacer unha novela por adiantado para non incorrer na acusación de arbitrariedade é ser interesante.” En especial, James recea das restriccións impostas á ficción con finalidade moral: “Ningunha boa novela pode proceder dunha mente superficial; o que a min me parece un axioma é aquilo que a un escritor de ficción o ceibe de calquera necesidade de fundamentación moral.” Mentres que para o autor de Daisy Miller é discutible que a narrativa de ficción sexa un tipo de artesanía, Stevenson aproveita a súa resposta na mesma revista co artigotitulado “A Humble Remonstrance” (Unha amoestación humilde) para redefinir os termos nos que escribe James, afirmando que tanto Besant coma James non están a falar de ficción senón máis ben da arte da narrativa, algo que, como suxire, está presente tamén na historiografía, na pintura e na poesía. E, cousa máis importante, o autor do Dr. Jekyll e Mr. Hyde cuestiona que a idea de arte teña que rivalizar coa vida: “Ningunha arte […] pode competir exitosamente coa vida, a arte que o faga está condenada a perecer.” Se James defende a importancia da verdade para o novelista, Stevenson considera a verdade “unha palabra de moi cuestionable utilización”, describindo ao seu colega como “un tipo de artista autenticamente intencionado”. Aínda que James explicite na súa primeira carta que está máis de acordo ca en desacordo con Stevenson e este asegure coincidir na natureza “elaborada” da literatura, as súas posicións poñen en evidencia diferenzas significativas no punto de vista.A posición modernista do primeiro afástao da idea que ten da narrativa como fabulación o segundo.
A tradución fíxose a partir de The Letters of Robert Louis Stevenson to his Family and Friends. Selected and Edited, with Notes and Introduction, by Sidney Colvin(Charles Scribner’s Sons, 1899).Ea partir de The Letters of Henry James, edición e selección de Percy Lubbock (Charles Scribner’s Sons, 1920).
Coordinación da sección, escolma e tradución do inglés de Cecilia F. Santomé.
Aínda lin onte á noite o estudo que lle publicaron no Longman’s de decembro en resposta —xenial, por certo— ao artigo que escribín logo de ler a Besant, tamén para dita revista; e, desa encantadora media hora, resultou o desexo amigable de mandarlle unhas palabriñas. Palabras baixo ningún concepto de discusión, disensión, réplica ou protesta, senón de cordial simpatía acompañada da certeza do moito que me presta todo canto escribe. É un luxo, nesta época inmoral, atopar alguén que escriba de verdade e que teña coñecemento do que esa marabillosa arte supón. Sería inxusto competir con vostede niso. Ademais, coido que estamos máis de acordo que en desacordo, e —malia que haxa aspectos en que un espírito menos manso que o meu desexaría furgar— non é diso do que lle quero escribir. Pola contra, agradézolle o moi suxestivas e oportunas que son as súas observacións, tan sentidas e expresadas con brillantez por vostede. Diso teñen en cantidade, e o seu admirable estilo actual aboia en perlas e diamantes. Excelentes como son as súas palabras de peche, e non sei se haberá quen lle dea máis a razón ca min cando propón que toda arte é unha simplificación. Compráceme ver enunciada unha verdade tan claramente. As miñas páxinas na Longman non eran máis que unha alegación en favor da liberdade. Eran só a metade do que tiña para dicir, e un día hei tratar de expresar o restante. Entón, igual lle paso unha man cariñosa polo lombo. Dirá vostede que a miña “liberdade” é unha divindade obesa que esixe medidas especiais. Ou se cadra peche o bico despois de darlle unha última volta. A alegría natural de canto escribe resúltame deliciosa e, cando penso que procede dun home que leva ao lombo tanta carga na vida —ou así mo parece a min—, coido que vostede é sen dúbida un xenio. Aínda que supoño que tamén algo de gusto lle dará. Sempre que vexo a Colvin,2 pregúntolle por vostede. Poida que lle mande esta carta para que lla faga chegar a vostede. Aquí ten o seu fiel servidor, que lle envía os seus mellores e infinitos bos desexos,
Henry James
De R. L. Stevenson a Henry James
Bonallie Towers,3 Branksome Park (Bournemouth) 8 de decembro de 1884
Benquerido Henry James:
Vaia toma de contacto admirable, a súa. En máis dun sentido. En primeiro lugar, por facelo coa esperanza de que teña continuidade. E niso me esforcei. Falando en serio, aqueles que queremos practicar a arte da literatura cunha determinada orientación corremos o risco —por mor da falta de información e da escaseza dun interese ben madurado pola mesma— de non atopar unha audiencia que nos encha. A xente supón que o que lle interesa é “o asunto”. Pensa, por exemplo, que os prodixiosamente elaborados pensamentos e sentimentos dun Shakespeare caen polo seu propio peso, non comprende que un diamante sen pulir non é máis ca un coio. Pensa que os xiros na trama ou os bos diálogos veñen da observación directa da vida, resístense a entender que son o resultado dun artificio buscado e que teñen a súa orixe en dolorosos procesos de supresión. Pero eu quéroo todo ben aireado, polo meu propio proveito e polo do público, e prégolle que non me perda de ollo, que me acompañe en canta ocasión de disensión teñamos sobre unha das miñas tentativas frustradas e enfatice os puntos de consenso (para evitar así que caia sobre min o desprezo dos profanos). Confío en que o seu artigo me deixe marxe para a réplica; e agardo facelo con tanta arte como para tirar de vostede e sacalo do seu silencio, que agora ameazo. Non lle pediría máis á vida que pasala moendo neste cuarto de millo cun axudante coma vostede.
En segundo lugar, é certo que me alegra oílo falar dun xeito tan agarimoso do meu traballo. Alégrame e sorpréndeme. Eu véxome coma un campesiño, moi rudo e zoupón, que non merece que o lea —e moito menos o gabe— un home tan talentoso, tan hábil e con tal mestría coma vostede. Por fortuna, nunca se verá no brete de ter que poñerse na pel dun escritor da miña categoría, que se enfronta derrotado, por exemplo, á escena do parque en Lady Barberina.4 Sorpréndeme en cada pincelada a súa precisión etérea, e o efecto de conxunto —tan sutil coma o syllabub,5 tan nítido coma unha fotografía— dáme moita envexa. Cada un de nós defende o seu propósito e eu prefiro o meu; pero debo admitir que, comparado con vostede, son un pailán de primeira en termos de posta en escena.
Lamento xa iso en que diferimos: tanto o trazado das historias coma o perfilado dos personaxes. Claro que non estou tan falto de luces como para pedirlle que mude de rumbo. Pero non podería nunha novela —por aquilo de compracer un rendido admirador e para que engorde os seus estantes cun volume que lle praza—, ¿non podería, insisto, —ou sen o podería— introducir os seus personaxes nun molde algo menos abstracto e académico (en anteriores traballos seus, a miña querida señora Pennyman6 xa tiña algo diso) e presentar os acontecementos non digo dun xeito máis impactante pero si concedéndolle algo máis de rotundidade —coma se se tratase dun episodio sacado dunha desas mal chamadas “novelas de aventuras de toda a vida”? Témome que non, supoño que non me queda outra que suspirar e admitir que fai vostede ben. Con todo, cando bato, poñamos por caso, cunha especie de Tom Jones tratado coa súa exquisita fineza e atravesado por esa luz indirecta que vostede manexa con mestría, cústame moito pousar tal marabilla e, se o fago, é a desgusto. Non digo máis.
Formo parte —xa o sabe— desa categoría humana, a dos nulos, dada a infatuarse. E iso engádeme presión á hora de recibir visitas. Mais poida que un día destes o embargue a sensación de que unha xornada á beira do mar e entre os piñeirais podería supoñer un cambio agradable respecto da cidade. De ser o caso, prégolle que non deixe de mandarnos recado. A miña muller e mais eu estaremos encantados de acollelo na nosa morada e ofrecerlle de comer e de beber na medida dos nosos posibles —teño unha botella xeitosa de viño bordelés—. Co resaibo del, considéreme o seu fiel servidor,
Robert Louis Stevenson
P. S. Reabro esta carta para dicirlle que volvín ler a miña nota e paréceme que nela estou lonxe de ser respectuoso e fiel á verdade. É obvio que era consciente de que estaba tomando o seu artigo como un simple colgadoiro do que prender as miñas propias observacións pero, ¿que é un artigo se non iso? ¡Anda que non lle vai poder vostede colgar comentarios agudos ao meu! Vaia maneira a miña de atentar contra o principio de proporcionalidade e os máis básicos fundamentos da boa educación para con vostede, ¡por moito que a intención fose a contraria! De feito, sendo como é un lector fino, xa intuiría o que teño realmente no pensamento. Así que só me queda poñer o ramo —pechando antes os ollos e encolléndome de ombros, como non podía ser doutro xeito— con aquela trillada expresión:
Westminster, barrio londiniense. Henry James viviu alí do ano 1876 ao 1886. Hoxe, esa zona pertence ao barrio de Mayfair. (N. da T.)↩︎
Sidney Colvin (1845-1927) foi un crítico literario e artístico británico. Nomeadamente coñecido pola súa amizade con Robert Louis Stevenson, de quen foi o primeiro editor da súa correspondencia. (N. do E.)↩︎
Bonallie Towers foi o cuarto aloxamento de Fanny e Robert Louis Stevenson en Bournemouth desde a súa chegada a ese lugar no verán de 1884. Alí viviron entre novembro dese ano e finais de marzo do seguinte. (N. da T.)↩︎
Publicada orixinalmente entre maio e xullo de 1884 na revista The Century Magazine, pertence ao ciclo de obras “internacionais” de Henry James, obras que subliñan as diferenzas entre a cultura americana e a europea. O realismo co que retrata as clases altas está a miúdo tinguido dun forte sarcasmo. (N. da T.)↩︎
Sobremesa tradicional inglesa do século XVI ao XIX, elaborada a base de leite enteiro ou nata con azucre cortada cunha chispa de viño. (N. da T.)↩︎
Personaxe de Washington Square (1880), novela de Henry James. (N. da T.)↩︎
Referencia á exhortación que Macbeth, heroe da peza homónima de Shakespeare, lle fai a Macduff, señor de Fife e opoñente, ao final da escena VIII do acto V para encirrar a batalla final entre ambos. (N. da T.)↩︎
Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […] Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura. —Jacques Derrida—
Tarxeta postal da casa de Henry James vista desde a praza da Igrexa.
Con esta terceira entrega rematamos a publicación da selección da correspondencia entre os irmáns William e Henry James. Despois da primeira e segunda entregas (“O filósofo e o literato, 1”, “O filósofo e o literato, 2”), nas que se recollían as cartas do filósofo ao escritor, nesta derradeira publicamos tres cartas de Henry nas que o novelista defende a súa concepción da literatura: “Na miña contorna, non vexo por ningures que se practiquen ou se imaxinen as cousas que, para min, constitúen a cerna do interese por escribir unha novela. E, así e todo, o que ti suxires consiste precisamente en sacrificalas alí onde abrollan. Iso proba a distancia que separa e os camiños diverxentes que tomaron —con moita naturalidade e corrección!— as nosas respectivas carreiras intelectuais.”
Iso non significa que Henry non deixe de afirmar: “Resumindo: desde un punto de vista filosófico, estou ‘contigo’ case ao cen por cento. Agardo que o teñas presente e que, en liñas xerais, me entendas.” O narrador escribe sobre a obra filosófica do seu irmán e, concretamente, sobre Pragmatism: A New Name for Some Old Ways of Thinking, un dos seus libros máis importantes.
A tradución destas cartas fíxose a partir de The Letters of Henry James, edición e selección de Percy Lubbock (Charles Scribner’s Sons, 1920).
Traducidas do inglés por Uxía Felpeto como parte do Programa de Edición para Persoas Voluntarias realizado na Fundación Euseino? Tradución revisada e corrixida por Cecilia F. Santomé. Selección das cartas feita por Fernando González Gandára.
Non é que lle dedicase moitos días a escribir despois da carta que lle mandei Aleck e antes da que lle mandei a Peggy. O caso é que, esta noite, decidín que non podo seguir dilatando deste xeito horrible responder como merece a túa liberalísima misiva do 22 de outubro (esa na que me achegabas outra chea de tenrura de parte de Aleck), por moito que leve todo o día metido na casa sen dar un triste paseo, escribindo sen descanso, e agora sexan as 11 da noite e estea bastante mallado.
De todos os xeitos, heille escribir a Alice por un conto —débolle unha carta a ese ídolo eterno meu, razón de máis para escribirlle—. Faime o favor de dicirlle —con todo o meu cariño— que non é que me teña moi contento e que llo había facer notar doutra maneira que non fose este longo e frío silencio meu de non ser pola presión por escribir á que me vexo sometido e que me impide dedicarlle tempo ao correo. Pero, como xa me foi pasando o cabuxo, prégoche que lle digas a Alice que a primeiriña carta que escriba será para ela. Iso si: que non se lle ocorra mandarme unhas letras —nin en soños!— antes de ter noticias miñas.
Dáme moito gusto e reconfórtame poñerme a cavilar no esplendidamente que todos vós me estades saíndo —sobre todo, Harry e Bill, ademais de Peg e Aleck, que leva a dianteira. E que dicir de Alice e mais de ti…—. Lévovos no peto da miña alma e remexo en vós —un por un ou por separado— e fágovos tinguilear e ruxicar e repenicar, pois a sensación que me dades é de gozar dunha inmensa e moi sólida (para os meus estándares) fortuna. Alégrame moitísimo —dillo con todo o meu cariño— a noticia dese traballo tan excelente que conseguiu Bill e devezo por coñecer un chisco máis sobre el. En todo caso, dille que estou desexando que cheguen as vacacións para que veña para aquí; oxalá me decatara antes da situación na que se atopa Harry. Pero, aínda así, confío en que veña.
Agardo ser quen de artellar —en resposta ao que me escribiches sobre a túa lectura de Golden B. [The Golden Bowl, 1904]— algún textiño de ficción de natureza insólita que satisfaga a un irmán en letra maiúscula coma ti pero —permíteme que che diga, meu querido William— xa me amolaría que che gustase e que acabases meténdoo no mesmo saco que outras cousas actuais que che oín chufar e que preferiría que me enterrasen coma un can antes que escribilas. Con todo, heiche escribir ese libro, e heino facer seguindo o raio de método do “dous máis dous son catro” no cal se basea toda a marfallada que nos rodea, para logo descender á miña deshonrosa tumba e dedicarme á arte do lapis de grafito no canto de á arte do pincel (nótese que estiven lendo Balzac). Pero, falando en serio, éche demasiado tarde xa e estou demasiado canso para darche unha opinión sobre este asunto máis alá de dicir que, coma sempre, lamento saber que vas ler algo meu e que sempre albergo a esperanza de que non o fagas. É coma se a túa propia constitución che impedise “gozar” da súa lectura e te obrigase a velo desde un punto de vista tremendamente alleo ao meu cando o escribín e ás condicións das que —de xeito inevitable— se desprende. De maneira que parece que nunca che chega esa serie de intencións que xustifican para min a súa existencia e que asumes que a vida e os elementos que constitúen a súa trama se desvían do camiño da felicidade, pois non presentan unha analoxía —imposible, por outra banda— coa vida en Cambridge.
Na miña contorna, non vexo por ningures que se practiquen ou se imaxinen as cousas que, para min, constitúen a cerna do interese por escribir unha novela. E, así e todo, o que ti suxires consiste precisamente en sacrificalas alí onde abrollan. Iso proba a distancia que separa e os camiños diverxentes que tomaron —con moita naturalidade e corrección!— as nosas respectivas carreiras intelectuais. O que non quita que te lea enfeitizado e que, hai tres semanas, pasase tres ou catro días en Brighton con Manton Marble2 e que, ao ver que tiña por alí moitos dos teus últimos artigos e discursos, me dese tempo de ler unha boa presa deles —pois tiña marxe polas mañás, que botaba no cuarto mentres tomaba o almorzo e o xantar, segundo é costume nesa casa— e que me entrase gana de pedirche solemnemente que me envíes algúns dos que tantas veces vin estando en Irving Street e que lle mandas a calquera menos ao teu irmán. Daquela non tiña tempo para lelos. Resumindo: desde un punto de vista filosófico, estou “contigo” case ao cen por cen. Agardo que o teñas presente e que, en liñas xerais, me entendas.
Por certo, hai dous libros —un deles, de ficción— polos que acepto que tu raffoles3 canto queiras, posto que eu tamén o fixen: “Utopía” [A Modern Utopia, 1905], de H. G. Wells, e mais o seu Kipps. “Utopía” paréceme extraordinaria —e non só polo seu descaro—, e Kipps é unha pequena xoia. Se aínda non os liches, faino. Sobre todo, Kipps.
Hai outro asunto que non podo deixar de mencionar do orgulloso que estou do favor que me fixen e lle fixen a Lamb House e ao meu xardín ao levar o invernadoiro da parede vella que hai xunto da casa —no xardín traseiro— e colocalo nun sitio mellor, contra o muro que dá á rúa. Dese xeito, devolvinlle ao xardín dianteiro o espazo liberado para que se manifeste en toda a súa inmensidade e fermosura.
Ala, veña! Deséxoche boa noite con cariño.
Sempre teu,
Henry
En Lamb House, Rye, a 17 de outubro de 1907
Meu queridísimo William:
Ao que parece, fun seguindo bastante ben o que fixeches este verán, ás caladiñas e con gran alborozo, grazas ao que Bill me contaba mentres non marchou e ás marabillosas e abundantes novidades que sobre o mesmo me fixestes chegar ti e mais Alice directamente. E, véndote tan rebulideiro e presto para rebulir, tan liberado e libre de cadeas para facelo, ademais de tremendamente prolífico e tan desbordante aínda, só podo colixir que che van ben as cousas. A túa visita anual á vila de Keene Valley4 —que nunca verei cos meus ollos— e as referencias que a ela fas —como a desta noite— aguillóanme e case me meten a ansia —ou, mellor dito, a amargura da envexa— no corpo. Pouco hai na miña vida que se imite ao espírito de Keene Valley.
Así e todo, subín ata Escocia hai un mes para pasar cinco días no extenso predio de caza de John Cadwalader5 (o de Nova York) en Forfarshire, que lle alugan como parte dos dominios de Lord Dalhousie, un auténtico principado. E alí, gozando dun tempo absolutamente delicioso, puiden saborear brevemente pero con intensidade as bondades dos páramos e as montañas, que aquel aire e dez millas de andaina entre a braña ladeira arriba e abaixo para xantar canda os cazadores me serviron en bandexa. Foi unha experiencia deliciosa.
Mágoa que iso sexa xa cousa do pasado e que agora estea “asentado” aquí, deo volente6, e teña por diante unha boa temporada de recollemento e traballo urxente, na época do ano que máis me presta neste sitio polo moito que me axuda a concentrarme (e, para min, il n’y a que ça!)7. Iso vaime manter a flote —espero— ata finais de febreiro, que é cando conto con subir para Londres ata mediados de maio, sen máis. De aquí en diante, acabáronse as viaxes fóra (se Deus quere)!
Por que raio non che escribín despois de ler o teu Pragmatism? Que me privou de facelo? Non che podo dicir, como non fose o feitizo que me causou o propio libro, tan interesante e cativador, e que me fixo somerxerme nel cunha mansedume e unha entrega que calquera reacción —mesmo un aviso de recibilo— soaría case a discrepancia ou a vía de escape. Así que me entreguei á reflexión sobre ata que punto levo toda a vida entregándome inconscientemente ao pragmatismo, igual que monsieur Jourdain8. Tes toda a razón do mundo, así que estiven estudando unha manchea de actualizacións túas sobre a cuestión no American… Journal of Psychology?, do que o teu devoto e lector voraz Manton Marble me forneceu —como fai sempre que llo pido—. Ler ese libro foi o acontecemento entre os acontecementos do meu verán. E, falando diso (dos libros): emocióname tremendamente que digas que lle liches fragmentos da miña American Scene —espero que Bill che fixese chegar sen maior problema o exemplar da edición inglesa— á señora Bryce e que, dese xeito, lles concedeses unha proba do mérito que para ti teñen. Abofé, dáme un gusto que non vexas que lle concedas a toda ela a categoría de “cousa köstlich9” e que digas que como tal hai que lela e valorala realmente; mais tamén me fai lembrar o moito que lamento e me doe que o destino me impedise —semella que agora de xeito definitivo— levar a termo o meu plan e preparar un segundo volume que incluíse máis impresións para engadirlle ás anteriores. Pois claro que o tiña planeado. O segundo volume ía tratar o tema —e as miñas múltiples impresións sobre o mesmo— desde varios puntos de vista, levaría outras fotografías a maiores… En resumo: sería unha proposta de máis mérito. Pero non estaba de ser…
Estouche escribindo metido na noite, tempo morto e infeliz, mentres bate a choiva contra o tellado e o vento dá nas chemineas. Ai, ese Cambridge onde non ventea e onde non hai cancelas! Choyez-le!10 Dille a Alice que isto “tamén vai para ela”, pero que poida que reciba ela máis noticias do teu e do seu incondicionalmente
Henry
En Lamb House, Rye, a 31 de outubro de 1909
Meu queridísimo William:
Hai moito xa que me foron chegando misivas de todos vós, cousa que agradecín pero á que non correspondín. Primeiro, heime centrar en dúas túas que teñen un especial mérito para min (e que me enviaches desde Cambridge e Chocorua, respectivamente), sen contar as secuelas pintorescas desde Franconia, as postais con tintura outonal etc. que recibín hai non sei cantos días. Deixo á marxe tamén unha digna de admiración que me mandou Harry e outra exquisita asinada por Bill, ás cales me dedicarei máis tarde con todo o meu afecto —díllelo, que non teñan dúbida—. A iso hai que engadirlle a recepción —moito máis recentemente— do teu arriscado último libro, no cal me mergullei de inmediato e que devorei con certa ansia ata quedar a cincuenta páxinas do final —un número estupendo que marca onde me detiven esta noite—, de aí que me poña tan tarde con esta carta. Resúltame dun interesante que emociona, exultante e brillante. Admiro profundamente a túa suntuosidade e poderío. O xeito en que armas a túa defensa —pois moito me parece que é no que te centras— faime vibrar todo o que son capaz de vibrar a día de hoxe sen que haxa polo medio un motivo romántico. E a esa defensa me entrego a fondo, sen reservas e —permíteme que o diga— case que con intelixencia. Non me resultas nin de lonxe tan difícil como, de seguro, difícil llelo pos aos teus críticos. É evidente que estás gañando unha batalla importante e que importante será a fama que che reporte.
A xulgar polas túas cartas, conseguiches pasar un verán alegre e sen preocupacións. Nelas, percibo con arroubo —e espero non enganarme— unha especie de inmunoloxía comparativa entre o terrorífico íncubo humano, a espantosa falacia ad populum de antes e os teus sacrificios infrutuosos por ese demo de Moloch. Oxalá esa redención luminosa medre sen parar e, canda a ela, o teu benestar físico e persoal, a túa autonomía e o teu dominio de ti mesmo. E que sexa para ben. Amén, amén! (espero que isto non sexa motivo de burla para Alice…).
1 de novembro. Onte á noite, deixei isto e fun para a cama; agora, aproveito para engadir algún comentario máis logo dun día gris, sen vento e —vaia milagre— sen chuvia malia que o ceo estivese moito para chover, que tivo unha interrupción máis ben triste en forma de visita dunha persoíña de Nova York [que] me roubou unha ou dúas horas antes da miña colación vespertina —durante a cal contaba poder rematar The Meaning of Truth11—. Con todo, avancei moito desde a antedita merenda, e fíxeno con renovadas ansias de papalo todo.
Seguramente, ti fagas da filosofía algo moito máis interesante e vivo que ningún outro antes. E falo dun xeito verdadeiramente creativo e indestrutible, e, grazas a iso, todo canto escribes intervén na miña mísera consciencia creativa, na miña visión artística e aspiracións mediante a súa extraordinaria capacidade de provocar, a potencia da súa aplicación e a súa inspiración. Dou grazas ao poder divino —que é como darchas a ti!— por unha filosofía oportuna, doada de asimilar e de relacionar, que estea conectada co resto da vida intelectual dun outro xeito e sen mesturar allos con bugallos. En resumo, meu querido William: paréceme que esta colección de artigos que compoñen a túa última obra —e que eu xa lera por separado antes— produce un efecto acumulativo exquisito e encantador e, por dicilo dalgunha maneira, che ha axudar a consagrarte. Pola miña banda, coido que a Pragmática queda así blindada. Un apoio que agardo que faga moito pola devandita causa!
Aínda que non me resulta menos inspirador —xa postos— o informe que inclúes na túa fermosa carta do 6 de outubro, desde Chocorua, sobre Alice e a vosa prole —en particular, sobre Bill e Peggot—, e que vén confirmar o que eu xa observara no Fillo e que bota luz sobre a Filla… Fixen o firme propósito de escribirlle a ela directamente e pregarlle que me envíe unha carta.
Ai! Douche outra vez as boas noites. Voan os meus pensamentos cara á distancia onde te atopas, batendo as ás desconsolados por acadar o obxectivo, coa esperanza de que o outono de Cambridge veña fermoso e cheo de saúde para ti. Tárdame tanto Alice que me pregunto se nalgún momento antes de que chegue o Nadal poderá facer un oquiño para que eu vexa un pouco como lle vai agora que se desafixo da escritura. Ai, se puideses saír o verán que vén o que non saíches estes dous anos…! Esta casa sería máis que nunca a túa fortaleza, o teu tempo, o teu cuartel xeral!
Mándovos unha aperta a todos e, en particular, envíolle todo o meu cariño á señora Gibbens.12 O teu irmán que te quere máis ca ningún,
Henry James
[1] Lamb House é a casa na que Henry James viviu en Inglaterra desde 1897 ata 1916, ano da súa morte.
[2] Manton Marble foi un xornalista estadounidense. Fundou o New York World e editouno durante uns anos.
[3] No orixinal, emprégase o termo francés “raffoler”, que podería traducirse como “tolear”. Aquí, introdúcese conxugado para manter o xogo idiomático.
[4] Keene Valley é unha vila do condado de Essex, en Nova York.